Pontoporíidos
A dos pontoporíidos (Pontoporiidae) é unha familia de cetáceos odontocetos da superfamilia dos inoideos que comprende un único xénero, Pontoporia Gray, 1870 (antes, Stenodelphis d'Orbigny & Gervais, 1847),[1] unha única especie, Pontoporia blainvillei,[2] un golfiño de auga doce que habita fundamentalmente no grande estuario do Río da Prata, e tamén nas costas suramericanas do océano Atlántico, sendo a única especie de golfiño que, aínda que de río, pode vivir indistintamente en augas doces e salgadas.
Pontoporíidos Pontoporiidae | |||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Pontoporia blainvillei | |||||||||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||||||||
Vulnerable | |||||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||||||||
Pontoporia blainvillei (Gervais & d'Orbigny, 1844) | |||||||||||||||||||||||||||
Distribución de Pontoporia blainvillei
| |||||||||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||||||||
|
Nas rexións onde vive coñécese vulgarmente, na Arxentina e o Uruguai, como franciscana ou tonina (no Brasil, toninha), e nos textos científicos da rexión, como delfín del Plata, nome que pasou á bibliografía internacional.[3]
Taxonomía
editarPontoporia blainvillei é a única especie do seu xénero. Foi descrita por primeira vez por Paul Gervais e Alcide d'Orbigny en 1844, que a denominaron Delphinus blainvillei, aludindo o nome específico ao zoólogo francés Henri Marie Ducrotay de Blainville, e máis tarde reclasificada no xénero Pontoporia, de aí o nome científico válido actualmente.
Descrición
editarTen o bico máis longo (en proporción ao seu tamaño) de todos os cetáceos, máis do 15 % do tamaño do corpo nos adultos. Os machos alcanzan 1,6 m de lonxitude, e as femias poden ser maiores (até 1,8 m). O corpo é cor castaña agrisada, máis clara no ventre (de aí o nome popular de framciscana). As aletas tamén son moi longas en comparación ao corpo, e son moi anchas. A aleta dorsal ten unha gran base e forma arredondada. O peso medio dos exemplares desta especie rolda os 50 kg.
Distribución e hábitat
editarO golfiño do Prata distribúese pola costa atlántica do sueste de Suramérica, sendo a parte máis importante da súa área de distribución o estuario do Río da Prata. Polo norte chega até o trópico de Capricornio cerca de Ubatuba, Brasil, e polo sur até a península Valdés, Arxentina. É o único membro do grupo dos golfiños de río que vive tamén en auga salgada, como a dos estuarios e mesmoi en matr aberto, ademais de en auga doce, o que indica a gran tolerancia da especie aos cambios de hábitat. Aínda que algúns espécimes vagan constantemente, pasando períodos de tempo en ríos e no mar, outros pasan toda a súa vida nos ríos.
Bioloxía e ecoloxía
editarA súa expectativa de vida é de 20 anos. O período de xestación é de 10 a 11 meses. As femias poden parir a desde os cinco anos de idade. Normalmente solitarios, obsereváronse excepcionalmente grupos de até 15 individuos.
Aliméntanse en augas profundas, e exames dos seus estómagos revelaron que a súa dieta componse de cerca de 24 diferentes especies de peixes, ademais de polbos, luras e camaróns.
Os seus inimigos naturais son as candorcas e varias especies de tiburóns.
Conservación
editarPlatanista balionvillei está clasificada desde 2008 como especie vulnerábel (VU) na Lista vermella da IUCN,[4] debido á perda dun 30 % da súa poboación durante tres xeracións (36 anos).[4] A súa situación produce preocupación, particularmente na comunidade científica debido ao reducido da súa área de distribución e a súa gran predispocición para quedar atrapada accidentalmente nas artes de pesca, onde un gran número de individuos perecen ao quedaren prendidos nas redes. Aínda que o maior número de capturas documentadas produciuse na década de 1970 no Uruguai, as mortes accidentais en décadas recentes aumentaron no sur do Brasil e na Arxentina. Científicos dos tres países manifestaron a súa preocupación polo futuro da especie, para intentar implicar aos gobernos e á comunidade onde se distribúe, en estudos para trazar un plan de conservación deste golfiño.
Notas
editar- ↑ Pontoporia en WoRMS.
- ↑ Pontoporia blainvillei (Gervais & d'Orbigny, 1844) en WoRMS.
- ↑ Nome en idiomas próximos:
- Alemán, La-Plata-Delfin
- Catalán, dofí del Plata
- Francés, dauphin de la Plata
- Inglés, La Plata dolphin
- Portugués, golfinho-do-rio-da-prata
- ↑ 4,0 4,1 Reeves, R. R., Dalebout, M. L., Jefferson, T .A., Karczmarski, L., Laidre, K., O’Corry-Crowe, G., Rojas-Bracho, L., Secchi, E. R., Slooten, E. (asesores) (2008): Pontoporia blainvillei na Lista vermella da UICN.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Pontoporíidos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Pontoporíidos |
Bibliografía
editar- Perrin, William F., Bernd Würsig & J. G. M. Thewissen (eds.) (2002): Encyclopedia of Marine Mammals. 2ª ed. San Diego: Academic Press. ISBN 978-0-12-373553-9
- Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (eds.) (2005): Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. ISBN 0-8018-8221-4.
Ligazóns externas
editar- Convention on Migratory Species page on the La Plata Dolphin (en inglés)
- Pontoporia en ADW. (en inglés)
- Pontotoria blainvillei en ADW. (en inglés)
- Pontotoria blainvillei en Mammal Species of the World. (en inglés)