Ulmo
Ulmo (do Valarin Ulubôz, Ullubôz vía Ulumō) é un personaxe ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien, que aparece na súa obra O Silmarillion. É un dos Valar, os seres anxelicais que custodian e gobernan Arda (o mundo no universo de Tolkien).
Traxectoria
editarUlmo é o señor dos mares; segundo crían os Eldar, o seu nome significa Aquel que flúe. Tamén se lle coñece como o Rei do Mar e o Señor das Augas. Foi un dos artífices principais de Arda.
Ulmo era o segundo dos Aratar[1] (os oito Valar de maior poder), despois de Manwë; é dicir, era o segundo en canto a maxestade, e antes da fundación de Valinor era o amigo máis achegado de Manwë. Antes da creación de Arda, cando os Ainur cantaron para o seu pai Ilúvatar, Ulmo fora o mellor cantante e o mellor compositor de música. Os Elfos débenlle a súa habelencia para a música ao ensino de Ulmo, e recoñecen as melodías deste no correr dos regatos e dos ríos, e no bater das ondas do mar. Ulmo sempre desconfiou de Melkor, o Vala Maligno, e este temía o mar case tanto como temía a Varda, porque ambos eran indomábeis. Ulmo non tiña morada en Valinor, nin outro lar permanente sobre a terra, xa que prefería as profundidades dos mares e os ríos. O seu pazo no fondo de Ekkaia, o Mar Circundante, chamábase Ulmonan. Ulmo nunca casou, o que acrecentou o seu illamento.
Raramente acudía aos Consellos de Máhanaxar, onde se reunían os Valar, e só en caso de grande necesidade. Prefería ficar en Arda, evitando camiñar sobre a terra firme, xa que Homes e Elfos estarrecían ante a súa forma: unha onda xigante cun helmo cristado de escuma e armadura verde escintilante, a soprar os seus grandes cornos, chamados Ulumúri[2]. Todas as augas estaban baixo o seu goberno: as baías, os ríos e mesmo as augas subterráneas. Grazas a estas mantíñase en contacto con Arda, e sabía máis do que acontecía cos Fillos de Ilúvatar ca Manwë, pois dise que vivía nas mesmas veas do mundo.
O vasalo de Ulmo Ossë, e a súa esposa Uinen eran (xunto con Melian) os Maiar máis coñecidos polos Elfos. A través deles Ulmo aprendeu moito dos Elfos.
Ulmo sempre amou tanto aos Eldar como aos Edain, mesmo cando os Valar abandonaron a Terra Media. Opúxose ao plano de Oromë para atraer aos Elfos a Aman, e ancorou a illa de Tol Eressëa na Baía de Eldamar, porque coñecía a mente dos Elfos Teleri. Ulmo foi o Vala que máis influíu na derrota de Morgoth, ao urxir a Turgon a que construíse Gondolin e a Finrod para que erixise Nargothrond. Presentouse ante Tuor e cominuouno a ir a Gondolin como mensaxeiro para Turgon; chegado alí, acabou casando coa filla de Turgon, Idril, que enxendrou a Eärendil; Ulmo salvou a esposa de Eärendil, Elwing do espolio dos Portos do Sirion, permitíndolle levar un dos Silmarils ao seu marido, que puido así ser admitido en Valinor para pregar axuda. Ulmo tamén os defendeu no consello ante a posíbel cólera de Mandos.
Outros usos
editarUlmo é tamén outro nome de Erasmo de Formia, que, (coincidencia ou non) é o santo patrón dos mariñeiros.
Notas
editar- ↑ J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Valaquenta", páx. 32
- ↑ J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Valaquenta", páx. 29