Sindicato de Oficios Varios de Sada

O Sindicato de Oficios Varios de Sada naceu no 1931 a partir do Centro Cultural Obrero, fundado un ano antes cos fondos achegados polos emigrantes sadenses nos EUA. Estaba federado na CNT. No 1932 contaba cerca de 200 afiliados, a maioría mariñeiros, cifra que se duplicou no 1936.

Sindicato de Oficios Varios de Sada
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

Directiva editar

Á altura do 1933 estaba dirixido por José Monzo Ríos (Presidente), Serafín García (Vicepresidente), José Neira Torrado (Secretario), Adolfo Caamaño (Vicesecretario), Manuel Regueira (Tesoureiro), Manuel Prado (Vicetesoureiro), José Barbeiro (Bibliotecario), Julio Caamaño, Francisco Guitián e Laureano Riveiro (Vocais).

Actuación sindical e cultural editar

Desenvolveu un intenso labor durante todo o período republicano, levando a cabo importantes folgas e diversas accións, encamiñadas á dignificación da clase obreira e ao seu enriquecemento cultural. Desde finais do 1931, e coma se anuncia na totalidade dos números de Solidaridad Obrera dese período, mantivo un boicot ao café La Terraza, que non permitía a sindicación dos seus empregados. O conflito semellou amañado en xullo do 1932, coa sinatura dun compromiso; mais, por diversas razóns, reavivouse no ano seguinte, estendéndose o boicot ao Salón Moderno. No 1933 e 1934 estalaron dúas bombas na Terraza e unha no Moderno, que só causaron estragos materiais, pero provocaron un grande impacto. Tamén mantivo un importante conflito coa compañía de tranvías polos mesmos motivos. Asemade, colaborou co Sindicato de Profesiones Varias de Meirás desde o 1933 para permitir, na parroquia de Meirás, a ocupación forzosa dunhas leiras por parte dos seus colonos, aos que se lles incrementara drasticamente o alugueiro.

No campo ideolóxico, os membros do sindicato propuñan unha loita aberta contra os valores morais impostos pola Igrexa, así coma contra toda forma de poder político e de opresión, e propuñan a emancipación da muller. Tamén actuaba o sindicato como centro cultural e educativo, e contra o 1933 contaba cun Centro de Educación Libertaria. Asemade, organizou frecuentes mitins e conferencias e artellou unha biblioteca.

Estivo integrado na Federación Comarcal de Sindicatos de Betanzos e Sada e, a partir do 1936, na Federación Comarcal de Sindicatos de Sada. Estivo representado no pleno da CRG do 1933 en Santiago de Compostela e no da CNT do 1936 en Zaragoza por José Monzo.

Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 editar

Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, foi completamente desartellado, e os seus membros máis significativos tiveron que agocharse ata seren asasinados (José Neira Torrado, José Cadaveira Guimarey), fuxir cara ao exilio (Serafín García) ou sufrir penas de prisión e multas económicas. O seu Presidente, José Monzo, tras dous anos agochado nas localizacións máis insólitas, optou por se quitar a vida antes de que lla arrebatasen.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Fontes hemerográficas editar

Fontes arquivísticas editar

  • Arquivo do Reino de Galicia - Fondo do Goberno Civil - G-2552
  • Arquivo Municipal de Sada - Libros de Actas