Abrir o menú principal

Ameixeira

especie de planta
(Redirixido desde "Prunus domestica")
Varios cultivares de ameixas - Imperial Gage (1), Damson (2), Lombard (3), Maynard (4) e Yellow Egg (5)

A ameixeira ou ciroleira[1] (Prunus domestica) é unha árbore froiteira da familia das rosáceas, cultivada polos seus froitos, as ameixas. É unha das froiteiras máis cultivadas nos pomares [2] de Galiza dende a antigüidade.

Agroma en primavera (marzo-abril). As flores son brancas ou rosadas e ovais e o froito é unha drupa. A vida dunha ameixeira varía entre 30 e 50 anos.

DescriciónEditar

É unha arboriña de altura media, entre 3 e 8 metros até 7(10) m, de folla caediza e inerme con franzas glabrescentes, polo xeral avermelladas e brillantes. As follas, de 4-8(10) por 1,7-3,5(4) cm, son obovadas, elípticas ou ovado-lanceoladas, acuminadas, crenadas ou aserradas, de face glabra, e envés máis ou menos pubescente nos nervios; o pecíolo de 1-2,5 cm, é glabrescente; as estípulas, caedizas, son linear-lanceoladas con dentes glandulíferos. As flores son solitarias ou xeminadas, raramente en fascículos de 3-5 con pedicelos de 8–15 mm, glabros ou pubescentes. O receptáculo ten 4–5 mm e é acopado, glabro ou pubescente. O cáliz ten sépalos de 4–5 mm, reflexos, ovado-oblongos, denticulados, obtusos, glabros ou pubescentes, e os pétalos da corola miden de 8-13(15) mm e son obovados, emarxinados, brancos ou branco-averdados. O ovario é glabro e o froito (a ameixa) é unha drupa monocarpelar de (3)4-5(6) cm, elipsoidal ou algo globosa, glabra, de cor negra azulada, púrpura escura, avermellada, amarela, averdada etc., con pruína; o mesocarpo é comestíbel e de sabor doce; o endocarpo, esclerificado, é ovoide ou elipsoidal, lixeiramente engurrado ou punteado, aquillado e adherido ao mesocarpo.[3]

CultivoEditar

É unha especie froiteira cultivada dende a antigüidade. Hai dous grandes grupos de variedades cultivadas de ameixeiras. As denominadas europeas (Prunus domestica) e as asiáticas (Prunus salicina). Na actualidade son as variedades asiáticas as que máis se cultivan, un dos motivos é a menor necesidade de frío invernal destas variedades polo que se pode cultivar en zonas menos frías e son máis precoces.

Algunhas das variedades europeas son : Claudia, Agen, Fellemberg, Stanley, President etc. Entre as xaponesas : Red Beaut, Santa Rosa, Angeleno, Laroda etc.

Propiedades e usosEditar

A polpa é laxante. O óleo da súa semente utilízase coma alimento. Coas ameixas faise un licor semellante ao kirsch moi popular en Hungría. A ameixa é un dos froitos máis apreciados no verán, con eles pódese elaborar confeituras e marmeladas; tamén se poden secar para facer ameixas pasas, moi consumidas nos meses de inverno.

Denominacións galegasEditar

A árbore denomínase normalmente ameixeira ou ciroleira, dependendo da zona. Existen algunhas variedades tradicionais:

  • Fatoeiro, dá os fatóns, normalmente ameixas alongadas e amarelas[4].
  • Claudieira, dá as claudias ou ambruíñas, unha variedade de ameixas doces e verdes[5].
  • Mirabeleiro, dá os mirabeis, ameixiñas moi doces.
  • Abruñeiro, dá os abruños, ameixas bravas. É en realidade outra especie: Prunus spinosa.
  • Cerolleiro, dá o cerollo, un tipo de abruño de sabor doce[6].

TaxonomíaEditar

Prunus domestica foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 1: 475, no ano 1753.[7]

Sinonimia

NotasEditar

  1. Nomes vulgares galegos en Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, 2004. Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1991. Dicionario da Real Academia Galega. A Coruña, RAG, 2012
  2. Pomar é un terreo ou horta plantada de árbores froiteiras, aínda que usualmente se aplique ás maceiras.
  3. Prunus domestica en Flora Ibérica, RJB/CSIS, Madrid
  4. Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991.
    Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para fatoeiro.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para claudia.
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cerollo.
  7. Ameixeira en Trópicos
  8. Sinónimos en Catalogue of life
  9. Proyecto Anthos, RJB
  10. Ameixeira en PlantList/

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • CONABIO. 2009. Catálogo taxonómico de especies de México. 1. In Ca. nat. México. CONABIO, Mexico City.
  • Flora of China Editorial Committee. 2003. Fl. China 9: 1–496. Science Press & Missouri Botanical Garden Press, Beijing & St. Louis.
  • Linares, J. L. 2003 [2005]. Listado comentado de los árboles nativos y cultivados en la república de El Salvador. Ceiba 44(2): 105–268.

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar