Námo Mandos é un personaxe ficticio do legendarium de J. R. R. Tolkien, que aparece na súa obra O Silmarillion. É un dos Valar, os seres anxelicais que custodian e gobernan Arda (o mundo no universo de Tolkien).

Personaxe editar

O verdadeiro nome de Mandos era en realidade Námo (Xuíz) mais recibiu este novo apelativo en honor ás Estancias de Mandos que presidía, ás cales van parar os espíritos dos Elfos asasinados. A súa esposa é Vairë a Tecelá, e é irmán de Irmo e máis Nienna.

De Mandos dise que é severo e imparcial, e que non esquece nunca nada. Foi o Vala que maldiciu os Noldor que abandonaron Aman, e manifestou a súa firme oposición a que se lles permitise volver. Pero á diferenza de Melkor, as súas maldicións non son crueis nin vingativas polos seus propios designios; son sinxelamente a vontade de Eru, e el non as pronuncia a menos que llo ordene Manwë[1]. Só amosou compaixón unha vez, cando Lúthien cantou acerca dos pesares que ela e máis o seu amante Beren sufriran en Beleriand. Entón, co consentimento de Manwë, deixounos ir.

Na obra The Book of Lost Tales Mandos chamábase Vefantur, e as súas estancias Ve. A súa esposa era Fui, á que se podería comparar con Nienna e que aquí non ara irmá súa. El era o xuíz dos elfos, e Fui a xuíza dos homes.

Profecías editar

Mandos pronunciou dúas profecías:

A Primeira Profecía, coñecida tamén como a Maldición de Mandos, a Maldición dos Noldor e a Profecía do Norte, vaticinaba as calamidades que agardaban aos Elfos que levaron a cabo a Matanza de Alqualondë[2].

A Segunda Profecía é a Dagor Dagorath, a Batalla de Batallas ou Batalla Final, na que Morgoth achará a súa derrota definitiva, e que suporá a fin do mundo tal e como existe[3].

Notas editar

  1. J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Valaquenta", páx. 30
  2. J.R.R. Tolkien (1977), Christopher Tolkien (ed.), The Silmarillion, Allen & Unwin, Suffolk ISBN 0-04-823139-8, "Quenta Silmarillion", páx. 100
  3. J.R.R. Tolkien (1986), Christopher Tolkien (ed.), The History of Middle Earth, Houghton Mifflin, Boston ISBN 0-345-40043-7, Volume IV, "The Shaping of Middle Earth"