Sarabia
Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2018.) |
A sarabia, saraiba, saragana, graínzo, salpedrés, pedra ou pedrazo,[1][2] é un tipo de precipitación que consiste en partículas irregulares de xeo. A sarabia xérase en treboadas intensas en que se producen pingas de auga sobrearrefriadas, líquidas pero a temperaturas por debaixo do seu punto normal de fusión (0°C), e ocorre tanto en verán coma en inverno. Pero dáse máis cando está presente a canícula.
Cando as pingas de auga sobrearrefriada chocan na nube con outras partículas xeadas ou grans de po, poden cristalizar sen dificultade conxelándose rapidamente ó seu redor. Nas treboadas máis intensas prodúcese precipitación xeada en forma de sarabia especialmente grande cando esta se forma no seo de fortes correntes ascendentes. Neste caso o gran de sarabia pode permanecer máis tempo na atmosfera dispoñendo dunha maior capacidade de crecemento. Cando o pulo cara a arriba cesa ou a sarabia acadou un tamaño elevado, o aire xa non pode aguantar o peso do gran de sarabia e este acaba caendo.
Os grans de sarabia acostuman ser pequenos, dalgúns milímetros de diámetro, xeralmente en forma de bólas. Así a todo, de vez en cando orixínanse grans moito maiores, de varios centímetros de diámetro, debido a que na circulación ciclónica da treboada os pequenos grans ascenden e descenden varias veces, formándose distintas capas de xeo, unhas sobre outras. Dependendo do seu tamaño, poden non ser máis ca unha pequena molestia, causar danos en automóbiles e estruturas de cristal ou incluso matar a persoas. Debido ó seu proceso de formación todos eles teñen unha estrutura en forma de capas de cebola.
O gran de sarabia máis pesado rexistrado caeu en Gopalgnaj (Bangladesh), o 14 de abril de 1986, pesando 1,02 Kg.[3] E o máis grande rexistrado caeu en Aurora (Nebraska) o 22 de xuño do 2003 e tiña 18 cm de ancho por 48 de longo.[3]
Na cultura galega
editarEn Galicia era tradición que cando se vía ameaza de sarabia poñer un anaco de pan no antepeito das xanelas que daban cara aos nubeiros e tronantes para evitar que fixera mal e tamén había a lenda que metendo tres pedras no seo dunha doncela cesaba.[4]
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Sarabia.
- ↑ Así e todo, saraiba e saragana están marcadas como formas menos recomendables no DRAG
- ↑ 3,0 3,1 Las granizadas más potentes de la historia Arquivado 16 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.. www.tiempo.com.
- ↑ Xesús Taboada Chivite Etnografía Galega. Cultura Espiritual páxina 126
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sarabia |