Pilar Sanjurjo

meteoróloga española (1942-2022)

Pilar Sanjurjo Carro, nada en Sada o 7 de novembro de 1942, e finada o 6 de abril de 2022[1], foi unha científica e meteoróloga galega.

Pilar Sanjurjo
Nome completoMaría del Pilar Sanjurjo Carro
Nacemento7 de novembro de 1942
Lugar de nacementoSada
Falecemento6 de abril de 2022
Lugar de falecementoA Coruña
SoterradaSada
NacionalidadeEspaña
Alma máterFacultad de Ciencias Físicas (Universidad Complutense de Madrid)
Ocupaciónmeteoróloga
Coñecida porPrimeira muller meteoróloga da TVE
OrganizaciónAeroporto de El Prat
Radiotelevisión Española
Axencia Estatal de Meteoroloxía
Na rede
IMDB: nm1399106 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Pilar Sanjurjo, meteoróloga experta en predición marítima, accedeu mediante unha oposición ao Corpo Facultativo de Meteorólogos, hoxe denominado Corpo de Meteorólogos do Estado, e xunto a Dolores Parra, foron as primeiras mulleres que, despois da Guerra Civil, accederon por oposición libre a este corpo. Eran os anos 1970, e o Servizo Meteorolóxico Nacional (SMN) pertencía ao Ministerio do Aire ao que as mulleres tiñan vetado o ingreso. Eran uns anos complicados e Sanjurjo tivo problemas e moita presión polo simple feito de ser muller. Nunha entrevista en Eltiempo.es explicou que:

recordo con desgusto que existiu certa presión, por ser muller, para que non pedise a praza da Escola Naval de Marín como era meu desexo, que foi ocupada por un compañeiro que ía detrás de min na orde de petición.

Porén, gardou un bo recordo do ámbito militar, onde o xefe do aeroporto de Barcelona, o seu primeiro destino, que era de procedencia militar, «tratoume con amabilidade e atención; tamén recordo con agradecemento a algunhas tripulacións de barcos militares, que me animaron a seguir dando o prognóstico marítimo para as nosas aguas en TVE», o seu segundo destino. Tras pasar pola oficina meteorolóxica do aeroporto de El Prat de Barcelona, onde se especializou en predición marítima, Eugenio Martín Rubio contactou con ela para que o substituíse durante as súas vacacións. Nesta ocasión, «ser muller favoeceuna», contaba ela na entrevista. Nese momento comezou a labrar unha carreira de cara ao público, e logrou facerse un oco na meteoroloxía española. Foi a primeira muller en poñerse diante das cámaras para realizar a predición do tempo.[2]

O seu nome loce xunto ao doutras figuras, como Mariano Medina, sendo a primeira muller en poñerse diante das cámaras da televisión par dar o parte do tempo nos telexornais nocturnos da Televisión Española. Chegou á pequena pantalla da man de Eugenio Martín Rubio,[3] O traballo dos meteorólogos era complicado naquelas datas, e as súas predicións non sempre eran certeiras. De feito, Martín Rubio, en pleno anticiclón en España predixo que chovería o 18 de xaneiro de 1967 en todo o país, incluído Madrid. Apostou o bigote e perdeu. Esta falta de acerto foi un filón para os humoristas da época que, como Miguel Gila sacaron moito partido nos seus programas.[2][3]

Sanjurjo quedou en RTVE cando regresou Martín Rubio. El facía a predición no telexornal das tres da tarde, e ela encargábase do da noite, sobre todo nos da segunda cadea. Sanjurjo admiraba a Martín Rubio:

téñolle un enorme respecto por todo o que sabía. Ademais de ser un mestre en meteoroloxía e na divulgación desta ciencia na súa calidade de escritor, era un mestre no modo de como expresaba o tempo en TVE, no fondo e na forma.[2]

Naquela época non había cromas, senón isóbaras debuxada a man e cartolinas pintadas cun rotulador e que se pegaban con imáns para indicar as chuvias, nubes e soles, e con mapas feitos con cartolinas e divididos en partes, como se fosen quebracabezas para facer máis comprensíbel a predición, e que o espectador tivese claro as zonas da Península das que falaba en cada momento. As frontes destacábanse con cores sobre a imaxe do satélite Meteosat. Pero a pesar dos recursos precarios, Sanjurjo contaba co coñecemento e a experiencia suficientes para transmitir a información con rigor, e tamén cun acento galego xenuíno[2] que non perdeu.

O seu bo facer fixo que a súa popularidade fose aumentando nas décadas dos 1970-1980. Tiña boa imaxe, seguridade ante a cámara e capacidade de predición: chegouse a dicir que era a única a que acertaba no seus prognósticos.[2] Pilar Sanjurjo foi tamén unha das primeiras mulleres en participar nunha expedición á Antártida, onde investigou in situ as causas e os efectos do burato na capa de ozono.[2][3][4]

Tras o seu paso por RTVE incorporouse ao Instituto Nacional de Meteorología (INM), reconvertido desde 2008 na Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), no que desempeñou o cargo de xefa de quenda do Centro Nacional de Predición[3] até a súa xubilación a principios dos anos 2000.[5]

O 8 de marzo de 2022, Día da Muller, TVE rendeulle unha homenaxe emitindo unha peza informativa sobfre os inicios de científica e pioneira galega.[2][3] Sanjurjo agradeceu o detalle e así o trasladou a RTVE en Twitter a través da súa sobriña. O 7 de abril, María, sobriña de Silvia Laplana, informou de que no día anterior Pilar Sanjurjo falecera. A noticia caeu como unha lousa entre a comunidade de meteorólogos, na que ela se encontraba moi cómoda porque tivo tamén un gran recoñecemento por parte dos seus compañeiros e ademais podía volver a ser un personaxe anónimo, algo que para Sanjurjo era “unha bendición”.[2]

NotasEditar

  1. "Muere Pilar Sanjurjo, la primera mujer que presentó la información meteorológica en TVE". La Opinión de A Coruña (en castelán). 6 de abril de 2022. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Rodríguez, Paco (7 de abril de 2022). "Muere Pilar Sanjurjo, la primera mujer del tiempo de la televisión en España". La Razón. Consultado o 7 de abril de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Fonseca Franco, Xavier (7 de abril de 2022). "Falece a galega Pilar Sanjurjo, a primeira muller do tempo en España". La Voz de Galicia. Consultado o 7 de abril de 2022. 
  4. "Entrevista del mes: Pilar Sanjurjo, la primera mujer del tiempo". Tiempo.com Meteored (en castelán). 2013-08-07. Consultado o 2022-04-07. 
  5. M., D. (7 de abril de 2022). "Muere Pilar Sanjurjo, la primera mujer del tiempo de la televisión española". El Correo. Consultado o 7 de abril de 2022. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar