Virtude
A virtude (do latín virtutem), é a acción máis apropiada á natureza de cada ser; é a integridade e excelencia moral, poder e forza, castidade ou pureza. Esta acción propia de cada ser é tamén o ben propio de cada ser. No home, por tanto, a virtude é a excelencia da súa parte esencial que é a alma.
O virtuoso é o que está en camiño de ser sabio, porque sabe como chegar ás súas metas sen pisar as dos outros, porque pon aos demais do seu lado e lévaos a alcanzar un obxectivo diferente. O virtuoso é o que «sabe remar contra a corrente».
Tamén, unha persoa virtuosa é aquela que sabe sacar adiante calquera problema que se aveciña. É unha persoa que ten moitas calidades e ponas en práctica a diario. A persoa que quere ser virtuosa loita por adquirir ese hábito bo que fai ao ser humano capaz de cumprir o ben.
A virtude na filosofía
editarO tema da virtude humana en Platón inclúe dúas cuestións fundamentais: a relativa ao modo en que se pode posuír a virtude e a relativa á súa esencia ou natureza. En canto á primeira cuestión vemos neste filósofo a pegada do punto de vista intelectualista do seu mestre Sócrates: quen posúe unha virtude posúe un certo coñecemento: non se pode facer o ben ou a xustiza se non se sabe que é o ben e a xustiza. En canto á segunda cuestión, o tema da esencia da virtude, Platón concíbea como o estado que lle corresponde á alma en función da súa propia natureza.
Para Aristóteles a virtude humana é unha "excelencia engadida a algo como perfección". Cando unha entidade realiza a súa función propia, pero non de calquera xeito, senón dun modo perfecto, entón da devandita entidade dicimos que é virtuosa ou boa. Na noción aristotélica de virtude son importantes os conceptos de natureza e de finalidade: a virtude dun obxecto ten que ver coa súa natureza e aparece cando a finalidade que está determinada pola devandita natureza cúmprese no obxecto en cuestión. Aristóteles mostra que a virtude humana non pode ser nin unha facultade nin unha paixón senón un hábito. Que sexa un hábito quere dicir que aparece non por natureza senón como consecuencia da aprendizaxe, e máis exactamente da práctica ou repetición.
Virtude no cristianismo
editarAs virtudes humanas son perfeccións habituais e estables do entendemento e da vontade, que regulan os nosos actos, ordenan as nosas paixóns e guían a nosa conduta en conformidade coa razón e a fe. Adquiridas e fortalecidas por medio de actos moralmente bos e reiterados, son purificadas e elevadas pola graza divina.
As principais virtudes humanas son as denominadas cardinais, que agrupan a todas as demais e constitúen as bases da vida virtuosa. Son a prudencia, a xustiza, a fortaleza e a temperanza.
A prudencia dispón a razón a discernir, en cada circunstancia, o noso verdadeiro ben e a elixir os medios adecuados para realizalo. É guía das demais virtudes, indicándolles a súa regra e medida.
A xustiza consiste na constante e firme vontade de dar aos demais o que lles é debido.
A fortaleza asegura a firmeza nas dificultades e a constancia na procura do ben, chegando mesmo á capacidade de aceptar o eventual sacrificio da propia vida por unha causa xusta.
A temperanza modera a atracción dos praceres, asegura o dominio da vontade sobre os instintos e procura o equilibrio no uso dos bens creados.
Virtudes teologais
editarAs virtudes teologais son as que teñen como orixe, motivo e obxecto inmediato a Deus mesmo. Infusas no home coa graza santificante, fannos capaces de vivir en relación coa Trindade, e fundamentan e animan a acción moral do cristián, vivificando as virtudes humanas. Son a garantía da presenza e da acción do Espírito Santo nas facultades do ser humano.
As virtudes teologais son a fe, a esperanza e a caridade.
A fe é a virtude teologal pola que cremos en Deus e en todo o que el nos revelou, e que a igrexa nos propón crer, dado que Deus é a verdade mesma. Pola fe, o home abandónase libremente a Deus; por iso, o que cre trata de coñecer e facer a vontade de Deus, xa que «a fe actúa pola caridade».
A esperanza é a virtude teologal pola que desexamos e esperamos de Deus a vida eterna como a nosa felicidade, confiando nas promesas de Cristo, e apoiándonos na axuda da graza do Espírito Santo para merecela e perseverar ata o fin da nosa vida terrea.
A caridade é a virtude teologal pola cal amamos a Deus sobre todas as cousas e ao noso próximo como a nós mesmos por amor a Deus. Xesús fai dela o mandamento novo, a plenitude da Lei. Ela é «o vínculo da perfección» é o fundamento das demais virtudes, ás que anima, inspira e ordena: sen ela «non son nada» e «nada me aproveita».
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- MacIntyre, Alasdair (2004). Crítica, ed. Tras la virtud. Madrid. ISBN 84-8432-170-3.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- "Dicionario da Real Academia Galega". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 29 de outubro de 2014.
- "Dicionario etimolóxico". Consultado o 29 de outubro de 2014.
- "Virtude". Consultado o 24 de novembro de 2014.
- "Platón". Consultado o 24 de novembro de 2014.
- "Aristóteles". Consultado o 24 de novembro de 2014.