Sergei Sheremetev
Sergei Sheremetev, nado o 26 de novembro de 1844 en San Petersburgo e finado o 17 de decembro de 1918 en Moscova, foi un nobre, terratenente, militar e académico do Imperio Ruso.
Traxectoria
editarProcedía dunha das familias nobres máis podentes de Rusia, os Sheremetev descendentes de Feodor Koshka, proxenitor tamén dos Romanov. Seu pai era o conde (graf) Dmitri Sheremetev (1803-1871), militar e alto funcionario, e súa nai Anna Sergeievna Hemeteva (1811-1849). O seu medio irmán, por parte de pai, Aleksandr Sheremetev (1859-1931), foi director de orquestra. Sergei estudou no fogar como era habitual na época entre as familias da gran nobreza rusa e realizou o exame para ingresar na academia do Corpo dos Paxes. Serviu no Rexemento de Gardas Cabaleiros en 1863 como corneta, e en 1865 logrou o rango de poruchik (tenente), foi axuda de campo do rexemento dende 1866 e acadou o grao de stab-rotmister en 1867. En 1868 como rotmister foi axudante do tsarévich Alexandre.
En 1868 casou con Ekaterina Pavlovna Viazemskaia (1849-1929), filla do príncipe Pavel Petrovich Viazemski e neta do poeta Piotr Viazemski. A parella tivo nove fillos, entre eles o militar Dmitri Sheremetovv (1869-1943) e o artista e escritor Pavel Sheremetov (1871–1943).
En 1873 foi deputado da nobreza do distrito de Shlisselburg na provincia de San Petersburgo e entre 1873 e 1875 foi tamén o seu xuíz de paz honorario e en diversos períodos (1876-1879; 1885-1888; 1902-1914) foino no distrito de Podolskii na provincia de Moscova. Ascendeu a coronel en 1875 e participou na Guerra ruso-turca de 1877 e 1878 no destacamento comandado polo tsarévich na campaña dos Balcáns e recibiu a medalla da Orde de San Vladimir de terceira clase con espadas. Dende 1881 foi axudante de campo do tsar Alexandre III. Entre 1883 e 1894 dirixiu a Capela de Canto da Corte Imperial de San Petersburgo e dende 1885 foi administrador da fogar da emperatriz Alexandra Theodorovna para o coidado dos pobres. En 1885 ascendeu á posición civil de conselleiro de estado activo (deystvitelnyi statskiy sovetnik)[1] e líder da nobreza (predvodítel dvorianstva) da provincia de Moscova. En 1892 acadou o rango cortesán de mestre de caza (egermeister). Entre 1900 e 1917 foi membro do Consello de Estado e asemade presidente da Comisión Arqueográfica. En 1904 ascendeu a xefe de mestres de caza (Ober-egermeister) na corte imperial. Cara a 1905 Sergei Sheremetev era o segundo propietario en superficie de terras do Imperio Ruso, tras seu medio irmán, con aproximadamente 151 000 desiatinas[2] en 22 uezd [3].
Tras a Revolución Rusa de 1917 viviu en Moscova, as autoridades permitíronlle que residise nun dos apartamentos comunais nos que se dividiu unha das mansións do coñecido como o Patio de Sheremetev, antiga posesión da súa familia[4]e alí morreu o 17 de decembro de 1918. Soterrárono no novo cemiterio do mosteiro de Novopasski.
Obra
editarFoi autor de numerosas obras sobre historia e cultura rusa. Entre as súas obras máis coñecidas salientan unha unha serie de libros sobre a Moscova antiga, con biografías de recoñecidos moscovitas ou con información de mosteiros locais. Preparou e publicou ao seu custo varios volumes con crónicas, cartas ou manuscritos, incluídos moitos que procedían do arquivo familiar. Tamén publicou tres volumes de memorias que publicou entre 1898 e 1899
Notas
editar- ↑ No Imperio Ruso dende 1722 existía a Táboa de rangos, unha xerarquización de rangos sociais que consistía nunha listaxe oficial de cargos e postos do ámbito militar, gobernamental e da corte. Esa táboa determinaba a posición e o estado dun individuo baseado nos servizos ao tsar. Os cinco rangos superiores concedían a nobreza hereditaria. Véxase: Simon M. Dixon The Modernisation of Russia, 1676-1825 Cambridge University Press, 1999
- ↑ Medida do Imperio Ruso que equivalía aproximadamente a 1 hectárea. Véxase Cardarelli, F. (2004). Encyclopaedia of Scientific Units, Weights and Measures: Their SI Equivalences and Origins (2ª ed.). Springer. pp. 120–124
- ↑ Becker, Seymour (1985). Nobility and Privilege in Late Imperial Russia. Norther Illinois University Press. p. 38.
- ↑ Krasko, А. В. (2009). Три века городской усадьбы графов Шереметевых: люди и события.