Teísmo (lingüística)

trazo sintáctico dialectal da lingua galega

O teísmo é un trazo sintáctico dialectal que difire do estándar da lingua galega en non a facer distinción entre pronome persoal átono de segunda persoa de acusativo te e o de dativo che.

Zonas de teísmo en amarelo.
Zonas de cheísmo en verde.
Caso Forma estándar Formas do cheísmo Formas do teísmo
Acusativo
te
che
te
Dativo
che
che
te
Reflexivo
te
te
te

Distribución xeográfica

editar

Este fenómeno é un trazo dialectal que se dá en dúas áreas dialectais: na microsubárea do Baixo Miño (pertencente ao bloque occidental), onde precisamente é a isoglosa do teísmo a que divide a área tudense; e a subárea da Mezquita-Lubián dentro da Área Zamorana do bloque oriental[1].

Aínda que segundo o punto de vista máis estabelecido entre os lingüistas que estudan o galego se considere un trazo minoritario, os lingüistas reintegracionistas considérano maioritario no sistema lingüístico galego-portugués por ser o normal nos falantes de portugués, co cal o sistema habitual en galego con distinción entre che e te e aínda máis o cheísmo serían considerados a excepción e o teísmo a norma.

Posibles orixes do teísmo dialectolóxico

editar

O teísmo detéctase en dúas áreas meridionais sen continuidade espacial: o Baixo Miño pontevedrés e a subárea da Mezquita-Lubián. Tendo en conta que che é un pronome descoñecido tanto en latín coma no galego arcaico, é unha innovación galega que o portugués común rexeitou, do cal se pode concluír que as áreas teístas deben de conservar basicamente o que sería o subsistema propio das orixes do idioma.

Non se deu aínda un estudo diacrónico rigoroso que analice a distribución dos usos de te e che desde os primeiros textos ata os do século XX e que explore os terreos da súa dialectoloxía histórica pero cabe pensar que o teísmo é unha opción conservadora en terreos onde non chegou nunca a haber a irrupción de che para as funcións de obxecto indirecto.[2]

  1. Fernández Rei, F. (1990). Dialectoloxía da lingua galega. Xerais. p. 76-77. 
  2. Dubert García, F.; Mariño Paz, R. (2004). "Áreas marxinais no mapa dialectal galego". En Rosario Álvarez Blanco et alii. A lingua galega: Historia e Actualidade. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar