Programa Surveyor

(Redirección desde «Surveyor 3»)

O programa Surveyor foi un programa de sondas automáticas da NASA para explorar a Lúa antes da chegada do primeiro humano á súa superficie. As sondas aterrarían na superficie lunar e estudiaríana con diferentes instrumentos, sacando imaxes e obtendo datos das características do solo lunar. O programa tivo lugar entre 1966 e 1968, conseguindo facer chegar á Lúa con éxito cinco das sete sondas lanzadas. As catro primeiras sondas foron lanzadas mediante foguetes Atlas LV-3C Centaur D, mentres que as tres últimas o foron mediante foguetes Atlas SLV-3C Centaur D.[1][2]

O Surveyor 3 co módulo lunar da misión Apollo 12 ao fondo.

Características editar

As sondas Surveyor tiñan unha masa de aproximadamente 1000 kg no lanzamento, unha altura de 3,3 m e un diámetro de 4,5 m. Tiñan forma de trípode sobre o que se montaban os instrumentos científicos e de enxeñaría. A súa estrutura era de aluminio e a enerxía eléctrica era producida por un panel solar cun total de 3 m2 de superficie, producindo ata 85 W de potencia, e por unha batería non recargable de 24 voltios que en conxunto proporcionaban 4090 W. Cada sonda levaba tamén unha antena plana, dúas omnidireccionais e un altímetro radar. Como motor de freado para diminuír a súa velocidade cerca da Lúa usaba un Star 37 de Thiokol, que era exectado para que a sonda usara os seus motores de hidracina TD-339 para pousarse suavemente na superficie. Os motores de hidracina apagábanse a 3,5 m de altura sobre a superficie para evitar a contaminación do lugar da aterraxe e poder tomar mostras limpas.[1][2]

Catro das naves Surveyor aterraron en mares lunares cerca do ecuador por ser sitios considerados de interese para o programa Apollo. Surveyor 7 foi enviado cerca do cráter Tycho polo seu interese científico. As sondas serviron tamén para obter información científica e tecnolóxica de cara ao envío de humanos á Lúa. Os obxectivos principais do programa Surveyor foron:[1][2]

  • Obter imaxes da superficie lunar mediante a cámara de televisión de cada sonda. Obtivéronse máis de 86 000 imaxes da superficie por parte das sondas a gran resolución, de ata 1 mm.
  • Estudar as propiedades mecánicas da superficie lunar a partir das imaxes de televisión e dos instrumentos acaroados ás patas de aterraxe. Os Surveyor 3 e 7 tamén levaron recolledores de mostras que se usaron para estudar as propiedades mecánicas do solo lunar e para investigar os efectos da erosión na superficie acendéronse os motores das sondas, grabándose o resultado coa cámara de televisión.
  • Estudar as propiedades térmicas da superficie mediante os termómetros dos compartimentos da electrónica das naves.
  • Estudar as propiedades electromagnéticas da superficie mediante un imán nunha das patas de aterraxe das Surveyor 5, 6 e 7.
  • Análise química por dispersión alfa, estudando a composición da superficie mediante un instrumento para medir a dispersión das partículas alfa levado a bordo polos Surveyor 5, 6 e 7.

Misións editar

Surveyor 1 editar

Foi lanzada o 30 de maio de 1966 e aterrou no Oceanus Procellarum o 2 de xuño. Transmitiu 11 237 fotos da superficie e vídeo. A sonda transmitiu datos de enxeñaría ata o 7 de xaneiro de 1967.[1][2]

Surveyor 2 editar

Lanzada o 20 de setembro de 1966, comezou a xirar sobre si mesma durante a etapa de cruceiro ata a Lúa despois do fallo dun dos foguetes durante un acendido de corrección de traxectoria. O control de terra non conseguiu recuperar o control, perdéndose o contacto coa sonda o 22 de setembro ás 9:35 UTC. A nave impactou preto do cráter Copernicus ás 3:18 UTC do 23 de setembro, aínda que o seu obxectivo era tomar terra en Sinus Medii.[1][2]

Surveyor 3 editar

Surveyor 3 foi lanzada o 17 de abril de 1967, tomando terra o 20 de abril no Oceanus Procellarum. A sonda rebotou na superficie ao aterrar debido a un apagado dos motores demasiado cerca da superficie. Foi a primeira das naves Surveyor en levar un mecanismo de recollida de mostras coa que tamén se fixeron gabias de ata 18 cm de profundidade na superficie. Surveyor 3 transmitiu 6300 fotos e non sobreviviu á noite lunar. A sonda foi visitada pola misión Apollo 12, que colleu algunha das súas pezas para devolvelas á Terra.[1][2]

Surveyor 4 editar

Foi lanzada o 14 de xullo de 1967 e perdeuse o contacto con ela na fase de descenso, o 17 de xullo, a dous minutos e medio de tocar terra. Especúlase con que o foguete de freado explotou durante o seu acendido.[1][2]

 
Unha das patas de Surveyor 5 despois de esbarar na superficie durante a aterraxe.

Surveyor 5 editar

Engalou o 8 de setembro de 1967 e aterrou no Mare Tranquillitatis o 11 de setembro. A sonda transmitiu datos durante dúas semanas. Levaba a bordo un analizador por dispersión de partículas alfa para estudar a composición da superficie.[1][2]

Surveyor 6 editar

Chegou á superficie lunar o 10 de novembro de 1967, despois de ser lanzada o 7 de novembro. A sonda era idéntica á Surveyor 5, incluído o analizador de partículas alfa. O motor da sonda foi activado durante 2,5 segundos o 17 de novembro, levantando a sonda 4 m sobre a superficie e volvendo a aterrar nela para seguir funcionando sen problemas no que foi a primeira engalaxe controlada desde a Lúa. Transmitiu 30 027 imaxes á Terra.[1][2]

Surveyor 7 editar

A última sonda Surveyor foi lanzada o 7 de xaneiro de 1968 e aterrou cerca do cráter Tycho o 10 de xaneiro. Foi a sonda Surveyor con máis equipamento científico, incluíndo filtros polarizadores na cámara de televisión, un recolledor de mostras, imáns en dúas das patas e espellos auxiliares. A sonda deixou de funcionar a finais de febreiro de 1968.[1][2]

Historial de lanzamentos editar

Misión[1][2] Data de lanzamento[1][2] Foguete lanzador[1][2] Notas[1][2]
Surveyor 1 30 de maio de 1966 Atlas LV-3C Centaur D Éxito
Surveyor 2 20 de setembro de 1966 Atlas LV-3C Centaur D Éxito
Surveyor 3 17 de abril de 1967 Atlas LV-3C Centaur D Éxito
Surveyor 4 14 de xullo de 1967 Atlas LV-3C Centaur D Éxito
Surveyor 5 8 de setembro de 1967 Atlas SLV-3C Centaur D Fallo
Surveyor 6 7 de novembro de 1967 Atlas SLV-3C Centaur D Éxito
Surveyor 7 7 de xaneiro de 1968 Atlas SLV-3C Centaur D Éxito

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 Mark Wade (2022). "Surveyor" (en inglés). Consultado o 19 de xaneiro de 2022. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Gunter Dirk Krebs (2022). Gunter's Space Page, ed. "Surveyor 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7" (en inglés). Consultado o 19 de xaneiro de 2022. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar