Trinità dei Monti
A igrexa da Santissima Trinità dei Monti, máis coñecida como Trinità dei Monti é unha igrexa católica do Renacemento tardío de Roma, en Italia. É coñecida por atoparse no máis alto da escalinata que chega até Piazza di Spagna. A igrexa e os seus arredores (incluíndo Villa Medici) son responsabilidade do estado francés.
Trinità dei Monti | |
---|---|
País | Italia |
Localización | Roma e Roma Capitale |
Coordenadas | 41°54′21″N 12°29′01″L / 41.905917, 12.48364 |
Diocese | Diocese de Roma |
Estilo | arquitectura do Renacemento |
Páxina web | https://trinitadeimonti.net/it/casa/ |
[ editar datos en Wikidata ] |
Descrición
editarA primeira parte da igrexa foi construída entre 1502 e 1519 en estilo gótico; a parte máis antiga, cuberta de bóvedas de aresta oxivais, está delimitada por un enreixado de bronce. Á nave gótica engadíuselle, a mediados do século XVI, un novo edificio cunha fachada adornada de dous campanarios simétricos, obra de Giacomo della Porta[1] e Domenico Fontana.[2] A igrexa foi consagrada en 1585 polo papa Sisto V.
Nunha das primeiras capelas Daniele da Volterra pintou en 1541 un célebre ciclo de frescos, entre os que se atopa a fermosa Asunción, unanimemente considerada unha das obras mestras do manierismo. A oitava capela dereita (cappella Massimo) conserva un ciclo de frescos de Perin del Vaga (Historia do Antigo e do Novo Testamento; 1537), completado entre 1563 e 1589 por Taddeo e Federico Zuccari. En orixe, a igrexa conservaba tamén unha pala de Jean Auguste Dominique Ingres. No convento cómpre salientar a Galleria prospettica, con frescos de Andrea Pozzo, cun singular exemplo de anamorfose; e a Stanza delle rovine, de finais do século XVIII, con frescos cuxa sensibilidade apunta xa ó romanticismo, obra do artista francés Charles-Louis Clerisseau.
A área sobre a que foi edificada a igrexa foi unha doazón do rei de Francia Carlos VIII á Orde dos Mínimos de San Francisco de Paula. Así, toda a zona da Trinità dei Monti foi, a partir do século XVI, unha área de influencia francesa. A escalinata da Piazza di Spagna, inaugurada por Bieito XIII en 1725, foi realizada por Alessandro Specchi con financiamento francés, para celebrar a paz entre Francia e España, conectando así a praza española (que debe o seu nome á embaixada ibérica) coa igrexa francesa. A un lado da escalinata atópase a Villa Medici, sede da Academia Francesa en Roma. Os dous reloxos da igrexa sinalan un a hora de Roma, e outro a de París. Esta igrexa, como a do conxunto adicado a San Lois dos Franceses, pertence ós Establecementos Piadosos de Francia en Roma e Loreto (Pieux Établissements de la France à Rome et à Lorette). A este título, a propiedade, a xestión e o mantemento deste edificio corren a cargo do Estado francés.
Diante da Trinità dei Monti, a finais do século XVIII, o papa Pío VI fixo erguer o Obelisco Salustiano,[3] o último dos grandes obeliscos erguidos pola Roma papal, realizado en época romana imperial a imitación dos obeliscos exipcios.
Galería de imaxes
editar-
Fachada da igrexa.
-
A igrexa e a escalinata dende Piazza di Spagna.
Notas
editar- ↑ Lotz p.123, and also on p.184 (note 40) referring, on the question of the authorship, typology and dating of the facades of S Atanasio and this church, to G. Giovannoni: Saggi sull'architettura del rinascimento (2nd edn. Milan. 1953) pp.219ff. Touring Club Italiano, Roma e dintorni (1965:269).
- ↑ Macadam p.171; TCI 1965.
- ↑ Touring Club Italiano 1965:269.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Hutton, Edward: Rome (1911. 7th revised & enlarged edn:1950)
- Lotz, Wolfgang: Architecture in Italy 1500-1600. (1974. Yale U.P.edition 1995)
- Macadam, Alta: Rome (Blue Guides. 6th edition. Londres. 1998)