Toxicidade dos antidepresivos

A toxicidade dos fármacos antidepresivos é causada polo uso excesivo ou sobredose dos antidepresivos, un tipo de psicofármaco empregado para tratar a depresión e outras patoloxías da esfera psiquiátrica.

A midríase ou dilatación pupilar é un potencial efecto adverso dos fármacos antidepresivos.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A depresión é unha doenza psiquiátrica caracterizada por síntomas afectivos, entre os que destacan a tristura, o decaemento, a anhedonia e a irritabilidade. A incidencia desta patoloxía é de entre 1 e 2 persoas ao ano por cada 1000 habitantes.[1] Segundo a OMS en todo o mundo hai máis de 350 millóns de persoas con depresión.[2]

Clasificación editar

Entre os fármacos máis habitualmente empregados para o tratamento da depresión atópanse:

  • Antidepresivos cíclicos e fármacos relacionados: son os antidepresivos clásicos e teñen a propiedade de bloquear a recaptación das aminas bióxenas (serotonina e noradrenalina principalmente) polo que provocan unha elevación destes neurotransmisores no seu lugar de acción provocando que a súa función neuronal sexa a axeitada. Existen diferentes formas cíclicas (tricíclicos, tetracíclicos) e diferentes estruturas químicas dentro dos antidepresivos cíclicos. Exemplos son a imipramina, mianserina, clomipramina, desipramina etc.
  • Antidepresivos inhibidores da recaptación de serotonina: podémolos encadrar dentro do anterior apartado pero teñen a peculiaridade de ser máis selectivos no que respecta ó bloqueo da recaptación da serotonina, o que os converte nun subgrupo con entidade propia. O prototipo é a fluoxetina; outros son a paroxetina, sertralina, fluvoxamina etc. Este grupo presenta menos efectos secundarios, feito que debe terse en conta ao falar de toxicidade por antidepresivos, respectando porén a acción terapéutica.
  • Inhibidores selectivos da recaptación de noradrenalina (ISRS): este grupo de fármacos vai ser máis selectivo na recaptación da noradrenalina. Temos a maprotilina, desipramina etc.
  • Inhibidores da monoaminooxidasa (IMAO): estes fármacos actúan inhibindo a enzima monoaminooxidasa. Teñen os seus efectos secundarios propios e tamén posibles interaccións con outros medicamentos e incluso con determinados alimentos. Exemplos son a tranilcipromina (inhibidor reversible), moclobemida, brofaromina, clorgilina (inhibidor irreversible) e poden inhibir a monoaminooxidasa A ou B, aínda que os selectivos da forma A son os indicados para tratar a depresión.
  • Fármacos antimaníacos: para o tratamento da manía úsanse o litio e tamén outros fármacos como os neurolépticos (haloperidol) ou antiepilépticos (carbamazepina, ácido valproico).
  • Outros antidepresivos: son fármacos que tamén son útiles no tratamento da depresión como por exemplo as benzodiacepinas, burpopion, trazodona, nefazodona, inhibidores duais etc.[3]

Importancia toxicolóxica editar

Os antidepresivos son fármacos moi prescritos debido ao gran número de doentes que sofren esta enfermidade; é por esta razón pola que os efectos tóxicos que poidan producir estes fármacos no organismo por un uso incorrecto (por sobredose) ou por outras razóns (como poden ser interaccións con outros fármacos ou reaccións inesperadas idiopática), poden chegar a ser de consideración cando se produce algún tipo de reacción adversa que pon en perigo a vida do doente. En doses elevadas o rango terapéutico é baixo, polo que o seu abuso pode ser perigoso. Cando isto ocorre a análise toxicolóxica é importante para detectar unha intoxicación por antidepresivos, utilizando distintas mostras biolóxicas (o sangue é a máis frecuente). Nun cadáver (análise postmortem) os valores da análise toxicolóxica están modificados con respecto á intoxicación debido aos procesos degradativos do corpo que ocorren durante a descomposición, isto é característico dos fármacos antidepresivos, o que fai a detección da intoxicación máis complicada.

Efectos adversos máis comúns editar

Antidepresivos tricíclicos e afíns editar

  • Efectos anticolinérxicos: son aqueles efectos adversos que dependen da activación do sistema nervioso parasimpático por parte do fármaco. Entre estes efectos, destacan a sequidade de boca e pel (xerostomia), retención urinaria, estrinximento, visión borrosa, atraso no baleirado gástrico, desorientación, delirios, alucinacións, suoración excesiva, midríase, diminución da libido e retardo da exaculación.
  • Efectos cardiovasculares: os máis característicos son a hipotensión postural (por mor do bloqueo de receptores alfa 1), taquicardia e arritmias.
  • Efectos centrais: derivados da excesiva activación do sistema nervioso central, destacan a sedación, confusión, desorientación tempoespacial, tremores nas mans, reaccións extrapiramidais e convulsións.
  • Efectos endocrinolóxicos: amenorrea, galactorrea, aumento de peso.
  • Síndrome da retirada brusca da medicación: malestar xeneralizado, cefaleas, irritabilidade, náuseas.

Antidepresivos IMAO editar

Nestes casos, depende do tipo de antidepresivo prescrito, da dose e da resposta particular do propio enfermo.

  • Hipotensión ortostática, hepatoxicidade, axitación, alucinacións, cefaleas, neuropatía periférica, xerostomía, estrinximento, interaccións con tiramina (substancia que aparece en queixos curados, cervexas, viños, embutidos) orixinando crises hipertensivas, interacción con antihistamínicos e outros fármacos que actúen no sistema nervioso central.
  • Outros efectos: ictericia, proídos na pel, leucopenias, dificultade para ouriñar, aumento da presión intraocular, desconcentración, fotosensibilidade, síndrome serotoninérxica, intento de suicidio (nalgúns casos), autolesións físicas etc.

Antidepresivos ISRS editar

Son máis específicos no seu efecto antidepresivo impedindo a recaptación sináptica de serotonina e teñen menos efectos colaterais que os antidepresivos tricíclicos clásicos. Por iso, e porque son menos tóxicos, é preferible o seu uso. Malia iso aínda se prescriben os antidepresivos tricíclicos clásicos pola súa eficacia en determinados tipos de depresión. O médico ou psiquiatra deberá determinar o antidepresivo máis axeitado para cada paciente e debe ser necesario que o propio enfermo comunique a súa mellora ou empeoramento da depresión para que o psiquiatra poida observar a evolución da enfermidade; contando con estes datos poderá así elaborar un mellor diagnóstico do tipo depresivo prescribindo outro fármaco máis adecuado se houbese un empeoramento.

Doses tóxicas editar

Estas son as doses tóxicas para persoas adultas[4]; en nenos e anciáns a dose é menor:

  • Antidepresivos tricíclicos: doses de 15 a 20 mg/kg poden ser letais se non hai intervención médica inmediata; para un neno con 15 mg/kg é suficiente.
  • Fluoxetina: inxestións de máis de 900 mg poden provocar convulsións.
  • Paroxetina: inxestións de máis de 3600 mg poden provocar unha síndrome serotoninérxica.
  • Sertralina: inxestións de máis de 2 g poden orixinar unha síndrome serotoninérxica e incluso a morte.
  • Fluvoxamina: inxestións de máis de 1,5 g pode provocar un coma.
  • Citalopram: inxestións de máis de 600 mg poden provocar convulsións e alteracións cardiovasculares.
  • Bupropion: convulsións.

Intoxicación editar

Por IMAOS editar

As complicacións clínicas teñen lugar en tres fases:

  1. Excitación neuromuscular e hiperactividade simpática. Doses elevadas producen hipotensión, convulsións, coma e paro cardíaco.
  2. Período de colapso do sistema nervioso central e circulatorio.
  3. Complicacións hemolíticas, renais e pulmonares.

Por antidepresivos tricíclicos editar

A intoxicación caracterízase por provocar un coma con midríase e trastornos na condución intraventricular, podendo orixinarse un colapso. Tamén hai risco de convulsións, alucinacións e trastornos no ritmo cardíaco, sendo característico o alongamento do complexo QRS do ECG. A morte é desencadeada polas alteracións cardiovasculares. Tamén producen trastornos respiratorios graves.

Notas editar

  1. Weissman, M. M., Myers, J. K. (1978). Affective disorders in an US urban community. Arch. Gen. Psychiat., 35:1304-1311.
  2. "Más de 350 millones de personas sufren depresión en el mundo". La Vanguardia. 
  3. Véxase na bibliografía, Farmacología básica.
  4. Véxase na bibliografía, Manual de toxicología para médicos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Enrique Rojas: ADIÓS, DEPRESIÓN. En busca de la felicidad razonable. Editorial Temas de hoy. 1ª edición. Madrid, 2008. Páxinas 328-329.
  • Stephen M. Stahl: PSICOFARMACOLOGÍA ESENCIAL. Editorial Ariel Neurociencia, S.A. Barcelona, 1998. Páxinas 110-187.
  • Enrique Raviña Rubira: MEDICAMENTOS. Un viaje a lo largo de la evolución histórica del descubrimiento de fármacos (Volume II). Universidade de Santiago de Compostela (Servizo de publicacións e Intercambio científico), 2008. Páxinas 573-576, 621.
  • VADEMECUM INTERNACIONAL. 43ª edición. Medicom S.A. Madrid, 2002.
  • Joaquín del Río: FARMACOLOGÍA BÁSICA. Ed. Síntesis. Madrid, 1999. Páxinas 254-256.
  • Gisbert Calabuig J.A.: MEDICINA LEGAL Y TOXICOLOGÍA. 6ª edición. Ed. Masson. Barcelona, 2004. Páxinas 911-913.
  • Carson R. Harris, MD: MANUAL DE TOXICOLOGÍA PARA MÉDICOS. Ed. Masson. Barcelona, 2008. Páxinas 22-28.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar