Partido Socialista Popular (Cuba)

antigo partido político cubano
(Redirección desde «Primeiro Partido Comunista»)

O Partido Socialista Popular (PSP) foi un partido político cubano. Foi fundado o 16 de agosto de 1925 como Primer Partido Comunista de Cuba por Carlos Baliño, José Miguel Pérez, Alfonso Bernal del Riesgo, Julio Antonio Mella e José Rego López entre outros. Foi o predecesor do actual Partido Comunista de Cuba.

Partido Socialista Popular
Partido político de Cuba
Dirixentes e organización
LíderBlas Roca
Historia
Fundación16 de agosto de 1925
Disolución1962
Sucedido porPartido Comunista de Cuba
Posicións políticas
IdeoloxíaSocialismo
Marxismo-leninismo
Comunismo
Outros datos
SedeHabana
Cuba

Historia editar

Foi creado por un grupo de revolucionarios o 16 de agosto de 1925 nunha casa da rúa Calzada, no habaneiro barrio de El Vedado.[1] Carlos Baliño, anteriormente fundador xunto a José Martí do Partido Revo­lucionario Cubano, recibiu as credenciais dos delegados. Entre os asistentes estaban o dirixente estudantil Julio Antonio Mella, o sindicalista cigarreiro Alejandro Barreiro, o profesor canario José Miguel Pérez, o dirixente sindical José Peña Vilaboa e o sindicalista galego José Rego López.[2][3]

Aínda que comunistas, a maioría dos seus fundadores carecían dunha gran formación marxista, polo que un dos puntos principais do congreso de fundación do partido, foi a creación dunha comisión educativa para os seus membros, formada por Mella, José Miguel Pérez e Alfonso Bernal del Riesgo. Tamén adoptaron un programa de reivindicacións para os obreiros, campesiños, polos dereitos da muller e contra o traballo infantil.[1]

O Primeiro Partido Comunista de Cuba permaneceu na clandestinidade ata finais dos anos trinta. Pouco despois da fundación, José Miguel Pérez, primeiro secretario xeral, foi detido e expulsado do país. Xunto con el, foron detidos varios membros do partido.

En 1939, o partido foi legalizado, tomou o nome de Unión Revolucionaria Comunista e comezou a estenderse entre os membros da Confederación Nacional Obreira de Cuba (CNOC). O día 22 de xaneiro de 1944 tomou o nome definitivo de Partido Socialista Popular (PSP). En gran parte da súa historia, o seu secretario xeral foi Blas Roca (de 1934 a 1962).

O PSP apoiou a candidatura presidencial do pro-americano Fulgencio Batista para o período 1940-1944, e dous dos seus líderes, Juan Marinello Vidaurreta e Carlos Rafael Rodríguez, foron sucesivamente ministros sen carteira do gabinete.[4] Nas eleccións de 1944 presentaron a candidatura de Carlos Saladrigas Zayas, un dos seus líderes, que obtivo 150.000 votos.

En 1953 o PSP foi ilegalizado pola ditadura de Fulgencio Batista, aínda que a súa prensa seguiu circulando libremente, agás o órgano do partido Hoy. Ese mesmo ano, o PSP condenou como "actividades aventureiras da oposición burguesa"[5] o ataque ao cuartel Moncada levado a cabo por Fidel Castro e os seus seguidores.

Como parte da oposición á ditadura de Batista en 1957, mostrou unha actitude ambigua cara ao Movemento do 26 de xullo, xa que en varias reunións anteriores clandestinas entre o liderado do PSP e a dirección do movemento, destacáronse as diferenzas de criterio de opinión de se se debía chegar ao poder (para levar a cabo os programas sociais que ambas organizacións pretendían), a través de eleccións ou da loita armada, na que o PSP non consideraba posible a vitoria. Non foi ata finais de 1957 cando Fidel Castro se entrevistou de madrugada na Comandancia Xeral en Sierra Maestra con Ursinio Rojas, un dos líderes do PSP e membro do seu gabinete político, e acordaron mutuamente plans conxuntos para levar adiante a loita. O PSP introduciu as modificacións necesarias para combinar as formas de loita, autorizando aos seus membros a unirse ás filas do exército rebelde.

Así, ao regresar á Sierra Maestra, seguindo as directrices do Xefe da Revolución, o comandante Fidel Castro, Ursinio, a finais de 1957 e principios de 1958, deu os primeiros pasos cara á creación da Fronte Obreira Nacional do Movemento do 26 de xullo. Moitos membros do PSP integráronse nas filas do exército rebelde en Sierra Maestra, e na loita revolucionaria e o apoio loxístico e clandestino dende as cidades. Creouse tamén unha fronte guerrilleiras composta por militantes do PSP, nas montañas do Escambray (en Las Villas, actual Villa Clara).

Triunfo da Revolución Cubana editar

Co triunfo da revolución cubana en xaneiro de 1959, o PSP integrouse nas Organizacións Revolucionarias Integradas (ORI) en 1961, e en 1962 fusionouse co Movemento 26 de xullo e o Directorio Revolucionario 13 de Marzo para formar o posteriormente nomeado Partido Unido da Revolución Socialista de Cuba (PURS), declarado como partido único, tras pasar por momentos difíciles dentro das filas da PSP, cando algúns dos seus membros asumen actitudes "sectarias" cara á nova estratexia e dirección do partido. Así, o 26 de marzo de 1962 levouse a cabo o chamado primeiro proceso Escalante, un proceso xudicial no que se acusou a Aníbal Escalante (secretario de organización de ORI) de "sectarismo". O proceso culminou coa disolución da ORI, desacreditando severamente a algúns dos veteranos militantes comunistas do PSP.

Cando o novo Partido Comunista de Cuba (PCC) xurdiu o 3 de outubro de 1965, moitos dos militantes do antigo Partido Socialista Popular (PSP) formaron o novo Comité Central (de 114 membros), o Buró Político e o Secretariado, ocupando importantes posicións dentro da dirección política, administrativa, sindical e masivo do pobo cubano, moitos deles converténdose en figuras clave da nova dirección do país e do novo PCC, como Blas Roca Calderío, Carlos Rafael Rodríguez, Lázaro Peña, Juan Marinello Vidaurreta, Zoilo Marinello, Flavio Bravo, Ursinio Rojas, Juan Taquechel, Severo Aguirre, Agapito Figueroa e moitos outros.

Dende moi novo, Raúl Castro estivo activo na Xuventude Socialista do Partido Socialista Popular (PSP), moito antes do ataque ao cuartel Moncada e á loita guerrilleira na Sierra Maestra. As estratexias da dirección do Movemento do 26 de xullo e a dirección do PSP mantiveron a discreción durante moito tempo, polo que non foron de coñecemento absoluto de todos os seus membros ou militantes.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "El primer Partido Comunista de Cuba" (en castelán). 16 de agosto de 2015. Consultado o 16 de xullo de 2019. 
  2. "José Rego López, fundador del Partido Comunista Cubano" (en castelán). 8 de outubro de 2011. Consultado o 16 de xullo de 2019. 
  3. "Cuba: ¿Qué pasó con Sandalio Junco?" (en castelán). 10 de xuño de 2018. Consultado o 16 de xullo de 2019. 
  4. "Hoy", órgano oficial del PSP, 13 de julio de 1940
  5. Declaraciones del PSP publicadas en "The Daily Worker", órgano del Partido Comunista de los Estados Unidos, el 10 de agosto de 1953