Portal:Celtas/Lugar de interese/5

A diocese de Britonia (tamén chamada de Bretoña) foi unha antiga división episcopal da Gallaecia, e na actualidade é unha sé titular da Igrexa católica. A diocese de Britonia debeu ser fundada por bretóns insulares, os primitivos bretóns ou britanos, como habitantes da illa de Bretaña, a actual Gran Bretaña. Compelidos polas invasións anglosaxoas, grupos xermanos que desembarcan na Gran Bretaña, comunidades bretoas abandonan a illa entre o século IV e VII, dirixíndose basicamente ás costas galas, onde se asentan na península de Armórica, que acabará por tomar o nome actual de Bretaña, a consecuencia deste poboamento.

É indubidábel que se dirixiran tamén para outras partes. Certos grupos deberon chegar até as costas setentrionais galegas, onde se organizaron en comunidades, e onde introduciron a a súa peculiar organización relixioso-cristiá algo diferente. Os toponimistas non dubidan en identificar os seus asentamentos cos varios lugares denominados Bretoña na Galiza, á parte do da Pastoriza: Bretoña (Barro), Bertonía, Bertoña etc.

Tamén o nome propio do bispo Mailoc é de ascendencia celta-insular, relacionado con diferentes variantes, Maeloc, Maedoc ou Mailog, co significado de príncipe ou xefe.