A Union Internationale Amateur de Football Association (en galego: Unión Internacional Afeccionada de Fútbol Asociación, UIAFA) foi unha asociación internacional de federacións de fútbol nacionais fundada en 1909 co obxectivo de xestionar e desenvolver este deporte no mundo.

UIAFA
DeporteFútbol
NomeUnion Internationale Amateur de Football Association
AbreviaturaUIAFA
Fundación18 de marzo de 1909
LugarParís, Francia Francia
Ámbitomundial

Orixinalmente reuniu a federacións francesas, inglesas e bohemias, e encargouse da organización do Gran Torneo Europeo de 1911, unha das primeiras competicións europeas entre seleccións nacionais, celebrada 49 anos antes da Eurocopa 1960. O devandito campionato tivo lugar durante a Exposición Internacional do Norte de Francia en Roubaix, acadando a vitoria a selección de Bohemia.[1][2][3][4]

Aínda que se expandíu axiña a España, Suíza e Bélxica, a UIAFA foi perdendo influencia pouco a pouco ante o auxe da Federación Internacional de Fútbol Asociación (FIFA), cesando a súa actividade en 1912.[5]

Historia editar

 
Stadium de Roubaix durante o Gran Torneo Europeo de 1911.

En 1907 produciuse un cisma no fútbol inglés cando a Amateur Football Asocciation (AFA) se separou da Football Association (FA) no contexto dun conflito aberto entre o amateurismo e o profesionalismo. A AFA tentou ingresar na FIFA, pero non foi admitida. En solidariedade, a Union des sociétés françaises de sports athlétiques (USFSA), representante de Francia na FIFA, abandonou a organización, sendo substituída polo Comité français interfédéral (CFI).[3][4]

Por outra banda, en Bohemia existía a Český svaz footballový (ČSF; en galego: Federación Checa de Fútbol), que ingresara na FIFA en 1906, pero foi expulsada do organismo internacional o 8 de xuño de 1908 durante o congreso celebrado en Viena, pola oposición da Asociación Austríaca de Fútbol (Österreichischer Fußball-Verband, ÖFV), xa que Bohemia era parte do territorio administrado por Austria dentro do Imperio Austrohúngaro.[2]

Estas tres federacións non asociadas á FIFA fundaron a UIAFA (Union internationale amateur de football association),[6] que ficou definitivamente constituída en París o 18 de marzo de 1909.[7] O príncipe británico Artur de Connaught foi nomeado presidente de honra da organización.[8] O primeiro presidente foi Victor E. Schneider, que fora vicepresidente da FIFA e representaba aos clubs francófonos suízos reticentes a renunciar á disputa de partidos contra os clubs membros da UIAFA. Algúns clubs de segunda categoría de Viena vacilaron con se unir, pero finalmente mantivéronse na ÖFV.[4] No congreso da FIFA celebrado en Budapest en 1909 foi prohibida a celebración de partidos entre os clubs das súas federacións membro e os clubs da UIAFA.[9]

O 15 de outubro de 1909 uniuse á UIAFA a Federación Española de Clubs de Football (FECF), a primeira federación de ámbito estatal fundada en España e antecesora da Real Federación Española de Fútbol fundada en 1913.[10] En febreiro de 1910 ingresou a Fédération Belge des Sports Athlétiques (FBSA), unha federación rebelde belga, e no congreso celebrado en xaneiro de 1911 uniuse á organización unha federación suíza, a Ligue Sportive Suisse (LSS).[11][12][13] Algunhas fontes indican que tamén ingresaron outra da África Oriental Británica e outra de América do Sur nese mesmo congreso.[4] Ese mesmo ano a UIAFA celebrou o Gran Torneo Europeo de 1911 durante a Exposición Internacional do Norte de Francia celebrada en Roubaix, obtendo a vitoria a selección de Bohemia.[1][2][3][4]

Finalmente, o 28 de maio de 1911 solicitou a súa adhesión a Związkiem Footballistów Polskich (ZFP; en galego: Asociación de Futbolistas Polacos), unha federación formada na Galicia austríaca por iniciativa do club polaco Wisła Kraków, que xa pertencía á UIAFA desde decembro de 1910.[14][15] Esta federación íase converter en membro de pleno dereito no seguinte congreso da organización que se levaría a cabo en Praga en 1912.[15][16] Porén, a UIAFA deixou de dar sinais de vida. A USFSA francesa uniuse ao CFI, recoñecido pola FIFA, en decembro dese mesmo ano.[4] En 1913 a FECF española e a súa escisión a RUECF (Real Unión Española de Clubs de Football) loitaron por unirse á FIFA sen éxito, algo que non se conseguiría até a formación da RFEF ese mesmo ano.[10] A Amateur FA inglesa integraríase finalmente na FA en 1914.[4] Pola súa banda, tras a desintegración do Imperio Austrohúngaro e o nacemento de Checoslovaquia, a ČSF converteuse na Federación Checoslovaca de Fútbol (ČSSF; en checo: Československý Svaz Footballový).

Membros editar

  •   Amateur Football Association (AFA)
  •   Český svaz footballový (ČSF)
  •   Union des sociétés françaises de sports athlétiques (USFSA)
  •   Federación Española de Clubs de Football (FECF)
  •   Fédération Belge des Sports Athlétiques (FBSA)
  •   Ligue Sportive Suisse (LSS)
  •   Związkiem Footballistów Polskich (ZFP)

A estas cómpre sumar as federacións respresentativas da África Oriental Británica e de América do Sur, que segundo algunhas fontes foron admitidas como novos membros da UIAFA no congreso de xaneiro de 1911.[4] Durante ese mesmo congreso tamén foi publicada a presenza dunha federación austríaca.[11][12][13]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "La Semaine Sportive". Dunkerque Sports (en francés) (143). 4 de xuño de 1911. Consultado o 27 de abril de 2023. 
  2. 2,0 2,1 2,2 "Böhmen - der geheime Europameister". Wiener Zeitung (en alemán). 9 de xuño de 2021. Consultado o 27 de abril de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Matthieu Delahais (9 de abril de 2020). "Quand Roubaix accueillait le premier championnat d’Europe, en 1911". Chroniques bleues (en francés). Consultado o 27 de abril de 2023. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 "Grand Tournoi Européen (Roubaix) 1911". Rec.Sport.Soccer Statistics Foundation (RSSSF) (en inglés). Consultado o 27 de abril de 2023. 
  5. "UIAFA". historiawisly.pl (en polaco). Consultado o 27 de abril de 2023. 
  6. "Una nouvelle Fédération Internationale". Les Jeunes (en francés) (47). 19 de decembro de 1908. p. 1. Consultado o 29 de abril de 2023. 
  7. "Football association. Aprés le match France-Angleterre (A.F.A.)". L'Auto-Vélo (en francés) (3.077): 5. 20 de marzo de 1909. Consultado o 28 de abril de 2023. 
  8. "Une nouvelle Fédération Internationale". Le Peuple français (en francés) (78 [Ano XVIII]): 4. 20 de marzo de 1909. Consultado o 28 de abril de 2023. 
  9. "FIFA: Budapesten született meg a szervezet első jelentős döntése". Nemzeti Sport (en húngaro). 10 de xuño de 2009. Consultado o 27 de abril de 2023. 
  10. 10,0 10,1 Vicent Masià (Xuño de 2011). "La Federación Española de Fútbol (I)". La Futbolteca. Consultado o 27 de abril de 2023. 
  11. 11,0 11,1 "Dernière heure. Fédérations des sports". La Dépêche de Brest (en francés) (9.256). 5 de xaneiro de 1911. p. 3. Consultado o 28 de abril de 2023. 
  12. 12,0 12,1 "La vie sportive. Athletisme". Le Journal (en francés) (6.675). 5 de xaneiro de 1911. p. 7. Consultado o 28 de abril de 2023. 
  13. 13,0 13,1 "Football leaders meet". The New York Herald - European edition - Paris (en inglés) (27.164). 6 de xanero de 1911. p. 3. Consultado o 28 de abril de 2023. 
  14. "109 lat temu z inicjatywy Wisły powstał pierwszy polski związek piłkarski". wisla.krakow.pl (en polaco). 21 de mayo de 2020. Consultado o 27 de abril de 2023. 
  15. 15,0 15,1 "Wisła a Związek Footballistów Polskich". historiawisly.pl (en polaco). Consultado o 27 de abril de 2023. 
  16. "Football.". Ilustrowany Kurier Codzienny (en polaco) (124). 1 de xuño de 1911. p. 6. Consultado o 27 de abril de 2023. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Alan Tomlinson (2014). FIFA (Fédération Internationale de Football Association): The Men, the Myths and the Money (en inglés). Routledge. p. 15. ISBN 978-0415498319. 
  • Christian Koller; Fabian Brändle (2010). Fussball zwischen den Kriegen: Europa 1918-1939 (en alemán). LIT Verlag Münster. p. 38. ISBN 9783643900494.