O svedberg (simbolizado como S ou ás veces Sv) é unha unidade de medida que non pertence ao Sistema Internacional de Unidades (SI) usada para medir coeficientes de sedimentación. A unidade svedberg (S) ofrece unha medida do tamaño dunha partícula baseada na súa velocidade de sedimentación, é dicir, a rapidez con que unha partícula dun peso, tamaño e forma dados sedimenta no fondo dunha disolución.[1] En realidade, o svedberg é unha medida de tempo; que se define como 10−13 segundos (100 femtosegundos, fs).

Unha ultracentrífuga de laboratorio.

Para as moléculas biolóxicas, a velocidade de sedimentación mídese como a velocidade con que se despraza no tubo dunha centrífuga sometido a unha alta forza g.[1]

O svedberg (S) non debería confundirse coa unidade pertencente ao SI sievert nin coa unidade non pertencente ao SI sverdrup, as cales tamén se simbolizan como Sv.

Os coeficientes de sedimentación medidos en svedbergs non son aditivos; así, un ribosoma eucariota con subunidades de 60S e 40S (que suman 100) cando está completo non ten un coeficiente de 100S, senón de 80S.

Nome editar

A unidade recibe o seu nome en honra do químico sueco Theodor Svedberg (1884–1971), gañador do Premio Nobel de Química en 1926[2] polo seu traballo en sistemas dispersos, coloides, e a súa invención da ultracentrífuga.

Factores editar

O coeficiente de sedimentación Svedberg non é unha función linear.[1] A masa, densidade e forma dunha partícula determinan o seu valor S. Depende das forzas friccionais que retardan o seu movemento, que, á súa vez, están relacionadas coa área da sección transversal media da partícula.[1]

O coeficiente de sedimentación é a proporción entre a velocidade á que se move unha substancia na centrífuga e a súa aceleración en unidades comparables. Unha substancia cos coeficiente de sedimentación de 26S (26×10−13 s) viaxará a 26 micrómetros por segundo (26×10−6 m/s) baixo a influencia dunha aceleración dun millón de gravidades (107 m/s2). A aceleración centrífuga dáse como rω2; onde r é a distancia radial desde o eixe de rotación e ω é a velocidade angular en radiáns por segundo.

As partículas máis grandes tenden a sedimentar máis rápido e teñen valores svedberg maiores.

As unidades svedberg non son directamente aditivas, xa que representan unha velocidade de sedimentación, non un peso.[1]

Uso editar

Na centrifugación de pequenas especies de bioquímicas, desenvolveuse unha convención na cal os coeficientes de sedimentación se expresan en unidades svedberg.

A mdedida en svedbergs é o xeito máis importante para distinguir ribosomas. Os ribosomas están compostos por dúas subunidades complexas, cada unha das cales está formada por ARNr e proteínas. En procariotas as subunidades son de 30S e 50S. Estas subunidades conteñen tres formas de ARNr, de 16S, 23S e 5S.[1]

Nos ribosomas bacterianos, a ultracentrifugación rende ribosomas intactos (de 70S) e subunidades ribosómicas separadas, a maior de 50S e a menor de 30S. Dentro das células os ribosomas poden estar en forma de subunidades separadas ou coas unidades ensambladas, formando o cromosoma completo funcional. As partículas máis grandes (ribosomas completos) sedimentan preto do fondo do tubo, mentres que as partículas menores son as subunidades separadas de 50S e 30S, que aparecen nas fraccións superiores.[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Slonczewski, Joan; Foster, John Watkins (2009). Microbiology: An Evolving Science. New York: W.W. Norton. ISBN 9780393978575. 
  2. https://www.nobelprize.org/nobel_prizes/chemistry/laureates/1926/

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar