Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete

(Redirixido desde "Un ollo de vidro")

Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete é un texto en prosa escrito por Castelao e publicado en 1922 pola Editorial Céltiga, de Ferrol. Consta dunha serie de secuencias narrativas que acadan unidade estrutural grazas a seren produto dunha conversa entre un narrador, o esqueleto, que lembra secuencias da súa vida pasada, e dous paranarradores, colegas de cemiterio.

CaracterísticasEditar

O xénero memorialístico asociado á temàtica do alén constitúe un punto de partida paradóxico pois normalmente as memorias son crónicas dun periplo vital, mentres que aquí, ao ser un esquelete o protagonista, as memorias recollen as peripecias dunnha existencia máis alo da morte. Castelao, no prólogo, diríxese ó lector e indica como atopou as memorias do esqueleto: o sepultureiro facilítalle as "memorias", escritas cun garabullo en anacos de periódico e papeis de fumar. O achado do relato manuscrito é resultado da óptica dun ollo de vidro dunha caveira, pois o narrador, o esqueleto, transcribe o que pode contemplar co ollo de vidro que lle foi posto en vida:

...aquel ollo de vidro que de nada me servira na vida sírveme agora pra mirar.

O humorismo é un recurso esencial do tratamento do tema. Mediante o humor, Castelao revela o cerne dos asuntos tratados, sen concesións ó simplemente anecdótico. Deste xeito descobre os aspectos máis inesperados pero ó tempo os máis auténticos que agachan o comportamento dos seus personaxes. Para acadar o humor, sérvese da técnica do contraste entre o riso e a dor e achega un mundo escuro e ruín de xeito que provoca hilaridade sen ser alleo a temas habituais en Castelao como a defensa da lingua, a emigración ou a crítica social, de carácter anticaciquil:

Quixen saber quen fora o vampiro no mundo dos homes e fun le-lo seu nome no rico mármore da campa. O seu nome só abondoume: Fora un canalla que roubara para dar regalía ó seu bandullo de porco; dono da xustiza, roubaba desde a súa confortable casa. ¿Para que dicir máis? Era..., ¡era un cacique!
 
Anuncio publicitario da época: Un ollo de vidro, memorias d·un esquelete, é a páxina mais fortemente humorística da literatura mundial contemporánea. Castelao é o autor de Un ollo de vidro (memorias d·un esquelete) que pubricará "Céltiga" no seu número 7, xa no prelo.

Nesta obra obsérvase xa unha estrutura narrativa semellante á d'Os dous de sempre:

  • O sintetismo na narración ("nacín, medrei... e un bo día enfermoume un ollo"), provocado pola expresión coidada e traballada que busca a sinxeleza e claridade. Parece unha prosa que xorde sen esforzo, pero que resulta altamente expresiva.
  • Preséntansenos pequenas historias que se van sumando unhas a outras e que teñen como fío condutor ós personaxes. Estes aparecen caricaturizados mediante a seren caracterizados esquematicamente con pinceladas impresionistas que contrastan co realismo expresionista dalgúns momentos da narración.

EdiciónsEditar

Castelao refixo nesta narración un texto co que comezaba a súa conferencia "Humorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura", ditada en marzo de 1920 na Coruña (e xa publicada n'A Nosa Terra o 31 de marzo de 1920, con motivo da exposición do álbum Nós), polo que se pode considerar que recolle en prosa literaria o que el entendía por humorismo.

Un ollo de vidro foi o número 7 da colección Céltiga de novelas breves, e foi impreso cunha portada deseñada polo propio Castelao e seis litografías. Tamén debuxou o cartel publicitario.

En 1961, a Real Academia Galega publicou o orixinal que se conserva nesa institución.

Dende 1994, Galaxia edita o texto conxuntamente co doutra obra do mesmo autor, Retrincos, baixo o título Retrincos. Un ollo de vidro.[1]

TraduciónsEditar

  • Ao éuscaro por Koldo Izaguirre Urreaga co título de Kristalezco begia publicado en 1976 por Luis Aramburu, Col. Kriselu[2].
  • Ao castelán por Miguel Hernández Sola[3] co título de Un ojo de vidrio publicado en 2001 por Trama Editorial, Col. Largo Recorrido.[4]

NotasEditar

  1. Editorial Galaxia
  2. "Kristalezco begia". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-07. 
  3. "Un ojo de vidrio". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-07. 
  4. Trama Editorial
  5. "Sae a edición en francés de Un ollo de vidro", artigo en Cultura galega, 30 de novembro de 2011
  6. "Un oeil de verre; Mémoires d'un squelette". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 20 de marzo de 2018. Consultado o 2019-07-07. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar