A subordinación ou hipotaxe é, en sintaxe, unha relación entre dúas proposicións ou nexos segundo a cal unha (a denominada proposición principal) posúe maior xerarquía cá outra (denominada proposición subordinada) de forma tal que non son permutables a unha pola outra sen que o significado varie ou se torne agramatical. Así, por exemplo, non se poden cambia-las proposicións de lugar en "mentiría se o afirmase" porque o resultado sería: "Afirmáseo se mentiría", que é agramatical. Así a todo, no caso das proposicións coordinadas, a proba da permutación non altera o significado: Pedro frega e María lava di o mesmo ca María lava e Pedro frega, que é tan gramatical e aceptable coma o primeiro.

As relacións de subordinación adoitan marcarse mediante uns nexos específicos, pero estes poden omitirse mediante a chamada xustaposición: "Pedro non veu porque estaba cansado" pode dicirse tamén omitindo o nexo e o substituíndo por un punto ou dous puntos: "Pedro non veu. Estaba cansado", "Pedro non veu: Estaba cansado"

Existen fundamentalmente tres tipos de subordinación:

  • A subordinación adverbial (circunstancial e lóxica)
  • A subordinación substantiva
  • A subordinación adxectiva

Subordinación substantiva

editar

As proposicións subordinadas substantivas desempeñan funcións sintácticas propias do substantivo: suxeito, obxecto directo, complemento de réxime ou suplemento, complemento do nome... Van introducidas polos nexos que, o que, o feito de que, por pronomes interrogativos como que, cal, quen, ou por adverbios interrogativos como canto, como, cando, onde etc..., precedidos ou non por preposición. No caso das interrogativas indirectas tamén pode aparece-lo nexo se.

O nexo adóitase suprimir detrás de verbos de lingua ou verbos que expresen vontade ou mandato: "Ordénolle preséntese inmediatamente en comandancia"; "Pedro dixo: Non é necesario". Nestes últimos casos trátase do que se denomina estilo directo, é dicir, reprodúcese o que foi dito con exactitude e na súa forma primitiva sen cambios; o nexo é substituído por dous puntos, comiñas ou guión. Se polo contrario o que se dixo reprodúcese sen respecto á forma orixinal como foron pronunciadas as palabras, aínda que co mesmo sentido, denomínase estilo indirecto e se existe o nexo: "Pedro dixo que non era preciso"

Existen distintos tipos de subordinadas substantivas segundo a función sintáctica que estas desempeñen:

  • Subordinadas substantivas en función de suxeito: "Que non viñese supuxo un gran problema"
  • Subordinadas substantivas en función de obxecto directo: "Díxome que non viría". "Preguntou se viría". "Preguntou como fora".
  • Subordinadas substantivas en función de suplemento ou complemento de réxime: "Falou de que era mellor non vir"
  • Subordinadas substantivas en función de atributo: "Está que morde", "o feito é que non o fixo"
  • Subordinadas substantivas en función de complemento do nome': "Teño a certeza de que volverá.
  • Subordinadas substantivas en función de complemento do adxectivo: "Asemellaba feliz de que nacese á súa cria".
  • Subordinadas substantivas en función de complemento do adverbio: "Ela estaba moi lonxe dos que amaba".
  • Subordinadas substantivas en función de vocativo: "¡A que está falando!, se cale".
  • Subordinadas substantivas en función de complemento indirecto: "Deron os permisos ós que os solicitaron".
  • Subordinadas substantivas en función de complemento circunstancial: "Irei sen que mo pidas".
  • Subordinadas substantivas en función de complemento axente: "A proposta foi aprobada polos que estaban na sesión".
  • Subordinadas substantivas en función de complemento predicativo subxectivo: "O capataz chegou que mordía".
  • Subordinadas substantivas en función de complemento predicativo obxectivo: "A nai deixouna que chorase".

Subordinación adxectiva

editar

As subordinadas adxectivas ou de pronome relativo desempeñan a función de adxacentes dun substantivo ou sintagma nominal ó que se denomina antecedente. Van introducidas por pronomes relativos como que (cando se pode substituír por o-a-os-as cal-é), quen ou quen, o cal, a cal, os cales, as cales, ou cuxo, cuxa, cuxos-as, precedidos ou non de preposición: "O libro que me emprestaches era moi bo". Poden considerarse asimilables ás adxectivas as subordinadas adverbiais de lugar tempo e modo introducidas polos adverbios conxuntivos onde, cando e como que levan antecedente expreso, como no caso "Ese é o lugar onde comemos", "Esa foi a época cando eu estudaba" ou "Esa foi a maneira como o fixemos", cuxos antecedentes respectivamente son lugar, época e maneira. Existen tres tipos:

  • Proposicións adxectivas especificativas: son as que non van entre comas e restrinxen o significado do antecedente seleccionándoo dunha xeneralidade: "Os xogadores que estaban cansados non xogaron a segunda parte". (Parte dos xogadores)
  • Proposicións adxectivas explicativas: son as que van entre comas e non restrinxen o significado do antecedente: "Os xogadores, que estaban cansados, non xogaron a segunda parte". (Tódolos xogadores)
  • Proposicións adxectivas substantivadas por falta de antecedente, por non ter antecedente expreso ou por outras causas. A proposición de relativo enúnciase cun valor indefinido e xeneralizador. Os pronomes quen e o que equivalen ó sintagma "a persoa que". E o pronome que ó sintagma "a cousa que". As nocións de «persoa» e «cousa» son os antecedentes implícitos de tales pronomes. Estas proposicións desempeñan funcións propias do substantivo. Ó igual ca un adxectivo pode substantivarse, tamén hai proposicións adxectivas substantivadas, e como as substantivas, desempeñan as funcións propias dun substantivo: "Os que van morrer saúdante", (suxeito axente); "Os que estuden serán aprobados" (suxeito paciente); "Leva o que elixiches" (complemento directo); "Eu son o que te coidará" (atributo)

Véxase tamén

editar