Portal:Dinamarca/Biografía destacada/1

Margarida Valdemarsdotter, nada en Søborg (actual Dinamarca) en 1353 e finada en Flensburgo (Holstein) en 1412, foi raíña de Dinamarca e Noruega (entre 1387 e 1412), e de Suecia (de 1389 a 1412). Fundadora do pacto de unión conocido como a Unión de Kalmar, foi a primeira monarca que gobernou os tres reinos nórdicos (incluíndo Groenlandia, Islandia, as Illas Feroe e as Orcadas, entón pertencentes a Noruega, e Finlandia, que formaba parte de Suecia). É unha das figuras máis destacadas de toda a historia dos países nórdicos.

Margarida era a filla menor dos reis de Dinamarca, Valdemar IV e Helvig. En xaneiro de 1359 comprometeuse en matrimonio co rei de Noruega Haakon VI Magnusson, quen tamén gobernaba como correi de Suecia, xunto ao seu pai Magnus II Eriksson. En 1363 casou co rei Haakon VI Magnusson de Noruega e Suecia, dando a luz a Olav (1370-1387), rei de Dinamarca de 1376 a 1387 e rei de Noruega de 1380 a 1387.

Margarida foi coñecida como unha líder sabia, enérxica e capaz, recibindo o alcume de "Semiramis do Norte".