Reloxo de peto
Denomínase reloxo de peto o reloxo que polo seu pequeno tamaño se pode levar nun peto e, polo xeral, posúe unha cadea pendurante metálica (de ouro, prata, níquel etc.) para suxeitalo chamada leontina. Outro dos elementos importantes é o bisel, que é o aro de metal onde vai inserido o cristal que protexe a esfera. Os reloxos de peto están en desuso dende o século XX, pois foron substituídos polo reloxo de pulseira; con todo, utilizalo é visto por algunhas persoas como signo de elegancia, etiqueta e posesión de riquezas. Inventáronse en Francia a mediados do século XV.
Historia
editarA construción do reloxo portátil ou de peto débese á inclusión do resorte en espiral no mecanismo dos reloxos. Foron inventados en Francia a mediados do século XV. Ao principio tiñan unha forma cilíndrica, pero en Núremberg construíronse con profusión e en forma ovoidea, polo que se lles chamaba ovos de Núremberg. Estes reloxos pronto foron coñecidos por toda Europa e a súa invención atribúese a Peter Henlein, nativo desa cidade alemá.
Tempo despois da súa aparición, construíronse exemplares de estrañas formas, con complicados movementos relativos á astronomía e ao calendario. Na metade do século XVI aparecen preciosos reloxos de peto coas caixas finamente talladas ou pintadas con esmalte, con formas de cruz, de caveira,[1] de can, león, coello ou pomba, e tamén se construíron reloxos astronómicos de peto.[2] En precisión eran aínda deficientes, aínda que houbo melloras.
Os reloxos de peto eran considerados mecanismos raros e custosos que soamente a clase alta da sociedade podía adquirir. Os primeiros reloxeiros foron ferreiros, cerralleiros ou fundidores de canóns, artesáns expertos na elaboración de metais. Pero, ao ser obxectos de luxo, constituían e motivaban o frenesí pola decoración suntuosa propia do Renacemento e do Barroco, polo que foi necesario que os reloxeiros posuísen a arte da ourivaría, pois a miúdo utilizábanse materiais preciosos. Foi entón cando en Francia, Alemaña, Italia e en moitos outros lugares, xurdiu unha clara distinción entre os construtores de grandes reloxos públicos e os construtores de pequenos reloxos de parede e de peto.[3]
Para os séculos XVI e XVII, os reloxos privados deixaron de ser unha rareza, mais só no século XVIII desembocouse a produción en masa e con iso unha diminución importante no prezo. No seu libro The Wealth of Nations, Adam Smith declarou que: un reloxo de peto dos mellores, que a mediados do século pasado (XVII) podía adquirirse por vinte esterlinas, podía adquirirse arestora posibelmente por vinte xilins.[4] Para 1784 xa había en Dubrovno (en Belarús) unha fábrica de produción de reloxos de parede e de peto, que foi trasladada a Kupavno, preto de Moscova en 1792.
Cando os centros reloxeiros de Núremberg e Augsburgo entraron en crise, Londres e Xenebra ocuparon o seu lugar, e é cara a 1580 cando aparece documentación de reloxos de peto ingleses. Os primeiros reloxos ingleses foron reproducións exactas e carentes de orixinalidade dos reloxos de peto franceses e alemáns. En 1680 os reloxeiros Daniel Quare e Edward Barlow construíron dispositivos para reloxos de parede e de peto que daban as horas sempre que se premese un pulsador ou se tirase dun cordonciño.[5]
Funcionamento
editarO escape de varela duplícase aos reloxos de peto. O fuso ou conoide é o dispositivo inventado para garantir uniformidade á acción do resorte, cuxa enerxía diminúe a medida que se vai descargando. O conoide ten forma de tronco de cono cun acanalado en espiral polo que pasa un cordonciño. Este cordonciño vai atado ao tambor do resorte principal. Cando o resorte está enrolado ao máximo, actúa mediante o cordonciño sobre o conoide na parte onde o diámetro é menor; cando o resorte está case descargado por completo, actúa sobre a sección do conoide onde está o diámetro maior da pirámide. Deste xeito, a forza impresa ás engrenaxes resulta uniforme.[6]
Tecnoloxía cultural
editarO reloxo de peto apareceu na época dunha revolución científica. Naceu dunha concepción mecanicista do universo e da vida. Impulsou o levar unha vida máis ordenada ao medir con maior precisión actividades que denantes non se medían ou se facía cunha aproximación vaga.
Dende os seus inicios, o reloxo de peto foi símbolo de emulación e prestixio. En 1481, o rei Lois XI de Francia pagou 16 liras e dez soldos (de moeda tornesa) ao reloxeiro Jehan de París, por un reloxo portátil provisto de cuadrante que soa as horas. Mesmo mandou que aparecese pintado nun dos seus retratos oficiais.[7]
O reloxo de peto constituíu ademais unha excepción debido ás súas relacións coa astronomía. Cos grandes descubrimentos astronómicos dos séculos XVI e XVII e a grande expansión da navegación, advertiuse da necesidade de dispoñer de reloxos de precisión portátís e pequenos que determinasen a lonxitude e a posición exacta dos astros.
O físico inglés Derek John de Solla Price afirmou que deberíase separar o reloxo da historia da medición do tempo, e relacionalo máis ben coa máis longa e antiga historia dos modelos astronómicos, coma o astrolabio e o equatorium.
No cinema e a televisión, bambeando un reloxo de peto perante a faciana dun personaxe comunmente espérase inducir a hipnose. Estes reloxos tamén se poden empregar para atopar o norte xeográfico.[8]
Notas e referencias
editar- ↑ Britten. Old Clocks. pp. p. 55 fig. 36 e 37.
- ↑ Jaquet e Chapuis. Montre Suisse. pp. figuras 12–17.
- ↑ Bertolotti. Arti minori della corte di Mantova. p. 504.
- ↑ Smith, Adam. Wealth of Nations. p. 243.
- ↑ Britten. Old Clocks. p. 280.
- ↑ M. Cipolla, Carlos (2011). Las máquinas del tiempo. Crítica.
- ↑ Gélis. Horlogerie. pp. 4–6.
- ↑ Yakov Perelman, Arthur Shkarovsky-Raffe (1 de abril de 2000). Astronomy for Entertainment. The Minerva Group, Inc. pp. 28–. ISBN 978-0-89875-056-0. Consultado o 10 de abril de 2021.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Reloxo de peto |