A Stoá Basileos ou Stoá real (en grego antigo: Βασίλειος Στοά Basíleios stoá) foi unha stoá construída no -500 na ágora de Atenas. É un dos edificios máis antigos da cidade[1].

Stoá Basileos
Coordenadas37°58′34″N 23°43′20″L / 37.97613889, 23.72233333Coordenadas: 37°58′34″N 23°43′20″L / 37.97613889, 23.72233333
editar datos en Wikidata ]
A Stoá Basileos ocupa o lugar sinalado co n. 17 neste plano da ágora de Atenas.

O primeiro elemento arquitectónico que se erguía ao entrar na vía das Panateneas era este o pórtico. Estaba situada na esquina noroeste, coñecida como a dos "Hermes", xa que había moitos hermes erguidos[2].

Era a sede do arconte rei, maxistrado que se ocupaba dos asuntos relacionados co culto, os procesos xudiciais de impiedade e as reunións do tribunal do Areópago, onde se xulgaban os crimes. Contiña as copias das leis de Atenas, inscritas en pedra[1][2].

O edificio primitivo era de orde dórica, cun frontón de oito columnas e un podio na base dos tres muros. Aínda que persiste un problema de datación, xa que os elementos arquitectónicos, polo seu estilo, son do século -VI, mentres que a cerámica atopada baixo o chan pode datarse no -500, o material reutilizado para os cimentos apoiou a teoría de que a construción debe datarse despois da ocupación persa do -480.

A principios de século -IV engadíronse dous corpos laterais con pórticos, que lle daban un aspecto semellante ao da Stoá de Zeus. As súas dimensións eran pequenas, 18 m de longo por 7,5 m de ancho[2].

En liña recta coa construción erguíase unha estatua de Temis, deusa da xustiza, detrás da cal había un gran bloque pétreo sobre o cal os arcontes reis xuraban fidelidade ás leis da polis[3].

Segundo o xeógrafo grego Pausanias "no tellado deste pórtico hai estatuas de terracota: Teseo lanzando ao mar a Escirón e Hémera raptando a Céfalo[4]".

Segundo Aristófanes, a stoà tamén se utilizaba para banquetes oficiais, feito confirmado polos achados de louza. Neste pórtico tivo lugar a vista preliminar do xuízo de Sócrates[3].

  1. 1,0 1,1 Roland Martin, R (1942). "La Stoa Basileios. Portiques à ailes et lieux d'assemblée". Bulletin de correspondance hellénique 66 (276): 66-67. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Wycherley, R. E (1940). "The Stoa Basileios". The Journal of Hellenic Studies (60): 95-96. 
  3. 3,0 3,1 Boardman, John (ed.) (1994). The Cambridge ancient history, plates to volumes V and VI: The fifth and fourth centuries B.C. Cambridge: Cambridge University Press. p. 114-115. ISBN 9780521233491. 
  4. Pausanias, Descrición de Grecia i.3.1.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar