Juan Ajuriaguerra

político español

Juan de Ajuriaguerra Ochandiano, nado en Bilbao o 6 de agosto de 1903 e finado en Aiegi o 25 de agosto de 1978, foi un político de ideoloxía nacionalista vasca e dirixente do Partido Nacionalista Vasco (PNV), o cal chegou a presidir no exilio. Restablecida a democracia, foi presidente da comisión mixta encargada da transferencia de competencias ao Goberno Vasco e deputado na Lexislatura constituínte (1977-1979).

Juan de Ajuriaguerra Ochandiano
Juan Ajuriaguerra
Mitin de Ajuriagerra

1951 – 1977

Conselleiro de Ordenación Territorial, Urbanismo e Medio Ambiente do Consello Xeral Vasco
17 de febreiro de 1978 – 25 de agosto de 1978

Datos persoais
Nacemento 6 de agosto de 1903 Bilbao
Falecemento 25 de agosto de 1978 (75 anos) Aiegi
Partido Partido Nacionalista Vasco (PNV)
Pais País Vasco
Profesión Enxeñeiro, obreiro metalúrxico

Infancia e xuventude editar

En Bilbao, a súa cidade natal, realizou os seus primeiros estudos no colexio dos Agostiños. Na súa época estudantil, comezou a interesarse polo nacionalismo vasco, uníndose a un grupo de "mendigoizales", montañeiros que compartían a ideoloxía nacionalista, un dos ámbitos de sociabilidade e difusión máis populares do mundo nacionalista.

Aos 17 anos, trasladouse a Alemaña, onde empezou a carreira de enxeñeiro químico, que abandonou para volver de novo a Bilbao, onde finalizou os seus estudos como enxeñeiro industrial en xuño de 1927. Traballou na empresa Babcock & Wilcox até o inicio da Guerra Civil española.

En 1934 foi escolleito membro do Bizkai Buru Batzar (BBB), órgano executivo do PNV en Biscaia, onde permaneceu até o 28 de agosto de 1937, sendo substituído por Antón Ormaza.

A Guerra Civil (1936-1937) editar

Durante a Guerra civil, creado xa o Goberno Vasco presidido polo lehendakari peneuvista José Antonio Aguirre, foi responsable de organizar un aparato de propaganda para tratar de neutralizar o labor dos servizos franquistas en Francia.

Como dirixente do PNV, tras a toma de Bilbao, e expulsado o Exército Vasco de Euzkadi, en vez de seguir combatendo, Ajuriaguerra foi un dos negociadores do Pacto de Santoña (agosto de 1937), polo que o Exército Vasco se rendía ao exército italiano baixo unha serie de condicións, aínda que non hai constancia de que o lehendakari Aguirre dera o seu beneplácito. Franco non aceptou os termos do pacto e Ajuriaguerra, como outros dirixentes rendidos, ingresou no cárcere, sendo condenado a morte en 1937. A pena, non obstante, non chegou a executarse, sendo conmutada posteriormente por cadea perpetua.

Ante o incumprimento dos termos do pacto e o fusilamento o 15 de outubro de 1937 dun grupo de dirixentes (nacionalistas, socialistas, comunistas, cenetistas e soldados do exército vasco), decidiu manifestarse en folga de fame, actitude que só depuxo pola insistencia dos membros do seu partido, aínda que se negou a redimir penas por traballo.

Ao longo de seis anos seguiu preso percorrendo diversos cárceres e sufriu varias sancións, tras terse negado a dirixir como enxeñeiro as obras dun batallón de castigo. No cárcere continuou a súa actividade organizando a resistencia antifranquista e empezou a poñer as bases de Eusko Naia, o proxecto de organización paramilitar do PNV. Ao longo de 1942 tratou de crear desde a prisión de Burgos un denominado "Bloque Nacional Vasco". Foi excarcerado nas Canarias en 1943 e confinado en Pamplona.

O seu labor no exilio editar

Continuou a súa actividade tratando de coordinar as actividades do servizo de información do PNV, onde colaboraría con axentes británicos e estadounidenses. Ajuriaguerra estendeu a estrutura cara á formación doutros grupos en Madrid, encargando esta misión a Joseba Rezola e a Elósegui como intermediario.

En 1946, e a instancias do EBB, volveu a pasar á clandestinidade. Durante ese período mantivo contactos con outros membros do partido no interior, como Luis María Retolaza, Eusebio Zubillaga, Gerardo Bujanda, Jesús Insauti (Uzturre). Durante esta fase dedicouse a asegurar a pervivencia do seu partido, destacando como o home forte do mesmo. Foi un dos máximos responsables de diversas mobilizacións antifranquistas e dos Aberri Eguna (días da patria vasca) convocados durante esta época. A folga xeral de 1947 constituíu un dos capítulos máis importantes dos anos corenta, impulsada pola denominada "Xunta de Resistencia". Ese mesmo ano participou na formación, xunto co Lehendakari Aguirre, dos Novos Equipos Internacionais, precedentes da Unión Mundial Demócrata Cristiá.

A finais dos anos corenta, Ajuriaguerra mantivo diversos contactos como dirixente do PNV coa Alianza Nacional de Forzas Democráticas e con representantes civís e militares monárquicos. Todo isto desenvolveuse no medio dunha conxuntura marcada pola moderación, que levou ao EBB a aprobar a declaración política do 5 de marzo de 1949, unha das máis importantes da época. Nela déixase a porta aberta a posicións posibilistas que non contemplaban a inmediata reposición do Goberno no interior do País Vasco. Este pronunciamento, defendido polo Lehendakari Aguirre e polo propio Ajuriaguerra, produciuse no medio dun posible achegamento entre o goberno republicano e os monárquicos, pero provocou o rexeitamento dalgúns significativos dirixentes nacionalistas, como Manuel de Irujo.

En febreiro de 1952, tras a folga de 1951, viuse obrigado a refuxiarse provisionalmente en Francia, onde traballou como peón cerca de Lión, baixo o nome de "Juan Axpe". A represión e certos problemas creados pola organización dos servizos de información influíron neste afastamento. Pouco despois foi visitado por Aguirre, Landaburu e Mitxelena, quen lle solicitaron o seu regreso.

Desde Francia realizaría numerosas viaxes clandestinas cara ao interior tratando de reorganizar a loita do PNV no País Vasco, durante as cales utilizou outros nomes en clave, como "Arteche" e "Ochoa". O seu papel tras a morte de José Antonio Aguirre en 1960 foi decisivo, mostrando o seu apoio incondicional e reforzando a autoridade do novo Lehendakari Leizaola.

En 1965 tomou parte en Taormina na constitución do Equipo Demócrata Cristián do Estado Español, xunto coa Democracia Social Cristiana de Gil-Robles, Unió Democràtica de Catalunya e a Izquierda Democrática Cristiana de Giménez Fernández.

En 1969 o EBB tomou a decisión de renovar os cargos dirixentes do Partido para ser substituídos por xente máis nova, elixida a través das Xuntas Municipais. Mais tras dous anos de ausencia, Juan Ajuriaguerra volveu a reincorporarse á dirección nun momento no que entraban outros novos membros, como Xabier Arzalluz. A raíz das mobilizacións polo proceso de Burgos en decembro de 1970 e das súas mostras de solidariedade cos avogados defensores, foi confinado en Atienza (Guadalajara).

Juan de Ajuriaguerra representou a continuidade do PNV no exilio durante os anos escuros da ditadura franquista. Mantívose firme aos principios tradicionais do PNV, incluso cando xurdiu o nacionalismo radical, o que lle valeu non poucas críticas. Sempre se opuxo ao terrorismo de ETA e negouse a calquera contacto e pacto do partido coa banda.

A transición política (1975-1978) editar

Tras a morte de Franco en 1975, en marzo de 1977 celebrouse en Pamplona a primeira asemblea do PNV tras a ditadura, onde se produciu o relevo xeracional do Partido, elixíndose a Carlos Garaikoetxea como presidente do EBB e futuro candidato á presidencia do Goberno Vasco. Pola súa parte, Ajuriaguerra encabezaría a candidatura do PNV por Biscaia nas primeiras eleccións celebradas o 15 de xuño de 1977. A súa elección como deputado obrigouno a abandonar a presidencia do BBB. Como membro da Asemblea de Parlamentarios Vascos polo PNV, estivo presente no Consello Xeral Vasco e optou á súa presidencia, sendo finalmente elixido o 7 de febreiro de 1978, en oitava rolda, o socialista Ramón Rubial.

O 2 de marzo de 1978, nunha reunión mantida no Consello Xeral Vasco en Guipúscoa, foi nomeado presidente da comisión mixta Goberno-Consello Xeral Vasco, encargada da transferencia das competencias á institución preautonómica. O restablecemento dos Concertos Económicos, as Xuntas Xerais e o transvasamento de poderes constituirían nese momento as súas preocupacións máis importantes. Foi partidario dunha estrutura federal de España.

A mediados do mes de maio de 1978 foi ingresado no Hospital de Basurto onde se lle diagnosticou un tumor pulmonar. A súa morte o venres 25 de agosto en Lizarra provocou unha importante conmoción no seo do partido. A desaparición de quen fora considerado durante as últimas décadas como a verdadeira autoridade do PNV deu lugar a un relevo, que co transcurso do tempo se mostraría moi complicado, por estar condicionado por dúas personalidades políticas tan marcadas como Xabier Arzalluz, deputado por Guipúscoa, e Carlos Garaikoetxea, presidente do Euskadi Buru Batzar.

O escano de Juan Ajuriaguerra no Congreso foi ocupado polo nacionalista Josu Elorriaga.

O concello de Bilbao deu o seu nome a unha rúa da cidade, que daquela levara o nome de Espartero, o xeneral liberal que levantou o sitio da vila durante a Primeira Guerra Carlista.[1]

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Fernando de Meer (1992): El Partido Nacionalista Vasco ante la Guerra de España (1936-1937). Eunsa.

Ligazóns externas editar