Testio foi un personaxe mitolóxico, rei de Pleurón, na rexión de Etolia (Grecia). Foi un dos catro fillos de Ares e de Demónice (filla de Axenor)[1] (ou Pisídice, segundo Pseudo-Plutarco).

Nalgúns casos confúndese con Tespio[2], rei de Tespias (Beocia) e fillo de Erecteo, rei de Atenas, e Praxitea. Casado con Megamede tivo, con ela ou con concubinas, cincuenta fillas, as Tespíades.

Testio casou con Euritemis (ou Euritemiste, ou Euritémide)[3], coa que tivo sete fillos: Altea (que sería a nai de Meleagro[4], rei de Calidón, unha cidade próxima a Pleurón), Leda, Hipermestra, Ificlo[5], Evipo, Plexipo e Eurípilo [6]. Os fillos varóns morreron no transcurso da cacería do xabaril de Calidón.

Entre as fillas destaca Leda, que casaría con Tindáreo e foi seducida por Zeus. Como resultado desta relación co seu home e con Zeus na mesma noite, quedou embarazada e puxo dous ovos, dos que nacerían Helena de Troia e Pólux (considerados inmortais por ser fillos de Zeus) e mais Clitemnestra e Cástor (considerados fillos de Tindáreo e, por tanto, mortais).

Pero outras fontes contan que tivo outro fillo, chamado Calidón. A tradición di que Testio, cando regresou a Calidón tras unha longa ausencia, atopou ó seu fillo deitado na cama coa súa nai. Á vista de tal incesto, Testio mata os dous pero pronto se dá de conta do seu erro, e entón suicidouse botándose ó río Áxeno, que recibirá na súa memoria o nome de Testio (aínda que posteriormente será o denominado río Aqueloo e, hoxe, Aspropótamos).

Cando os irmáns Tindáreo e Icario foron expulsados de Lacedemonia (Esparta) por Hipocoonte (outro irmán) e os seus doce fillos, Testio aliouse con eles e axudounos a establecerse ó outro lado do río Aqueloo. Co tempo, Tindáreo terminou casando coa filla de Testio, Leda.

Notas editar

  1. Pseudo-Apolodoro I, 7.7.
  2. Por exemplo, Pausanias en Descripción de Grecia IX, 27.7. Graves, cando describe as fazañas de Heracles, conta que foi matar ó león de Citerón (non confundir co león de Nemea) "que estaba facendo estragos nos gandos de Anfitrión e o seu veciño o rei Tespio, chamado tamén Testio" (Graves, px. 498).
  3. Pero outros mitógrafos din que casou con Deidamía (filla de Perieres) ou con Laofonte (filla de Pleurón e, polo tanto, a súa tía).
  4. Hixino 14.16. Pero tamén se afirma que Meleagro sería fillo de Altea con Ares (Pseudo-Apolodoro I, 8.2).
  5. Un dos Argonautas (Hixino 14.17; Graves, px. 628).
  6. Grimal, px. 312; Pseudo-Apolodoro I, 7.10.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar