Portal:Xabarín Club/Grupo destacado/3

Yellow Pixoliñas foi un grupo de rock de Monforte de Lemos, na provincia de Lugo. Foi un dos expoñentes da escena musical da cidade, tradicionalmente dinámica no aspecto musical.

A banda formouse en 1987 por Tico, Ton, Perico, Xabier e Juan. Pouco despois Juan abandona o grupo por discrepancias co resto. Pasado un tempo fichan outra persoa que toque a guitarra, pola necesidade dun solista, e o elixido é Manolo. Manolo dura pouco tempo por problemas de saúde e substitúeo Franki (1990). Un ano máis tarde Thierry entra a tocar o teclado dándolle así máis liberdade a Tico (vocalista e teclista), pechando a formación definitiva de Yellow Pixoliñas.

Con influencias do punk inglés e do ska entre outros estilos, elaboraban as súas letras en galego, facendo uso tamén do castelán e do inglés; enmarcados no posteriormente bautizado como rock bravú para definir a unha serie de grupos, como Os Resentidos de Antón Reixa, Los Berrones, Os Diplomáticos de Monte-Alto ou Heredeiros da Crus; maioritariamente de orixe galega e asturiana, tiñan como característica común o uso de letras combativas e un sentido do humor orientado ao rural; posteriormente o grupo decidiu desmarcarse desa corrente, debido á súa, segundo eles, marcada politización.

A súa colaboración no Xabarín Club abriulles un público máis amplo. O grupo disolveuse a finais dos anos 90, tras rexeitar a oferta de fichar por unha multinacional.