Teixo dos Tenreiro

árbore en Pontedeume

O teixo dos Tenreiro é unha árbore senlleira centenaria que se atopa na casa grande do mesmo nome en Pontedeume. En 2012 o seu estado sanitario calificouse de crítico [1]; en 2015 considerouse case insalvábel.[2]

O teixo en xullo de 2015.

Especie editar

 
Póla con follas e froito (arilo) dun teixo da mesma especie ca o dos Tenreiro.

O teixo pertence á especie Taxus baccata, especie noutrora abundante en Galiza, da que xa só fican exemplares illados agás nalgún teixedal na zona oriental das serras ourensás. O teixo, coma tamén ocorre coas oliveiras, adoitábase plantar de xeito illado á beira das igrexa, capelas e cemiterios coma símbolo de vida eterna (pola súa follaxe sempre verde) e tamén coma ornamental nos pazos. Esta práctica de plantación foi común en Galiza, Asturias e nas Illas Británicas. É unha árbore moi lonxeva que medra amodo e que pode acadar os 2000 anos de idade. Tamén é moi sensíbel aos cambios ambientais.

Estado e conservación editar

O teixo dos Tenreiro está catalogado na lista de árbores senlleiras elaborada pola Xunta de Galicia. Aparece en moitas guías botánicas europeas do século XX coma árbore monumental. O estado sanitario actual da árbore non é moi bo, practicamente non ten follas e corre risco de morte a curto prazo malia ser o teixo unha especie arbórea das máis lonxevas. Porén, na base do toro aínda se olla algún agromo verde, así coma algúns rebentos ou fillos arredor do coto.

Historia editar

Descoñécese a idade da árbore, que podería ir dende 300 a máis de 1000 anos. A árbore leva hoxe en día o nome da casa grande construída arredor de 1870 pola familia Tenreiro (á que pertenceron o arquitecto Antonio Tenreiro Rodríguez e o escritor e político Ramón Tenreiro Rodríguez, ambos fillos do tamén arquitecto e pintor Antonio Tenreiro Brochón) nunha aba que morre no esteiro do río de Covés. O teixo, que xa estaba alí cando se arranxou o terreo, pasou a formar parte ornamental do xardín da casa. Acostumábase podar segundo as modas dos séculos XIX e XX, neste caso en catro pisos a xeito de aneis, de maior a menor diámetro dende o chan. A casa conta cunha importante escolma de importantes exemplares botánicos, como é o caso dunha araucaria que tamén forma parte da listaxe de árbores senlleiras de Galiza.

O seu espectacular porte (nos bos tempos 15 metros de altura e 20 de diámetro máximo) inspirou aos donos do terreo a construíren un miradoiro sobre a ría que se fixo famoso entre os botánicos europeos. Instalaron xunto ao tronco principal unha escada de caracol que rubía até a copa, onde se colocou unha plataforma.

So da árbore chegou a se celebrar un consello de ministros cando era presidente do Goberno republicano español Santiago Casares Quiroga, así coma numerosas parolas culturais e políticas nas que participaron Valle Inclán, Azorín, Emilia Pardo Bazán ou Manuel Azaña, quen era parente dos Tenreiro.[3]

Co estoupido da Guerra Civil pérdese a posición avantaxada dos donos da casa, un dos irmáns morre en Suíza, onde fora destinado coma diplomático; outro é capturado polo goberno franquista, que lle prohibe exercer a súa profesión de arquitecto; e a familia é finalmente despoxada de parte das súas propiedades, polo que remata marchando do pazo. Así comeza o abandono do xardín. Os traballos e arranxos actuais feitos no paseo de Pontedeume poñen ao bordo da morte esta histórica árbore.

Degradación e estado actual editar

Noutrora arrodeado de leiras de millo, xardíns á beira do río e hortas; a degradación comeza nos anos 60 do século XX, cun recheo para instalacións deportivas e coa progresiva degradación das contornas da ría.

En 1995 comezou a construción do paseo marítimo, cun chan de cemento, que en parte esmaga e afoga as raíces. Na mesma época deséñase a autoestrada A Coruña-Ferrol, ficando o eido señorial baixo un dos viadutos. Nunha das fases dos traballos o solo no que medra o teixo pasa a dominio público. O chan que hai entre a árbore e o carreiro cóbrese de laxes.

O goberno galego efectuou algunhas podas sanitarias dende o ano 2003 no que se comezaron a detectar os danos na árbore polos cambios da contorna. Ademais instalárase daquela unha gaiola metálica para evitar vandalismos cun custo duns 36.000 euros.[4]

Existe en Pontedeume outro teixo preto da gasolineira que tamén comezou a morrer coa construción dunha rotonda.

Con todo segundo a consellería aínda hai esperanzas de rexeneración, xa que técnicos de Conservación da Natureza, en colaboración coa Estación Fitopatolóxica do Areeiro analizaron diversas partes da árbore e ollaron que aínda había zume. A doenza atribuíuse nun primeiro momento a un fungo, porén as últimas pescudas culpaban ás laxes que afogaban as raíces (que xa foron tiradas). Estase tamén estudando a retirada da escada de ferro que sobe á copa.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. "La agonía de un árbol de 500 años", artigo de Silvia R. Pontevedra en El País, 28 de xuño de 2013 (en castelán).
  2. "O teixo de Pontedeume é insalvable", artigo de Carla Elías en La Voz de Galicia, 15 de xullo de 2015.
  3. "El cenáculo de los Tenreiro", artigo de Isabel Bugallal en La Opinión A Coruña, 20 de outubro de 2016 (en castelán).
  4. "Protegidos, agónicos y difuntos", artigo de Silvia R. Pontevedra en El País, 9 de xullo de 2014 (en castelán).

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar