Xil de Casaio

relixioso galego
(Redirixido desde «San Xil»)

Xil de Casaio é un santo berciano - valdeorrés medieval, dos séculos XII ou XIII.

Xil de Casaio
Matheis-san gil.JPG
Nacemento1170
Lugar de nacementoO Bierzo
Falecemento1250
Lugar de falecementoCarballeda de Valdeorras
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Ignóranse os datos sobre a súa familia e onde naceu. Tamén os datos sobre a súa vida son contraditorios. En esencia a súa vida foi deste xeito: monxe bieito, posibelmente primeiro no Mosteiro de Santa María de Carracedo, O Bierzo; pasaría despois a San Martiño de Castañeda, en Sanabria. Unha inscrición no medallón que o representa na igrexa de San Roque de Cacabelos (León), pero procedente do mosteiro de Carracedo, faino abade do cenobio sanabrés, pero non hai probas documentais que aseguren o dato.

Logo dun tempo preferiu marchar para o priorado de Santa Cruz de Casoio, na chamada comarca da Ribeira nos documentos medievais, no val alto do río Casaio, no Valdeorras, para actuar como párroco. Mais pasado aínda algún tempo máis, decantouse pola vida anacorética, retirándose ás serras próximas: serra do Eixe e montes de Pena Trevinca.

Neste retiro acompañouno outro frade, Pedro Fresme, que xa o seguira a Santa Cruz. Porén, ambos ermitáns viviron en lugares separados dos vales de Casaio, con eremitorios diferentes, dedicados á vida solitaria e a meditación. Morto Xil antes, o seu camarada colocou na súa ermida unha táboa con notas sobre a súa vida.

CultoEditar

O seu culto, de seguir as noticias de Flórez, comezou a espallarse a fins do século XVI, en ocasión de ser reformada a súa capela nos vales de Casaio. Reputouse a súa fama como santo avogoso para males de ouvido e febres tercianas. Aínda a fins do XVI foi erguida unha nova capela en Galende, Sanabria, por un veciño que fora curado ao acudir en romaxe á de Casaio. No mesmo Casaio creouse unha confraría para promover o seu culto que foi aprobada polo papa Bieito XIV.

FestividadeEditar

A súa festa conmemórase o día 1 de setembro, Como apunta Flórez, non por saberse a data da súa morte, senón porque se lle foi asinado o mesmo día de festividade que o San Xil abade, coñecido de antes.

IconografíaEditar

Represéntase como un monxe cisterciense, con hábito branco, segundo indicou o Padre Flórez. En Casaio, porén, está representado de pé, con hábito abacial escuro, con báculo na man esquerda e man dereita alzada bendecindo, acompañado dun can.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Quintana Prieto, Augusto, Valdeorras, El Barco y el Nazareno. O Barco de Valdeorras. Cofradía de Jesús Nazareno. 1969, páx. 157-167.
  • García Tato, Isidro, Valdeorras de cara al año 2000: Pasado, presente y futuro de una comarca, vol I, O Barco de Valdeorras. Instituto de Estudios Valdeorreses. 1996, caderno monográfico nº 19, reproduce documentos en páxs. 247-252, entre o que se inclúe a do Padre Flórez.
  • Fernández Fernández, Ángel, San Gil de Casaio, in rev. Sil 2000, O Barco de Valdeorras, nº especial das Festas do Cristo, setembro 2005 .