Igrexa de San Xulián de Moraime
A igrexa de San Xulián de Moraime é un templo medieval do século XII, que antigamente se integraba nun mosteiro, situada na parroquia de Moraime, a tres quilómetros de Muxía, pertencente á comarca de Fisterra, provincia da Coruña. Está moi preto da capital municipal, sobre a estrada AC-440 que conduce até ela e a que se chega a partir da C-552, que pasa por Vimianzo.
Igrexa de San Xulián de Moraime | |
---|---|
Vista completa | |
Datos xerais | |
País | España |
Localización | Moraime (Muxía) |
Coordenadas | 43°05′05″N 9°11′59″O / 43.08472222, -9.19972222 |
Catalogación | Ben de Interese Cultural |
Culto | |
Culto | Igrexa católica |
Diocese | Arquidiocese de Santiago |
Arquitectura | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarA súa orixe parece situarse nunha antiga monarquía formada por numerosos anacoretas. A primeira doazón documentada concedida data de 1095, feita por Argilo Páez, viúva de Arias Pépiz, ligada á familia dos Condes de Traba, que lle doou a este cenobio e ó seu abade Hodorio, o mosteiro de San Xoán de Borneiro. O 17 de marzo de 1095 Froila Pérez[1], da mesma familia, doou a vila de Sarteguas (Berdeogas, Dumbría), cos seus servos, que quedarían libres á súa morte.
En 1105 consta xa a súa pertenza á Orde de San Bieito[2] e don Pedro, conde de Traba, estipulou unha cantidade para a súa reparación, dado que este mesmo ano fora asaltado polos normandos[3]. Cara a 1115 foi de novo arrasado, desta volta polos almorábides. No século XII ergueuse o templo actual cun novo mosteiro acaroado na parte sur. A construción levouse a cabo coa axuda do rei de Galicia Afonso VII, quen favoreceu a Moraime en agradecemento polos servizos do abade Hodorio e os seus antecesores lles prestaran na súa adolescencia e nenez, mentres estivo refuxiado neste mosteiro, cando as loitas entre os seus partidarios e os da súa nai Dona Urraca.
Tamén o rei Fernando II de León concedeu doazóns a este mosteiro. En 1161 a herdade do lugar de Castro (Frixe, Muxía), e en 1175 o lugar de Merexo (San Martiño de Ozón, Muxía). Estas doazóns foron confirmadas por varios reis sucesores.
A partir da segunda metade do século XIV comezou a decadencia do mosteiro, debido aos saqueos da pequena nobreza rural, que desobedecendo aos monarcas, foise apropiando dos seus bens.
Ata 1489 dependeu do mosteiro de San Martiño Pinario, como amosa o escudo coa árbore e dúas cunchas situado na fachada principal da igrexa. Nese ano, por orde dos Reis Católicos pasou a depender do Real Mosteiro de San Bieito de Valladolid, igual que outros mosteiros galegos.
Descrición
editarInterior
editarO templo é un edificio románico do século XII, de planta basilical con tres naves e tres ábsidas. As naves están separadas por columnas cadradas agás a última entre a nave central e a lateral norte, de forma circular. Acaroadas a cada piar hai catro semicolumnas circulares que treman dos arcos formeiros de medio punto que separan as naves e os faixóns ou transversais, sobre os que descansa o teito de madeira. Os capiteis están adornados con motivos vexetais.
A nave central, máis ancha que as laterais, está dividida en cinco tramos con arcos de medio punto, a diferenza das naves laterais que os teñen apuntados.
Nas paredes interiores hai oito pinturas, descubertas en 1970 debaixo dunha capa de cal. Están en moi mal estado de conservación debido á humidade, razón pola cal non se sabe a súa datación, oscilando segundo os estudosos entre a época medieval e o século XVII. Representan os sete pecados capitais e a morte, á que lle disparan as súas frechas.
-
Pintura da morte.
-
Pintura da envexa.
-
Pintura da gula.
-
Pintura da ira (á esquerda) e da luxuria (á dereita).
Exterior
editarA fachada principal ou occidental está dividida en tres corpos, separados por dous contrafortes que se corresponden co arranque das naves. O corpo central de grande anchura é de onde supera o pórtico que da acceso ó interior da igrexa.
Nos corpos laterais ábrense cadansúa ventá semicircular de construción, habendo enriba de cada unha un rosetón. Cada ángulo lateral da fachada remata nun campanario: mentres que o do lado norte conserva a forma orixinal, o do lado sur está modificado.
O pórtico da fachada principal que dá acceso á igrexa está abucinado por tres pares de columnas que están unidas aos ángulos e que amosan figuras, que segundo algúns autores representan ós Apóstolos. Sobre elas descansan outras tantas arquivoltas con figuras en forma radial que lembran ao Pórtico da Gloria da catedral de Santiago. No tímpano está o Salvador con sete figuras bíblicas aos dous lados situadas nunha arcada.
O muro norte divídese en cinco tramos separados por catro columnas que descansan sobre un bancal que percorre todo este muro. Entre este tramo atópanse, alternando, unhas fiestras cegas con vans que se abren ao exterior en talude.
A torre do ángulo norte da fachada está formada por dous paralelípedos rectángulos superpostos. No superior ábrense catro arcos de medio punto onde estarían situadas as campás e cóbrese con cuberta a catro augas. A torre do ángulo sur da fachada, actualmente das campás, foi modificada en época barroca, presentando actualmente tres corpos, un inferior con apenas dúas troneiras, un intermedio de planta tamén cadrada coas aberturas en arco de medio punto para as campás e un superior formado por unha lanterna de planta octogonal coroada por un cupulino apuntado, tamén de base octogonal.
As ábsidas ofrecen ao exterior o forte contraste entre a central, reconstruída e de planta rectangular, con dous sólidos contrafortes nas esquinas e as dúas laterais coa súa traza orixinal, de planta en arco de círculo.
O muro lateral norte está composto de cinco contrafortes unidos en arco. O muro da parte sur está dividido por tres piares e dous grandes contrafortes, percorrido por un beirado a mediana altura, debido ao mosteiro acaroado. Neste muro está a porta descuberta en 1976, adornada con catro columnas decoradas con motivos xeométricos e flores de lis nos seus fustes e rematadas en capiteis. Tres arcos a modo de arquivoltas, adornados con diversos motivos, completan o trazado arquitectónico desta porta.
Nas xambas hai representadas a figura dun bispo e no lado oposto San Bieito co libro da súa Orde. No tímpano represéntase a Última Cea con Xesús Cristo no medio e tres Apóstolos a cada lado.
Preto da igrexa, fronte á parte sur da fachada, está a casa reitoral, construída a mediados do século XVIII substituíndo o primitivo mosteiro.
En 1972, baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas, realizáronse escavacións na leira da parte sur da igrexa que revelaron a existencia dun poboado romano, así como diversos materiais antigos e gran cantidade de enterramentos.
Na parte norte da igrexa está o campo cercado por un muro de pedra e presidido por un cruceiro, onde se celebran as festas patronais da parroquia. A rentes do muro sur deste campo pasaba o Camiño Real que se dirixía cara a Muxía.
Galería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes do mosteiro de San Xulián de Moraime.
Notas
editar- ↑ Freire Camaniel, José (1998). El Monacato gallego en la alta Edad Media (en castelán). Fundación de Pedro Barrié de la Maza. p. 796.
- ↑ Castillo López, Ángel del (1987). Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia (en castelán). Editorial de los Bibliófilos Gallegos. p. 349.
- ↑ López Ferreiro, A.: Historia Compostelana
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Igrexa de San Xulián de Moraime |
Bibliografía
editar- Castillo, Ángel del (1987) [1972]. Inventario Monumental y Artístico de Galicia (Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia) (2ª ed.). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. pp. 349–350. ISBN 84-85728-62-9.
- Chamoso Lamas, Manuel; Victoriano González, Bernardo Regal (1996). Ediciones Encuentro, ed. Rutas románicas en Galicia/1 (en castelán). pp. 45–46.