Templete

Un templete é unha pequena estrutura con forma de templo, habitualmente destinada a albergar algún obxecto.[1] Por norma xeral os templetes aloxan elementos relixiosos e/ou funerarios, tales como restos fúnebres, iconas, imaxes ou reliquias, aínda que en ocasións son simplemente conmemorativos. Por extensión tamén recibiron o nome de templetes moitas edificacións singulares de pequeno tamaño, con independencia do seu uso, así como algúns elementos decorativos que adoptan ou lembran a forma dun templo, por exemplo algúns deseños de lanterna no remate dunha cúpula.

Os templetes adoitan ser construcións pechadas, mentres que se carecen de paredes adoita falarse de pavillóns, baldaquinos ou quioscos. Os quioscos de música tamén son denominados ás veces "templetes de música".

HistoriaEditar

 
Caixa de vasos canopos de Tutankhamon con forma de templete, do século XIV a. C.

A construción de templetes remóntase ás orixes da cultura humana. Xa se coñecen templetes en Mesopotamia e no antigo Exipto (como o de Tutankhamon), e o seu uso acompañou ás relixións icónicas e idólatras ao longo da historia.[2]

ArquitecturaEditar

Aínda que o uso do termo "templete" é moi xenérico e aplícase a construcións de moi diversas culturas e épocas, estas estruturas adoitan compartir dous trazos comúns: unha marcada función simbólica, e un custo relativamente reducido debido ao seu pequeno tamaño. Estas características favoreceron que os templetes sirvan en numerosas ocasións como laboratorio de probas para novos conceptos estilísticos, xerándose pezas de elevado valor artístico.[3] Así, quizais o templete máis coñecido sexa do de San Pietro in Montorio, deseñado en 1502 por Bramante, e que segundo moitos autores representa a síntese da arquitectura renacentista.

Tamén son coñecidos os "templetes de metro" da época modernista, os templetes telefónicos que sostiñan o cableado urbano primitivo e os templetes neoclásicos cos que se gustaba decorar os chamados "xardíns ingleses" ou románticos durante os séculos XVIII e XIX.[4][5][6][7]

NotasEditar

  1. "templete". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 2018. 
  2. "Arquitectura Mesopotámica". Consultado o 20 de setembro de 2011. 
  3. José Ramón Soraluce Blond. "A Coruña: arquitectura desaparecida Los espacios de ocio" (PDF). p. 21. Consultado o 20 de setembro de 2011. 
  4. "Los Templetes del Metro (modernistas, no modernos)". Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2009. Consultado o 20 de setembro de 2011. 
  5. "Arquitecturas Perdidas (IV): Templetes del metro de Red de San Luís y Sol". Consultado o 20 de setembro de 2011. 
  6. "Los paisajes perdidos de la telefonía primitiva". Consultado o 2 de marzo de 2018. 
  7. "Un jardín ilustrado: el parque de “El Capricho"". Arquivado dende o orixinal o 06 de xuño de 2011. Consultado o 20 de setembro de 2011. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar