Tetarteron
O tetarteron (en grego: νόμισμα τεταρτηρόν, "cuarto de moeda") ou tetarteron nomisma é a denominación de dúas moedas bizantinas, unha de ouro, que estivo en circulación desde a década de 960 ata 1092 en paralelo ao histamenon, e outra de cobre, en uso desde 1092 ata a segunda metade do século XIII.[1][2][3]
Historia
editarTetarteron de ouro
editarA partir dos tempos do emperador Constantino I (306-337), a moeda principal do sistema do Imperio Bizantino fora o sólido ou nomisma, dun ouro de moi boa calidade, que se mantivera durante séculos como padrón de peso e de pureza do metal. O emperador Nicéforo II (963-969), no entanto, introduciu no sistema unha variante na moeda de ouro, denominada teterteron nomisma, dous quilates máis lixeira (é dicir, 1⁄12) que o nomisma orixinal.[4][5][6]
O motivo da introdución desta variante do nomisma é hoxe confuso. Segundo o historiador e teólogo Xoán Zonaras (en grego: Ἰωάννης Ζωναράς, Ioánnes Zonarás), tratábase de aumentar os ingresos do Estado, xa que os impostos tiñan que aboarse utilizando o nomisma orixinal (denominado agora histamenon nomisma, para os diferenciar), en tanto que os pagamentos do estado se pagaban co desvalorizado tetarteron (téñase en conta que o valor oficial de ambas as moedas era o mesmo, malia ser evidente a diferenza real no mercado). Investigadores máis actuais suxiren a posibilidade de que o tetarteron fose creado como imitación do dinar de ouro do mundo árabe, para utilizar nas provincias orientais conquistadas pouco antes aos árabes.[7] Malia a coexistencia real do histamenon e do tetarteron, tamén existe a posibilidade de que este último se crease co fin frustrado de substituír o primeiro en todo o imperio. De calquera xeito, o certo é que o tetarteron foi emitido só en pequenas cantidades durante o século X, e só a partir de mediados do século XI empezou a igualar a cantidade de cuñaxes co histamenon.[8]
Inicialmente, ambas as moedas eran dificilmente distinguibles, dada a proximidade do seu peso. Durante o final do reinado de Basilio II (976-1025), o tetarteron empezou a baterse sobre discos máis grosos e máis pequenos, en tanto que o histamenon se volveu máis delgado e máis ancho. Ademais desa clara diferenza visual, en tempos de Constantino VIII (1025-1028) engadíronse tamén variacións na súa iconografía.[9][10] A mediados do século XI, o tetarteron medía 18 mm de diámetro e tiña un peso estándar de 3,98 gramos, e o histamenon (con 3 quilates máis) tiña un diámetro de 25 mm en diámetro (contra os 20 mm do sólido) e adquirira unha forma lixeiramente cóncava ("scyphate").[11][12] Con todo, a partir do reinado de Miguel IV (1034-1041), que anteriormente fora prestamista, o seu contido de ouro empezou para ser cada vez menor e padeceu sucesivas desvalorizacións. Despois dun período de relativa estabilidade entre 1055 e 1070, o contido de ouro diminuíu drasticamente nas décadas de 1070 e de 1080, ata acabar por desaparecer durante os primeiros anos do reinado de Aleixo I Comneno (1081-1118), quen en 1092 fixo unha reforma profunda do sistema monetario bizantino, eliminando tanto o histamenon como o tetarteron (nesa época xa de electro), substituídos ambos por unha nova moeda de ouro: o hyperpyron.[13][14]
Tetarteron de cobre
editarA reforma monetaria de Aleixo I trouxo tamén consigo unha nova denominación de cobre (aínda que algúns dos primeiros exemplares foron cuñados en chumbo) en substitución dos vellos follis, que tamén recibiu o nome de tetarteron, quizais por mor da similitude das súas dimensións e da súa textura con respecto á xa caduca de ouro. Con todo, suxeriuse tamén que a orixe da denominación radica en que esta nova moeda de cobre valía a cuarta parte do follis no seu derradeiro período, logo de ser desvalorizado na década de 1080.[15][16][17] O tetarteron de cobre era plana e pesaba arredor de 4 gramos. O seu valor teórico estableceuse inicialmente en 864 pezas por cada hyperpyron de ouro. Cuñouse en grandes cantidades e cunha enorme variedade grande de deseños, especialmente no século XII. Coñécese tamén a emisión de pezas de medio tetarteron. Ambos os valores mantiveron relativamente estable o seu peso, aínda que comezaron a emitirse en menor cantidade coa chegada do século XIII.[18][19][20]
Xa no século XIII, o tetarteron de cobre foi emitido en Tesalónica polos gobernantes do Despotado de Epiro nas décadas de 1230 e 1240, así como polo Imperio de Nicea (1204-1261).[21] No reposto Imperio bizantino reposto, a partir de 1261, foi substituída por un tipo novo de moedas de cobre denominadas assaria, retomando o clásico ás da Antiga Roma.[22]
Notas
editar- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009). "Tetarteron" e "Nomisma tetarteron".
- ↑ "Tetarteron". En Forum Ancient Coins.
- ↑ "Tetarteron" e "Tetarteron nomisma". En Tipos de moneda bizantina. www.Tesorillo.com
- ↑ Kazhdan (1991). Páxina 2.026.
- ↑ Hendy (1985). Páxina 507.
- ↑ Grierson (1999). Páxina 9.
- ↑ Grierson (1982). Páxinas 196-197.
- ↑ Grierson (1982). Páxina 196.
- ↑ Hendy (1985). Páxina 508.
- ↑ Grierson (1999). Páxina 10.
- ↑ Kazhdan (1991). Páxinas 2.026-2.027.
- ↑ Hendy (1985). Páxina 10.
- ↑ Hendy (1985). Páxina 509.
- ↑ Grierson (1999). Páxina 11.
- ↑ Kazhdan (1991). Páxina 2.027.
- ↑ Hendy (1985). Páxina 515.
- ↑ Grierson (1999). Páxina 21.
- ↑ Hendy (1985). Páxinas 516, 519.
- ↑ Grierson (1982). Páxinas 215-216.
- ↑ Grierson (1999). Páxinas 21, 44.
- ↑ Hendy (1985). Páxinas 524-525.
- ↑ Grierson (1999). Páxina 22.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tetarteron |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Alfaro Asins, C. et al. Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
- Grierson, Philip. Byzantine Coins. Methuen. Londres, 1982. ISBN 978-0-416-71360-2
- Grierson, Philip. Byzantine coinage. Dumbarton Oaks. 1999. ISBN 978-0-88402-274-9
- Hendy, M. Studies in the Byzantine Monetary Economy c.300-1450. Cambridge University Press, 1985. ISBN 0-521-24715-2
- Hendy, M. The economy, fiscal administration and coinage of Byzantium. Londres, 1989. ISBN 0860782530
- Kazhdan, Alexander Petrovich, ed. The Oxford Dictionary of Byzantium. Oxford University Press, 1991. ISBN 978-0-19-504652-6
- Sabatier, Justin. Description générale des monnaies byzantines frappées sous les Empereurs d'Orient. 2 vol. París, 1862
Ligazóns externas
editar- "Tetarteron". Catálogo con imaxes e descricións en Coin Archives
- Moedas bizantinas catalogadas por orde cronolóxica de emperadores
- Moedas bizantinas catalogadas segundo a o bran de Sear: Byzantine Coins & Their Values
- Digital Library Numis Arquivado 05 de xullo de 2018 en Wayback Machine. (bibliografía en liña de numismática bizantina)