Programa Surveyor
O programa Surveyor foi un programa de sondas automáticas da NASA para explorar a Lúa antes da chegada do primeiro humano á súa superficie. As sondas aterrarían na superficie lunar e estudiaríana con diferentes instrumentos, sacando imaxes e obtendo datos das características do solo lunar. O programa tivo lugar entre 1966 e 1968, conseguindo facer chegar á Lúa con éxito cinco das sete sondas lanzadas. As catro primeiras sondas foron lanzadas mediante foguetes Atlas LV-3C Centaur D, mentres que as tres últimas o foron mediante foguetes Atlas SLV-3C Centaur D.[1][2]
Características
editarAs sondas Surveyor tiñan unha masa de aproximadamente 1000 kg no lanzamento, unha altura de 3,3 m e un diámetro de 4,5 m. Tiñan forma de trípode sobre o que se montaban os instrumentos científicos e de enxeñaría. A súa estrutura era de aluminio e a enerxía eléctrica era producida por un panel solar cun total de 3 m2 de superficie, producindo ata 85 W de potencia, e por unha batería non recargable de 24 voltios que en conxunto proporcionaban 4090 W. Cada sonda levaba tamén unha antena plana, dúas omnidireccionais e un altímetro radar. Como motor de freado para diminuír a súa velocidade cerca da Lúa usaba un Star 37 de Thiokol, que era exectado para que a sonda usara os seus motores de hidracina TD-339 para pousarse suavemente na superficie. Os motores de hidracina apagábanse a 3,5 m de altura sobre a superficie para evitar a contaminación do lugar da aterraxe e poder tomar mostras limpas.[1][2]
Catro das naves Surveyor aterraron en mares lunares cerca do ecuador por ser sitios considerados de interese para o programa Apollo. Surveyor 7 foi enviado cerca do cráter Tycho polo seu interese científico. As sondas serviron tamén para obter información científica e tecnolóxica de cara ao envío de humanos á Lúa. Os obxectivos principais do programa Surveyor foron:[1][2]
- Obter imaxes da superficie lunar mediante a cámara de televisión de cada sonda. Obtivéronse máis de 86 000 imaxes da superficie por parte das sondas a gran resolución, de ata 1 mm.
- Estudar as propiedades mecánicas da superficie lunar a partir das imaxes de televisión e dos instrumentos acaroados ás patas de aterraxe. Os Surveyor 3 e 7 tamén levaron recolledores de mostras que se usaron para estudar as propiedades mecánicas do solo lunar e para investigar os efectos da erosión na superficie acendéronse os motores das sondas, grabándose o resultado coa cámara de televisión.
- Estudar as propiedades térmicas da superficie mediante os termómetros dos compartimentos da electrónica das naves.
- Estudar as propiedades electromagnéticas da superficie mediante un imán nunha das patas de aterraxe das Surveyor 5, 6 e 7.
- Análise química por dispersión alfa, estudando a composición da superficie mediante un instrumento para medir a dispersión das partículas alfa levado a bordo polos Surveyor 5, 6 e 7.
Misións
editarSurveyor 1
editarFoi lanzada o 30 de maio de 1966 e aterrou no Oceanus Procellarum o 2 de xuño. Transmitiu 11 237 fotos da superficie e vídeo. A sonda transmitiu datos de enxeñaría ata o 7 de xaneiro de 1967.[1][2]
Surveyor 2
editarLanzada o 20 de setembro de 1966, comezou a xirar sobre si mesma durante a etapa de cruceiro ata a Lúa despois do fallo dun dos foguetes durante un acendido de corrección de traxectoria. O control de terra non conseguiu recuperar o control, perdéndose o contacto coa sonda o 22 de setembro ás 9:35 UTC. A nave impactou preto do cráter Copernicus ás 3:18 UTC do 23 de setembro, aínda que o seu obxectivo era tomar terra en Sinus Medii.[1][2]
Surveyor 3
editarSurveyor 3 foi lanzada o 17 de abril de 1967, tomando terra o 20 de abril no Oceanus Procellarum. A sonda rebotou na superficie ao aterrar debido a un apagado dos motores demasiado cerca da superficie. Foi a primeira das naves Surveyor en levar un mecanismo de recollida de mostras coa que tamén se fixeron gabias de ata 18 cm de profundidade na superficie. Surveyor 3 transmitiu 6300 fotos e non sobreviviu á noite lunar. A sonda foi visitada pola misión Apollo 12, que colleu algunha das súas pezas para devolvelas á Terra.[1][2]
Surveyor 4
editarFoi lanzada o 14 de xullo de 1967 e perdeuse o contacto con ela na fase de descenso, o 17 de xullo, a dous minutos e medio de tocar terra. Especúlase con que o foguete de freado explotou durante o seu acendido.[1][2]
Surveyor 5
editarEngalou o 8 de setembro de 1967 e aterrou no Mare Tranquillitatis o 11 de setembro. A sonda transmitiu datos durante dúas semanas. Levaba a bordo un analizador por dispersión de partículas alfa para estudar a composición da superficie.[1][2]
Surveyor 6
editarChegou á superficie lunar o 10 de novembro de 1967, despois de ser lanzada o 7 de novembro. A sonda era idéntica á Surveyor 5, incluído o analizador de partículas alfa. O motor da sonda foi activado durante 2,5 segundos o 17 de novembro, levantando a sonda 4 m sobre a superficie e volvendo a aterrar nela para seguir funcionando sen problemas no que foi a primeira engalaxe controlada desde a Lúa. Transmitiu 30 027 imaxes á Terra.[1][2]
Surveyor 7
editarA última sonda Surveyor foi lanzada o 7 de xaneiro de 1968 e aterrou cerca do cráter Tycho o 10 de xaneiro. Foi a sonda Surveyor con máis equipamento científico, incluíndo filtros polarizadores na cámara de televisión, un recolledor de mostras, imáns en dúas das patas e espellos auxiliares. A sonda deixou de funcionar a finais de febreiro de 1968.[1][2]
Historial de lanzamentos
editarMisión[1][2] | Data de lanzamento[1][2] | Foguete lanzador[1][2] | Notas[1][2] |
---|---|---|---|
Surveyor 1 | 30 de maio de 1966 | Atlas LV-3C Centaur D | Éxito |
Surveyor 2 | 20 de setembro de 1966 | Atlas LV-3C Centaur D | Éxito |
Surveyor 3 | 17 de abril de 1967 | Atlas LV-3C Centaur D | Éxito |
Surveyor 4 | 14 de xullo de 1967 | Atlas LV-3C Centaur D | Éxito |
Surveyor 5 | 8 de setembro de 1967 | Atlas SLV-3C Centaur D | Fallo |
Surveyor 6 | 7 de novembro de 1967 | Atlas SLV-3C Centaur D | Éxito |
Surveyor 7 | 7 de xaneiro de 1968 | Atlas SLV-3C Centaur D | Éxito |
Notas
editar- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 Mark Wade (2022). "Surveyor" (en inglés). Consultado o 19 de xaneiro de 2022.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Gunter Dirk Krebs (2022). Gunter's Space Page, ed. "Surveyor 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7" (en inglés). Consultado o 19 de xaneiro de 2022.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Programa Surveyor |