O jazz é un estilo musical nado en Nova Orleáns (Louisiana, Estados Unidos) a principios da década de 1900, que mestura unha rítmica propia dos afroamericanos cunha instrumentación e unha tímbrica xenuínas das bandas da rúa (trompeta, corneta, clarinete, trombón, tuba, contrabaixo, bombo e pratos).

Cando estes conxuntos estabilizáronse, substituíron a tuba polo contrabaixo, o bombo e os pratos pola batería e engadiuse o piano. Esta era a formación da Original Dixieland Jass Band, un grupo branco que empregou a palabra jazz por primeira vez, en 1917. Tanto polo repertorio como pola instrumentación, harmonía, e sobre todo pola improvisación (base característica do jazz) foise evolucionando ata chegar nas décadas de 1980 e 1990 a unha fusión de estilos moi diversos.

Co estilo chamado "Chicago" - ou hot jazz - enriquecéronse as improvisacións e incorporáronse novos instrumentos como o saxofón (principalmente tenor e alto), a guitarra e o violín. Así mesmo, as persoas cantantes, tan importantes xa dende os inicios do blues, adoptaron a linguaxe nova e a partir da década de 1930 incorporáronse ao jazz. Outro elemento distintivo deste xénero son as jam sessions, encontros de músicos ao final dos concertos nos que todas as persoas improvisan a partir dunha melodía.

Logo da segunda guerra mundial iniciouse o estalido do bebop, que revolucionou os xeitos de improvisar, achegándose case ás vangardas, e tamén o tipo de sonoridades. O bop é a base do que se coñece habitualmente como jazz moderno, en oposición ao mainstream, máis clásico, que seguiuse a interpretar sen interrupción. Entre os derivados do bop encóntranse o cool, o estilo west coast, o hard bop, o third stream e, finalmente, o free-jazz, no que non se segue ningún patrón harmónico nin melódico, e só importa a tímbrica, a experimentación cos instrumentos e a descontinuidade rítmica.