Pichia

xénero de fungos

Pichia (antes chamada cos sinónimos obsoletos Hansenula e Hyphopichia) é un xénero de lévedos da familia Saccharomycetaceae de células esféricas, elípticas ou oblongas acuminadas. Os Pichia adoitan ser teleomorfos, e forman ascósporas con forma de sombreiro, hemiesféricas ou redondas durante a reprodución sexual. Os anamorfos dalgunhas especies de Pichia clasificáronse como especies de Candida. A reprodución asexual é por xemación multilateral.

A lactosa non é fermentada nin asimilada por estas especies. O comportamento con respecto a outros carbohidratos depende da especie. Sempre asimilan o nitrato.

Coñécense máis de 100 especies deste xénero. Algunhas delas interfiren cos procesos de fermentación para a produción de alcohol. Na produción de viño, algunhas especies de Pichia poden xerar posibles defectos no viño.[1] A maioría encóntrase en plantas en descomposición; algunhas viven en estreita simbiose con insectos, que viven en plantas en descomposición.

Algúns representantes de Pichia poden encontrarse no leite e queixo crus, como P. anomala (antes chamada Hansenula anomala). P. anomala combate o prexudicial mofo Aspergillus flavus, que contamina os alimentos como noces, millo e outros e produce aflatoxinas. Os investigadores do Servizo de Investigación Agrícola dos Estados Unidos atoparon que cando se trataban as árbores de pistacho con P. anomala, o crecemento de A. flavus quedaba inhibido nun 97%. Ademais de inhibir a A. flavus, o lévedo pode tamén axudar a protexer outros cultivos agrícolas de mofos prexudiciais que afectan ao sabor, textura, rendemento e seguridade das colleitas. [1] En frotis de queixo madurado, a especie máis importante é P. membranifaciens que tamén aparece no queixo en crema. A formación dunha película é típica. Outro membro do xénero, P. pastoris, utilízase amplamente en bioloxía molecular e biotecnoloxía como un sistema de expresión. P. angusta antes chamada Hansenula polymorpha, é un organiso modelo para estudar as funcións dos peroxisomas e a súa bioloxía molecular subxacente.

Algunhas especies de Pichia (por exemplo, P. ohmeri) demostrouse clinicamenre que son patóxenas, ou, mellor, patóxenos oportunistas [2] en persoas inmunocomprometidos.

Notas editar

  1. K. Fugelsang, C. Edwards Wine Microbiology Second Edition pgs 3-28 Springer Science and Business Media , New York (2010) ISBN 0387333495
  2. "Pichia Species". Dr. Fungus (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de xullo de 2014. Consultado o 27 de febreiro de 2014. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar