Coordenadas: 35°42′20″N 139°45′07″L / 35.705658333333, 139.75191388889

O Tokyo Dome (東京ドーム Tōkyō Dōmu?), alcumado The Big Egg (do inglés: o Gran Ovo), é un parque de béisbol situado no barrio de Bunkyō, en Toquio (Xapón). O estadio foi comezado a construír o 16 de maio de 1985 e inaugurado o 17 de marzo de 1988. Foi construído onde estaba o Velódromo, ao lado do antigo estadio Kōrakuen Kyūjō. Ten capacidade para 55.000 espectadores, 46.000 no caso de estaren todos sentados.[1] Desde 1988 é o estadio local dos Yomiuri Giants da Liga Central da Nippon Professional Baseball (NPB). Entre 1088 e 2003 tamén foi sede dos Nippon-Ham Fighters da Liga do Pacífico da NPB. Ten albergado tamén encontros doutros desportes como o fútbol, fútbol americano ou artes marciais, así como concertos. No estadio está situado tamén o Salón da Fama do béisbol xaponés.

Tokyo Dome
Datos
LocalizaciónBunkyō, Xapón
AlcumeThe Big Egg (o Grande Ovo)
Construción
Construción16 de maio de 1985
Inauguración17 de marzo de 1988
ArquitectoTakenaka Kōmuten, Nikken Sekkei
Custo¥ 35.000 millóns
Estadio
SuperficieCéspede artificial
DimensiónsLeft Field – 100 m (328,1 ft)
Left Center Field – 110 m (360,9 ft)
Center Field – 122 m (400,3 ft)
Right Center Field – 110 m (360,9 ft)
Right Field – 100 m (328,1 ft)
Capacidade46.000 espectadores
PropietarioTokyo Dome Kigyō
LocalíaYomiuri Giants (1988–presente)
Nippon-Ham Fighters (1988–2003)

Historia editar

O Tokyo Dome foi inaugurado o 17 de marzo de 1988 como o primeiro estadio cuberto de béisbol do Xapón.[2] A construción, que se fixo sobre os terreos do recinto deportivo de Kōrakuen, levouna a cabo a Corporación Takenaka cun custo total de 35.000 millóns de yenes. O recinto foi inaugurado cun partido de exhibición entre os mellores xogadores da Liga Xaponesa de Béisbol Profesional (NPB). Tres días máis tarde acolleu o campionato unificado do peso pesado de boxeo entre Mike Tyson e Tony Tubbs.

Desde a súa apertura é o fogar dos Yomiuri Giants. Tamén foi utilizado polos Nippon-Ham Fighters até que a franquía se trasladou a Sapporo en 2004. A pesar de que os afeccionados xaponeses ao béisbol tiñan receos sobre un estadio cuberto, o Tokyo Dome resultou un éxito e serviu de inspiración para construír outros recintos cubertos no país, como o Osaka Dome e o Sapporo Dome. No que respecta a concertos musicais, o primeiro artista en actuar no Tokyo Dome foi Mick Jagger o 22 e 23 de marzo de 1988, dentro da súa xira mundial en solitario.[3] O primeiro grupo xaponés en actuar no estadio foi Hound Dog. O recinto alcanzou fama internacional grazas á xira Bad World Tour de Michael Jackson, quen actuou en nove concertos en decembro de 1988 para un total de 405.000 espectadores.

O 29 de marzo do 2000 o Tokyo Dome acolleu un partido das Grandes Ligas de Béisbol entre Chicago Cubs e New York Mets, sendo a primeira visita da liga norteamericana ao Xapón.[4] Desde entón, a MLB organizou algúns partidos de inicio de tempada nese campo.[5] Tamén acolleu partidos de exhibición de fútbol americano desde 1989 até 2005.[6]

Carecterísticas editar

A construción do Tokyo Dome estivo inspirada no estadio multiúsos Metrodome de Minneapolis (1982−2013). O seu teito en forma de domo está cuberto por dentro cunha cúpula flexíbel inflábel; para manter a diferenza de presión ha trinta e seis ventiladores e un sistema de esclusas de aire.[7] O edificio ocupa unha área de 46.755 m², mentres que a superficie é de 13.000 m². Respecto ao campo de béisbol, de céspede artificial FieldTurf, a altura do valo é de 100 metros nos extremos e de 122 metros no centro do outfield.[8] O Tokyo Dome forma parte dun complexo maior no barrio de Bunkyō, coñecido como Tokyo Dome City, que dispón de parques de atraccións, augas termais, hoteis, unha galería de arte, o pavillón deportivo Kōrakuen e o pavillón multiúsos City Hall. Pode chegarse en transporte público a través das estacións de Kōrakuen (Metro de Toquio), Suidōbashi (JR East) e Kasuga (Metro Toei).[9]

Notas editar

  1. "東京ドームとは". Tokyo-Dome.co.jp. Consultado o 5 de maio de 2019. 
  2. Haberman, Clyde (23 de marzo de 1988). "Amid Some Doubts, a Tokyo Dome". The New York Times (en inglés). ISSN 0362-4331. Consultado o 5 de maio de 2019. 
  3. Cahoon, Keith (5 de maio de 1988). "Mick Jagger Tour Rolls in Japan". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 5 de maio de 2019. 
  4. "Chicago Cubs at New York Mets Box Score, March 29, 2000". Baseball-Reference.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2019. Consultado o 5 de maio de 2019. 
  5. "Mariners, Athletics arrive in Tokyo for MLB season-opening series". The Japan Times Online (en inglés). 15 de abril de 2019. ISSN 0447-5763. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2019. Consultado o 5 de maio de 2019. 
  6. Nagatsuka, Kaz (4 de febreiro de 2015). "Fans want NFL return". The Japan Times Online (en inglés). ISSN 0447-5763. Consultado o 5 de maio de 2019. 
  7. "Tokyo Dome". Mimoa (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 05 de maio de 2019. Consultado o 5 de maio de 2019. 
  8. "Tokyo Dome Corporation Report" (PDF). marketscreener.com (en inglés). 
  9. "Viajar a Tokio: Tokyo Dome City". Japonismo (en castelán). 26 de outubro de 2012. Consultado o 5 de maio de 2019. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar