Mosteiro de Santa María de Carracedo

O mosteiro de Santa María de Carracedo é unha antiga abadía, xa exclaustrada, fundada no século X e pertencente ás ordes beneditina e, posteriormente, cisterciense. Sitúase en Carracedo do Mosteiro, no concello de Carracedelo, na comarca do Bierzo, na provincia de León, a carón do Camiño de Santiago.

Mosteiro de Santa María de Carracedo
PaísEspaña
Coordenadas42°34′15″N 6°43′53″O / 42.57083333, -6.73138889
DioceseDiocese de Astorga
Orde relixiosaOrde de San Bieito e Orde do Císter
EstiloArquitectura gótica e Arquitetura românica em Espanha
editar datos en Wikidata ]
Mosteiro de Santa María de Carracedo.

Leváronse a cabo diversas reformas arquitectónicas ao longo da súa historia, sendo en tempos modernos vítima do abandono. Actualmente está semiarruinado, aínda que rehabilitado para a súa visita. Nela combínanse diversos estilos, destacando os elementos románicos, cistercienses e protogóticos, correspondentes aos séculos XII e XIII. O conxunto comprende as dependencias monásticas propiamente ditas e o Palacio Real.

Historia

editar

O cenobio foi fundado cara ao ano 990 por Vermudo II, rei de León e de Galicia, co obxectivo principal de brindar refuxio a monxes fuxidos das incursións e conquistas do caudillo musulmán Almanzor en terras leonesas e castelás. O monarca doou uns terreos da súa vila de Carracedo, ao paso do río Cúa, aos beneditinos para que edificasen alí un mosteiro baixo a advocación de San Salvador.

 
Panorámica do Mosteiro.

En 997 o propio mosteiro de San Salvador, como outros lugares do Bierzo, foi practicamente destruído por Almanzor no curso da gran incursión que tiña por obxectivo devastar Santiago de Compostela. Ao quedar arruinado, o mosteiro non puido acoller os restos de Bermudo II trala súa morte en 999, tal como deixara disposto no seu testamento. Malia todo o lugar recibiu a consideración de panteón real, de feito o primeiro de España.

O primitivo cenobio sumiuse na penumbra durante máis dun século, a cabalo entre o abandono e unha precaria actividade monástica. Este período, do que apenas existe documentación, prolongouse até ben entrado o século XII. En 1138 a Infanta Dona Sancha, irmá de Afonso VII o Emperador, dispuxo a restauración de San Salvador, facendo vir para tal fin aos monxes do veciño mosteiro de Santa María de Valverde, preto de Corullón, encabezados polo abade Florencio. Ao vivir nel durante longas tempadas, Dona Sancha converteu o mosteiro en Palacio Real.

 
Pratos da vaixela do Mosteiro.

O mosteiro de San Salvador foi prosperando mercede a sucesivos privilexios e doazóns de concesión rexia até converterse nunha abadía con autoridade xurisdiccional sobre unha decena de mosteiros beneditinos en terras de León, Galicia, Asturias e Zamora, e con control económico sobre decenas de granxas, viñedos, muíños e outros centros de produción agropecuaria en todo O Bierzo. En 1203 a comunidade abandonou os hábitos negros beneditinos e tomou os brancos da Orde do Císter, pasando a ser, xunto con todos os mosteiros peninsulares que rexentaba, unha filiación da abadía francesa de Cîteaux, primeira casa nai da orde. Tamén mudou de advocación, pasando a chamarse mosteiro de Santa María de Carracedo.

No século XIV Carracedo entrou nunha crise material e espiritual, á que puxo fin en 1505 a súa adhesión á Congregación Cisterciense de Castela. Esta mudanza supuxo a recuperación do verdadeiro espírito monacal, perdido mentres o mosteiro estivo xestionado por abades comendatarios e sometido ao arbitrio de nobres laicos en réxime de encomenda.

A principios do século XIX comezaron unhas obras de ampliación que quedaron detidas co estoupido da Guerra da Independencia Española en 1808. Desamortizado en 1835, entrou nunha etapa de abandono, pillaxe e ruína. Malia que en 1929 foi declarado Monumento Histórico-Artístico Nacional, esa etapa non se detivo até 1988, cando a Deputación Provincial de León, propietaria do mosteiro xunto co bispado de Astorga, emprendeu a restauración e consolidación das partes do edificio que se mantiñan en pé, labor rematada en 1991.

 
Fachada occidental da igrexa.

Descrición

editar

Igrexa

editar

O primitivo templo románico-protogótico, de tres naves e tripla cabeceira absidal, foi demolido case por completo a finais do século XVIII para permitir a edificación, a partir de 1796, dunha nova igrexa de estilo neoclásico e dunha soa nave. Da primeira fábrica consérvanse elementos da nave meridional, o tramo dos pés coa fachada occidental, que presenta un óculo tardorrománico, e, acaroados ao costado norte, os restos recubicados da antiga portada do transepto medieval, con dúas estatuas-columnas tardorrománicas (presuntamente coas imaxes de Afonso VII e o abade Florencio) que sosteñen un tímpano semicircular co pantocrátor inserto na mandorla mística e rodeado dos símbolos do tetramorfo. Ao seu carón está a capela funeraria de García Rodríguez de Valcárcel, gótica dos séculos XIII e XIV, que contén os fornelos que gardaron os seus sartegos.

 
Ruína do Claustro Reglar.

Claustros e dependencias anexas

editar

Ao sur do templo sitúase o Claustro Reglar, reconstruído no século XVI con bóvedas de terceletes en ladrillo, en torno ao cal se distribúen as distintas dependencias monacais: a sancristía (tamén do XVI), a sala capitular, o locutorio e a pasaxe cara a horta (estes dous con bóveda do século XIII). A sala capitular presenta cuberta abovedada tardogótica do século XVI, aínda que a súa portada de ingreso é románica. É un espazo cuadrangular dividido por catro columnas, con capiteis decorados con temas vexetais e animais. Nas paredes hai fornelos con sepulcros abaciais. A súa semellanza coa sala capitular do mosteiro de Sobrado dos Monxes deixa entrever que a cuberta orixinal foi realizada en torno aos anos trinta do século XIII.

O claustro da Hospedaría e o chamado Terceiro Patio foron edificados entre os séculos XVII e XVIII, en épocas barroca e neoclásica. O conxunto claustral foi particularmente maltratado polo tempo, non chegando até a actualidade máis que unhas escasas ruínas. Do Terceiro Patio só quedan en pé os muros da á de novizos e un cubo-contraforte, construído en 1634, así como alicerces da antiga sala de monxes, moi reformada no século XVIII. O claustro Reglar está tamén en gran parte derruído, conservándose só os restos de dúas cruxías, coas molduras dos arcos de medio punto sobre as paredes interiores, máis o perímetro do antepeito de descarga interior. Completamente arruinado está o claustro da Portería, que tivo dous pisos de arquerías.

 
Refectorio.

Refectorio

editar

O refectorio sitúase tamén no lado de mediodía. De finais do século XII, trátase dunha das partes do primitivo cenobio medieval que chegou sen drásticas alteracións aos nosos días. Posterior, do século XVI, é a cuberta de crucería tardogótica con terceletes, realizada no século XVI cando no piso superior se construíu unha biblioteca abacial. Este espazo cumpre hoxe funcións de exposición museográfica, a modo de sala de interpretación do mosteiro, e de punto de arranque do sentido da visita polas distintas partes do mesmo, que inclúen, ademais das citadas dependencias claustrais, a capela da Portería (século XVI), os restos da escaleira principal de época moderna, a bodega, a cociña (século XVII), a despensa, as estancias do monxe cilleiro e a biblioteca do século XVIII, que conserva parte do entaboado orixinal e onde se instalou un lote de libros recuperado recentemente. Componse de obras impresas dos séculos XVI, XVII e XVIII con títulos de filosofía, dicionarios, traducións de obras clásicas, historias da Orde do Cister, tratados de xeometría e obras literarias. Tamén se amosa unha colección fotográfica de Juan Crisóstomo Torbado que recolle o estado do mosteiro en 1926.

Palacio Real e Miradoiro da Raíña

editar

Sobre a Sala Capitular e o locutorio hai un conxunto de estancias do século XIII coñecido como o Palacio Real, porque ao parecer foi residencia da Infanta Dona Sancha.

 
Interior da Cociña da Raíña.

A dependencia exterior, chamada Miradoiro da Raíña, é unha terraza cuberta que constitúe un dos puntos máis atractivos e a imaxe máis coñecida do cenobio pola súa artística galería de tres arcos, apuntado e máis estreito o central, e de medio punto os dos lados, que sosteñen dúas delicadas columnas de fuste liso con capiteis vexetais, e que decoran sendas roscas molduradas. A esta terraza accédese na actualidade desde o exterior por unha escaleira funcional.

A terraza-miradoiro dá ingreso á Cociña da Raíña, unha sala cuadrangular iluminada por ventás e óculos de fina trazaría, con catro columnas sobre altos plintos e arcos apuntados que soportaron unha armadura de madeira con bóveda central oitavada e decorada con escudos e dragóns. Complétase cunha grande cheminea e unha saída á horta por medio dunha elegante arquería. O regusto nobiliar desta sala, cunha factura que parece máis propia do século XIV, a constancia de dúas fases construtivas diferentes e a presenza da cheminea, afástana da súa función como dormitorio de monxes que puidera ter orixinalmente, aproximándoa a un uso como sala de audiencia do abade ou mesmo como estancia nobre. No século XVIII estivo destinada a paneira[1].

Desde a Cociña da Raíña accédese, por unha porta con tímpano que representa á Virxe morta rodeada dos apóstolos, enmarcado por unha arquivolta con cinco anxos músicos, a outra estancia que foi tardiamente arquivo, pero que orixinalmente puido ser o oratorio do abade. O habitáculo é iluminado por un gran óculo e presenta bóveda nervada rematada nunha clave cunha figura en mandorla, que parece ser a Virxe rodeada do Tetramorfo.[1]

Galería de imaxes

editar
  1. 1,0 1,1 Artigo Arquivado 09 de abril de 2010 en Wayback Machine. Balboa de Paz, J. A.: Monasterio de Santa María de Carracedo. Deputación de León. Instituto Leonés de Cultura.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar