Clitemnestra

personaxe da mitoloxía grega, esposa de Agamenón

Na mitoloxía grega, Clitemnestra ou Clitemestra (en grego, Κλυταιμήστρα)[1] foi unha raíña mítica de Micenas, filla de Tindáreo e Leda, nai de Electra e Orestes (entre outros fillos) e esposa do heroe Agamenón, a quen asasinou axudada polo seu amante, Existo. Finalmente, morreu asasinada polo seu fillo Orestes, en vinganza polo asasinato do pai.

Clitemnestra
PaiTindáreo
NaiLeda
CónxuxeAgamenón e Tántalo
FillosOrestes, Ifixenia, Crisótemis, Electra, Erígone, Ifianasa, Laódice, Helena e Aletes
IrmánsPólux, Castor e Helena
editar datos en Wikidata ]
Clitemnestra e Existo, dispostos a matar a Agamenón (pintura de Pierre Narcisse Guérin, Museo do Louvre)

Nacemento editar

Leda foi seducida por Zeus en forma de cisne [2], mais a mesma noite na que xaceu co deus tamén o fixo co seu esposo Tindáreo, rei de Esparta [3]. Como resultado, puxo dous ovos, dun dos cales naceron Cástor e Clitemnestra, que eran fillos de Tindáreo, e do outro, Helena (a famosa Helena de Troia) e Pólux, que eran fillos de Zeus. Por isto Clitemnestra figura como irmá xemelga de Helena. Ademais, outras irmás de Clitemnestra eran Timandra e Filónoe. [4][5][6]

Voda con Agamenón editar

Casou en primeiras nupcias con Tántalo, fillo de Broteas ou, segundo outras fontes, de Tiestes. Tántalo e Agamenón, rei de Micenas, enfrontáronse en guerra e este matou a aquel [7]; outros autores din Agamenón asasinou a Tántalo e ó seu fillo acabado de nacer [8]. En todo caso, casou á forza con Clitemnestra e foi perseguido polos irmáns desta, os Dióscuros, ata que se viu obrigado a suplicar o perdón do seu sogro Tindáreo, perdón que efectivamente obtivo, ata o punto de que Tindáreo acabou abdicando no seu favor o trono de Micenas.

Como esposa de Agamenón, tivo catro fillos: Electra (ou Laódice), Ifixenia (ou Ifianasa) [9], Orestes e Crisótemis, e fíxose cargo de Hermíone, filla de Menelao (o seu cuñado) cando este parteu á guerra de Troia.[10] Porén, nalgunhas tradicións dise que Ifixenia era en realidade filla da súa irmá Helena e de Teseo, mais que foi criada por Clitemnestra.[11]

Sacrificio de Ifixenia editar

Paris, fillo de Príamo, rei de Troia, raptou a Helena, esposa de Menelao, dando lugar así á Guerra de Troia, e Agamenón e Menelao partiron contra esta cidade para rescatar a Helena.

Cando a frota aquea [12] estaba reunida no porto de Áulide disposta a partir a loitar contra Troia, Agamenón matou unha das cervas sagradas da deusa Ártemis e esta, como castigo, provocou a ausencia de ventos favorables, o que impediu que a frota grega puidese levantar áncoras.

O adiviño Calcante foi interrogado para saber como aplacar á deusa, e a resposta foi que había que sacrificar á filla máis fermosa de Agamenón en nome da deusa Ártemis, para que esta os deixase partir. Nun principio, o rei negouse, mais presionado polo seu irmán Menelao e por Odiseo, aceptouno e enviou unha mensaxe a Clitemnestra para que enviase á súa filla Ifixenia dende Micenas (ou Argos) até Áulide, co pretexto de casala con Aquiles. Aínda así, Agamenón tratou de impedir o sacrificio enviando secretamente outra carta a Clitemnestra na que lle dicía que non enviase á filla, mais esta carta foi interceptada e non chegou ó seu destino; tamén se di que Agamenón mandou a Odiseo a traer a Ifixenia a Áulide, á vez que enviou esa carta advertindo a Clitemnestra de que non obedecera ó que lle dixese Odiseo, pero Menelao interceptou a carta e Clitemnestra nunca soubo a verdade. Sen ver ningunha outra solución, Agamenón consentiu facer o sacrificio.

Nalgunhas versións, Clitemnestra acompañou a súa filla nesa viaxe. Segundo conta a versión máis coñecida, recollida por Eurípides [13], Apolodoro [14] ou Hixino [15], cando Ifixenia chegou no tivo outra que aceptar resignada o sacrificio, pero a deusa apiadouse da moza no último momento e puxo no seu canto unha cerva [16]. Logo levou a Ifixenia a Táuride, onde a converteu na súa sacerdotisa.[17][18][19] Segundo conta Hesíodo, Ártemis salvou a vida de Ifixenia e converteuna na deusa Hécate.[20]

Porén, existen variacións sobre o tema [21]: segundo as versións de Sófocles [22] e de Esquilo [23], o sacrificio remata sen intervención da deusa e Ifixenia morre degolada. Xustifican así que Clitemnestra, en vinganza pola morte da súa filla, mate a Agamenón ao volver da Guerra de Troia.[24]

En todo caso, Clitemnestra regresa a Argos, onde se supón que comeza a preparar a vinganza contra o seu home.

Vinganza editar

 
Sacrificio de Ifixenia, nun fresco de Pompeia. Agamenón é o personaxe de costas e cuberto cun veo, o que reflicte que non aceptou de bo grao o sacrificio da súa filla

Cando Agamenón marchou cara Troia, puxo a Clitemnestra baixo a vixilancia dun aedo [25] chamado Demódoco para que a aconsellara e, de paso, mantelo informado a el de calquera infidelidade, mais Existo, curmán de Agamenón, abandonouno nunha illa deserta, onde Demódoco morreu. Así conseguiu seducir a Clitemnestra e convertela na súa amante.[26][27] Clitemnestra fora predisposta a cometer adulterio debido a que Nauplio percorrera Grecia para difundir novas a diversas raíñas de que os seus maridos estaban a tomar concubinas durante a guerra de Troia [28], como vinganza porque os gregos mataran ó seu fillo Palamedes [29][30] Tamén tivo que influír nela o desexo de vingarse contra o seu marido (por matar á filla Ifixenia) ou os celos, pois sabía que Agamenón tomara como concubina a Criseida, unha princesa e adiviña troiana coa que xa tiña dous fillos xemelgos, Teledanmo e Pélope.

Rematada a guerra, cando Agamenón regresou a Micenas, Clitemnestra e o seu amante Existo asasinárono, mentres saía do baño e intentaba vestirse cunha túnica que carecía de aberturas para os brazos e a cabeza (porque ela cosera anteriormente estas aberturas [31]). Logo asasinaron a Casandra [32], que Agamenón trouxera canda si.

Tamén aquí hai diferentes versións. Nuns casos (nas versións máis antigas da lenda) é Existo o que organiza e leva a cabo persoalmente o asasinato de Agamenón, sen participación de Clitemnestra. Pero serán os poetas tráxicos os que dean a versión máis coñecida, segundo a cal ela é cómplice e executora directa do asasinato do seu home, mesmo se di que lle cortou a cabeza cun machado [33]. Existo tamén matou os dous fillos de Agamenón con Casandra.

Algúns mitógrafos engaden que Clitemnestra continuou a vinganza sobre os seus fillos habidos con Agamenón. Mandou pechar na cadea á súa filla Electra ou ben casouna cun labrego humilde de Micenas, para que, cando tiver fillos, estes non puidese reclamar o trono. E intentou matar a Orestes, nese momento con dez anos de idade, pero non o conseguiu porque ben Electra, segundo unhas fontes, ben a súa ama de cría, segundo outras [34], agochárono lonxe de Micenas.

Desde este momento, Clitemnestra e Existo reinaron en Micenas e tiveron unha filla, Erígone, e un fillo, Aletes. Pero varios anos máis tarde morreron a mans de Orestes, que vingou así a morte do seu pai; así mesmo, Orestes matou a Helena, unha das fillas de ambos.[35][36]

 
Tumba de Clitemnestra, fóra das murallas de Micenas.

Orestes, por haber cometido parricidio, foi perseguido polas Erinias ata que a deusa Atenea fixo que fora xulgado polo tribunal do Areópago, que o absolveu ó considerar que actuou así seguindo as ordes do deus Apolo a través do Oráculo de Delfos. A lenda engade que a medio irmá Erígone se suicidou.

Tumba de Clitemnestra editar

Existe a tradición de que Agamenón e Clitemnestra están enterrados en Amidas, onde tamén hai unha estatua en honor a Casandra. Pero tamén se asegura que a tumba de Clitemnestra, como a de Existo, está situada en Micenas, nun lugar fóra do recinto das murallas.[37]

A comezos do século XX descubriuse fóra das murallas de Micenas unha tumba de cúpula que fora datada no século XIII a. C. e que máis tarde foi chamada «tumba de Clitemnestra». Esta tumba atópase ao sueste do chamado círculo de tumbas B.[38]

Notas editar

  1. A forma «Clitemnestra», que se impuxo no uso, é en realidade unha deformación serodia de época bizantina, debida a unha falsa conexión etimolóxica co verbo «μναoμαι»: «lamentar». (Orestíada; edición na Loeb Classical Library de Alan Sommerstein, introdución, 2008).
  2. Ela transformouse en cisne ou ganso para escapar de Zeus, sen éxito.
  3. O matrimonio e a descendencia de Tindáreo e Leda estaba maldito por Afrodita. Resulta que Tindáreo esquecera inadvertidamente a Afrodita ó facer un sacrificio ós deuses e esta, ofendida, xurou que as súas fillas, Clitemnestra, Timandra e Helena, serían coñecidas polas súas sonadas relacións adúlteras (Graves, px. 683).
  4. Grimal, s.v. Clitemnestra.
  5. Biblioteca mitológica III, 10, 6 e 7: "De Tindáreo e Leda naceu Timandra, a quen desposou Equemo, e Clitemnestra, que casou con Agamenón, e ademais delas, Filónoe, á que Ártemis fixo inmortal" (Pseudo-Apolodoro III, 10, 6).
  6. EURÍPIDES: Ifixenia en Áulide 50.
  7. Grimal, s.v. Agamenón.
  8. Segundo Grimal, foron varios os fillos asasinados.
  9. Para Graves (px. 450), son unha mesma persoa, pero para Grimal (s.v. Agamenón) son persoas diferentes.
  10. Biblioteca mitológica: Epítome II, 16.
  11. Pausanias: Descripción de Grecia II, 22, 6.
    • II: texto español.
      • II, 22, 6: texto inglés, con índice electrónico, no Proxecto Perseus; trad. de 1918 de W.H.S. Jones et al. publicada na Loeb Classical Library. Na parte superior dereita atópanse os rótulos activos "focus" (para cambiar ao texto grego) e "load" (para o texto bilingüe).
  12. O termo aqueo aplícase á antiga rexión grega de Acaia (ó norte do Peloponeso) ou ós seus habitantes e, por extensión, a toda a antiga Grecia ou ós seus habitantes. Neste caso, refírese ó exército formado polos antigos reinos gregos fronte a Troia e ós reinos que a apoiaban.
  13. Eurípides: Ifixenia en Áulide.
  14. Apolodoro: Biblioteca mitológica. Epítome, III. 21.
  15. Hixino: Fábulas mitológicas. Alianza editorial, 2009, fábula 98.
  16. Cómpre notar aquí o paralelismo co episodio bíblico de Isaac e Xacob.
  17. Pseudo-Apolodoro: Epítomes III, 21 e 22. III: 21; 22.
  18. Hixino: Fábulas (Fabulae).
  19. Ifixenia en Áulide.
  20. Véxase o artigo adicado a Ifixenia.
  21. Resulta frecuente que mitógrafos e traxediógrafos introduzan variantes máis ou menos substanciais sobre os diferentes mitos que narran.
  22. Sófocles: Tragedias (Electra, px. 387.
  23. Esquilo: Tragedias completas:La Orestía I. Agamenón, px. 245.
  24. Sófocles: Electra.
  25. "Poeta da antiga Grecia que cantaba ou recitaba as fazañas dos deuses e dos heroes, xeralmente acompañado da lira" (DRAG, consultado o 2.01.2024).
  26. Graves, px. 451.
  27. Odisea III, 270.
  28. "Nauplio ... percorreu por mar as rexións gregas e predispuxo ás mulleres dos helenos a cometer adulterio: a Clitemnestra con Existo, a Egialea con Cometes, fillo de Esténelo, e a Meda, a esposa de Idomeneo, por obra de Leuco" (Pseudo-Apolodoro: Epítomes VI, 9). Esta información fixo que algunhas se suicidaran e outras, como Clitemnestra, acabaron enganando ós seus maridos.
  29. Palamedes descubriu que Odiseo mentía cando se fixo o tolo para non ir á guerra de Troia, o que provocou a inimizade deste. Xa ante Troia, Ulises agochou ouro na tenda de Palamedes e fixo crer ós gregos que ese ouro era un premio de Príamo por traizoalos, o que supuxo a súa condena a morte por lapidación, algo que o seu pai Nauplio nunca perdonou, polo que abandonou o exército grego.
  30. Epítome VI, 9.
  31. "Agamenón, á súa volta a Micenas, acompañado de Casandra, é asasinado por Existo e Clitemnestra: esta dálle unha túnica sen orificios nin para os brazos nin para a cabeza e, mentres a viste, é sacrificado" (Pseudo-Apolodoro: Epítomes VI, 23).
  32. Casandra, adiviña á que ninguén cría, non quixo entrar no palacio porque tiña visións de sangue e morte.
  33. "A miña nai e o que comparte o seu leito, Existo, como leñadores a unha árbore, abríronlle a cabeza cun machado asasino" (Sófocles: Traxedias: Electra, px. 372).
  34. Conta a tradición que esta muller acostou ó seu propio fillo na cama de Orestes para que Existo o matara en lugar deste.
  35. Este tempo concrétase en sete (Grimal px. 111) ou oito anos (Graves px. 458), o que non parece crible porque, segundo as traxedias clásicas, Electra non recoñece ó seu irmán cando este regresa do seu exilio. Outros autores aumentan este prazo ata os 20 anos (Graves, px. 458).
  36. Epítome VI, 23 - 25.
  37. Descripción de Grecia II, 16, 6.
  38. SPAZARI, Elisavet; PETROPOLU; Kelli: Corinto - Micenas - Nauplión - Tirinto - Epidauro.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Esquilo: Tragedias completas. Ed. Cátedra, 1ª ed. 1983, 19ª ed. 2021.
  • Graves, Robert: Los mitos griegos. Ed. Gredos, 2019, especialmente px. 450-455.
  • Grimal, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1ª ed. 1981, 7ª impresión 2017.
  • Hixino: Fábulas mitológicas. Alianza editorial, 2009.
  • Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica. Alianza editorial 3ª ed. 2016.
  • Sófocles: Tragedias (Áyax. Las Traquinias. Antígona. Edipo rey. Electra. Filoctetes. Edipo en Colono). Ed. Gredos, 1ª ed. 1981, 1ª reimpr. 2023.

Ligazóns externas editar

  • Ifigenia de Eurípides, joya de la Tragedia griega, conferencia de Eva Tobalina, profesora de Historia antiga, en Raíces de Europa, 21 abril 2023 (en Youtube).