Taltibio

heraldo de Agamenón

Taltibio é un personaxe da mitoloxía grega, heraldo de Agamenón durante a Guerra de Troia, xunto con Euríbates.

Patroclo, obedecendo a Aquiles, entrega a Briseida a Taltibio y Euríbates para que sexa levada a Agamenón (ilustración para a tradución da Ilíada de Alexander Pope, publicada en 1899)

A primeira aparición do personaxe nos textos clásicos ocorre xa nos prolegómenos da guerra, cando a armada grega reunida en Áulide se ve retida pola deusa Ártemis, que impide que sopren ventos favorables para levar áncoras cara Troia. O oráculo esixe o sacrificio de Ifixenia, filla de Agamenón, que ofendera á deusa. Agamenón resístese a sacrificar á filla pero debe ceder ó fado, e manda a Argos a Odiseo e a Taltibio para que lle traian a Ifixenia, coa excusa de entregala en matrimonio a Aquiles[1].

Máis adiante, ámbolos dous servidores de Agamenón, Taltibio e Euríbates, serán os encargados de arrebatar a Briseida da tenda de Aquiles (prisioneira e concubina deste que reclama Agamenón como compensación cando se ve obrigado a devolver a Criseida ó seu pai).

"A Taltibio e Euríbates , os seus heraldos e eficaces servidores, dálles esta orde: 'Ide á tenda do Pelida Aquiles, tomade pola man a Briseida, de fermosas meixelas, e traédea! No caso de que non vola dese, quitareilla eu en persoa indo con máis homes, o que lle resultará máis amargo!"
Ilíada I, 319

Durante os combates ante Troia, Taltibio aparece executando distintas accións pero nunca como guerreiro. Así, cando Menelao resulta ferido polas frechas de Pándaro, instigado por Atenea, rompendo así a posibilidade de tregua entre ambos bandos, será Taltibio o que acuda en busca de Macaón para que o cure[2]. Noutra ocasión, Será Taltibio quen vaia buscar animais para facer sacrificios ós deuses, un año, nun caso, ou un xabaril, noutro.

E, finalmante, aparece tamén nas traxedias de Eurípides (As Troianas e Hécuba), no papel de representante dos gregos que acode ante as escravas troianas (representadas dalgún xeito por Hécuba) para indicarlles a quen lles correspondeu a cada unha na repartición do botín de guerra entre os vencedores gregos. Pero, especialmente, será Taltibio quen entregue a Hécuba o corpo do seu neto, Astianacte, sacrificado por Neoptólemo[3], así como comunicarlle o destino que os xenerais gregos decidiron sobre Políxena, filla de Hécuba, á que van sacrificar sobre a tumba de Aquiles. Esteban Santos sinala que, en todo caso, a súa figura "non resulta cruel, senón máis ben compasiva"[4].

Notas editar

  1. Pseudo-Apolodoro: Epítome III, 22. Existe unha variante do mito na que, paralelamente, Agamenón manda aviso a Clitemnestra para que se negue a enviar a Ifixenia, pero a mensaxe será interceptada por Menelao.
  2. Ilíada IV, 192. Macaón foi un fillo de Asclepio, que aprendera co seu pai a arte da medicina.
  3. Eurípides: Las Troyanas, 1123ss.
  4. Esteban Santos, px. 10.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Esteban Santos, Alicia: "De princesas a esclavas en Troya (Heroínas de la mitología griega III)", en Cuadernos de Filología Clásica nº 17 (2007), 45-75.
  • Eurípides (2021 (11ª ed)). Tragedias I (El cíclope. Alcestis. Medea. Los Heráclidas. Hipólito. Andrómaca. Hécuba). Cátedra. ISBN 9788437605456.  (en castelán)
  • Eurípides (2021 (11ª ed)). Tragedias II (Las suplicantes. Electra. Heracles. Las troyanas. Ifigenia entre los Tauros. Ión). Cátedra. ISBN 9788437617411.  (en castelán)
  • Pseudo-Apolodoro (2016 (3ª ed)). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277.  (en castelán)