Translación (gramática)

A translación é a relación entre dúas palabras ou secuencias de palabras de natureza diferente (clase de palabra) mais coa mesma función gramatical.

Foi Lucien Tesnière o primeiro en falar de translación. Para el, na translación unha palabra plena dunha clase gramatical pasa a outra clase gramatical. Así, azul en azul do ceo foi transferido da clase dos adxectivos á clase dos substantivos. A terminoloxía que Tesnière utiliza é a seguinte:

  • A translación é o cambio de categoría gramatical dunha palabra: a preposición permite que un substantivo actúe como adxectivo (de Roma = romano).
  • Transferendo é a palabra tal e como se presenta antes de sufrir a translación.
  • O marcante morfolóxico (a preposición no exemplo anterior) recibe a denominación de translativo.
  • A palabra unha vez sufrida xa a translación é o transferido.

Dous tipos de translación:

  • Hai translación de primeiro grao cando o transferendo é unha palabra: de Paris e parisiense.
  • Hai translación de segundo grao cando o transferendo é unha frase enteira (A translación de segundo grao é recoñecida pola gramática tradicional co nome de subordinación): (O rapaz) que traballa e traballador.

Os marcantes de translación de primeiro grao son as preposicións. Mentres que os translativos de segundo grao son as conxuncións de subordinación. Así pois fronte a terminoloxía tradicional, que distingue entre conxuncións e preposicións, a terminoloxía adoptada por Tesniere distingue xuntivos (conxuncións de coordinación), translativos de primeiro grao (preposicións) e translativos de segundo grao (conxuncións de subordinación).

A noción de translación debe permitir que non haxa ambigüidade, como en de París e de Pedro en O tren de París e O can de Pedro, as dúas coa preposición de. neste caso, de París e de Pedro compórtanse sintacticamente como adxectivos pois, como estes últimos, son precedidos por un substantivo.

As translacións poden ser adxectivais, verbais, substantivas ou adverbiais cando o substantivo tórnase adxectivo, verbo, substantivo ou adverbio. Son desubstantivais, deadxectivais, deadverbiais ou deverbais cando a palabra transferida deixa de ter esas funcións.