Wikipedia:Artigo destacado/febreiro 2012

A Comisión Negociadora da Oposición foi unha plataforma constituída en 1976 por nove representantes dos partidos políticos e comunidades autónomas para negociar co Goberno de Adolfo Suárez os pasos a dar para a transición democrática. Nunha entrevista entre o presidente do Goberno Adolfo Suárez e o presidente do Equipo Demócrata Cristiano del Estado Español, José María Gil-Robles, acordan a constitución dunha comisión entre representantes da oposición e o goberno do Estado para sentar os principios sobre os que deseñar o proceso da transición e a legalización dos partidos co propósito de garantir as liberdades e unhas eleccións xerais (que se celebrarán o 15 de xuño de 1977). A esta reunión asistiron tamén Joaquín Ruiz-Giménez (de Izquierda Democrática), Juan Ajuriaguerra (do PNV), Antón Cañellas (da Unión Democrática de Cataluña), Vicente Ruiz Monrábal (da Unión Democrática del País Valenciano) e Fernando García Agudín (do Partido Popular Galego. Anteriormente a esta data Suárez xa mantivera numerosas conversacións, do mesmo xeito que tamén o fixeron os representantes da oposición, entre si, para perfilar unha Comisión reducida que puidese presentarse ó Goberno cun mandato conxunto e consensuado. O 1 de decembro, 70 dirixentes políticos doutros tantos partidos e organizacións decidiron a composición desta Comisión, nomeando a dez representantes.