Abrir o menú principal

O uezd ou uiezd, en ruso уе́зд (pronuncia AFI /uˈjɛst/), era unha entidade subnacional dentro do Imperio ruso.

HistoriaEditar

Orixinalmente designaba unha subdivisión do Rus de Kiev e, máis tarde, do Principado de Moscova do século XIII. Un uezd unía varios vólosts (волость) ao redor das cidades máis importantes, e era controlado por un gobernador (наместник, namestnik) nomeado polo monarca ou gran duque (великий князь, veliki knyaz') e, despois do século XVII, polo voivoda.

Coa introdución das gubernias en 1708 baixo o tsar Pedro o Grande, a subdivisión en uezds foi abolida e substituída polos "distritos". Coa reforma administrativa de Catarina I de Rusia, en 1727, os uezd reinstauráronse. E con Catarina II, en 1775, incluíronse como subdivisións das gubernias. Desde este ano os uezd estaban gobernados por un ispravnik (исправник) (entre 1775-1862 chamábase kapitan-ispravnik), elixido de entre a aristocracia local para gobernar durante tres anos. O ispravnik controlaba tanto o ámbito administrativo como a forza policial, e tamén encabezaba o zemsky sud, o xulgado do zemstvo, un corpo colexiado, corroborándose este status polo ucas do senado ruso de 13 de decembro de 1796.

A partir de 1862 o ispravnik deixou de ser un cargo electivo para ser designado directamente polas autoridades. Desde este momento a súa autoridade era persoal, e non dirixía nin o xulgado nin o departamento de policía. Despois da reforma dos zemstvo de 1864 outorgóuselle á maioría dos uezd unha autonomía local limitada, sobre todo nos da Rusia europea.

Cada uezd tiña o seu propio centro administrativo, a cidade uezd, onde residía o ispravnik e estaban situados os organismos de goberno. Economicamente, a cidade tiña o seu propio corpo colexiado de dirección, e o resto do territorio do uezd era dirixido polo uezd zemskope sobranie, a asemblea (zemstvo) e o seu grupo administrativo. Tamén contaba cun tesouro e finanzas propios, un maxistrado para a cidade, e unha administración menor (rasprava) para os campesiños. Os gorodnichi eran responsábeis da orde en cada asentamento uezd, e eran elixidos entre oficiais rusos. Toda a documentación facíase, así mesmo, en ruso.

Non había uezds en toda Rusia. Tanto as gubernias como os óblasts siberianos e da Asia Central dividíronse en ókrugs (literalmente "círculos").

Durante a reforma administrativa soviética entre 1923 e 1929, os uezd foron substituídos por raións. Porén, nas repúblicas soviéticas bálticas (RSS de Estonia, RSS de Letonia e RSS de Lituania) houbo uezds até 1949/50.

Existen hoxe termos parecidos na República Checa (újedz), Polonia (ujazd) e Lusacia (uhyst), para indicar asentamentos sen impostos. Tamén é nome de cidades nestes países.

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar

  • Uyezd en Britannica Online. Consultada o 19 de maeo de 2014