A ucronía é un subxénero literario da ficción especulativa (ou da ciencia ficción) referido a un tempo inexistente, non por ocorrer no futuro senón por ser unha visión alternativa deste debido a que a historia da humanidade transcorrera de xeito diferente a como de feito transcorreu. A trama transcorre nun mundo no cal a historia posúe un punto de diverxencia da historia tal e como a coñecemos. A literatura de historia alternativa fai a seguinte pergunta: "que acontecería se a historia tivese transcorrido de maneira diferente?" A maioría das obras do xénero están baseadas en eventos históricos reais, aínda que aspectos sociais, xeopolíticos e tecnolóxicos se teñan desenvolvido diferentemente. Malia que en certo grao toda a ficción pode ser descrita como "historia alternativa", un representante axeitado do subxénero contén ficción na cal un punto de diverxencia ocorre no pasado, facendo que a sociedade humana se desenvolva de maneira distinta.

Mapa ficticio amosando a división política en 1964 nunha Europa onde a Alemaña nazi non foi derrotada na segunda guerra mundial.

Dende os anos 1950, este tipo de ficción fundiuse en gran parte cos tropos da ficción científica arredor do entrecruzamento de períodos históricos, tempo paralelo, viaxes entre historias/universos alternativos (ou coñecemento psíquico da existencia do "noso" universo por persoas noutro, como nas obras de Dick e Nabokov), ou ben en viaxes "cara a adiante" e "cara a atrás" no tempo resultando na partición da historia en dúas ou máis liñas temporais. Cruzamento de épocas, partición do tempo e temas da historia alternativa estiveron tan entrelazados que é imposíbel distinguilos individualmente. O libro de 1962 The Man in the High Castle de Philip K. Dick, no cal os nazis gañaron na segunda guerra mundial, é un dos exemplos mais famosos de historia alternativa, tendo marcado profundamente este xénero.

Etimoloxía

editar

Ucronía é un neoloxismo que está baseado na palabra utopía (un lugar que non existe) e na palabra grega para "tempo", chronos. Unha uchronie, polo tanto, é definida como un tempo que non existe. Outro termo ocasionalmente utilizado (principalmente en castelán) é "alohistoria" (lit. "outra historia").[1]

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar