Persea

xénero botánico

Persea

Flores da Persea americana
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Laurales
Familia: Lauraceae
Tribo: Perseeae
Xénero: Persea
Mill., Gard. Dict. Abr., Ed. 4, 1754, nom. cons.
Especies
  • Véxase no texto.

Persea é un xénero de ao redor de 100 especies aceptadas, das case 400 descritas, de árbores perennifolias da familia das lauráceas (Lauraceae).[1] O membro máis coñecido é o aguacate ou abacateiro (Persea americana), moi cultivado en rexións subtropicais polos seus froitos comestíbeis.

Descrición editar

Son arbustos e árbores medianas duns 15–30 m de altura na madureza. As follas, perennes, son simples, lanceoladas a lanceoladas largas, pubescentes cando novas, con nervios prominentes no envés, variando entre especies entre 5–30 cm de lonxitude, e 2–12 cm de largo, de disposición espiral ou alterna nos talos. As flores, pedunculadas, organízanse en cimas compostas axilares; son bisexuais, con 6 tépalos pubescentes verde amarelados de 3–6 mm de lonxitude, case iguais ou cos 3 exteriores máis pequenos, xeralmente persistentes no froito, 9 estames en 3 ringleiras concéntricas e un ovario globoso con estilo estreito, pubescente e de estigma discoidal. O froito é unha drupa globular, ovalada ou aperada, con pericarpo de cor verde escuro até case negro, máis ou menos tuberculado e cun mesocarpo carnoso e unha única semente sen endospermo, arrodeada por un tegumento papiráceo a miúdo intimamente adherido ao mesocarpo.[2][3] Ten un tamaño moi variábel segundo as especies, desde 1-1,5 cm en P. borbonia e en P. indica, até máis de 10–20 cm en P. americana.

Distribución e hábitat editar

As especies de Persea teñen unha heteroxénea distribución, con preto de 70 especies do Neotrópico, do Brasil a Chile en Suramérica a Centroamérica e México, as Indias Occidentais, o sueste dos Estados Unidos; unha soa especie, P. indica, endémica das Illas de Macaronesia, incluíndo a Madeira e as Illas Canarias; e 80 especies do leste asiático e sueste de Asia.

Ningunha das especies é moi tolerante a fríos severos, agás P. borbonia, P. ichangensis e P. lingue, que sobreviven temperaturas debaixo dos -12 °C; tamén precisan de solos húmidos continuos, e non aturan a seca.

As evidencias fósiles indican que o xénero tivo a súa orixe en África Occidental durante o Paleoceno e estendeuse por Asia, por Suramérica, despois por Europa e finalmente a América do Norte. Considérase que o gradual desecamento de África, Asia Occidental e o Mediterráneo do Oligoceno ao Plistoceno, e a glaciación de Europa durante o Plistoceno, foi o que causou a extinción do xénero nesas rexións, resultando na actual distribución.

Ecoloxía editar

As especies de Persea son o alimento das larvas dalgunhas especies de lepidópteros (bolboretas e avelaíñas), incluíndo Coleophora octagonella (que come exclusivamente de P. carolinensis) e Hypercompe indecisa.

Clasificación editar

O xénero Persea ten tres subxéneros. O subxénero asiático Machilus é tratado en separado do xénero Machilus por moitos autores, incluído en Flora of China, con incompatibilidade de enxerto entre o subxénero Persea e o Eriodaphne que suxire que sería mellor tratalos como distintos xéneros; de feito Kostermans (1993) definiu o xénero Mutisiopersea para este. Outro xénero estreitamente relacionado Beilschmiedia inclúese algunhas veces en Persea.

Subxénero Persea - Centroamérica. dúas especies.
  • Persea americana Mill. - Aguacate, abacateiro.
    • Persea americana Mill. var. drymifolia ( Schltdl. & Cham.) S.F.Blake
    • Persea americana var. floccosa
    • Persea americana var. guatemalensis
    • Persea americana var. nubigena
    • Persea americana var. steyermarkii
  • Persea schiedeana - Coyo
Subxénero Eriodaphne (Mutisiopersea) - Américas, Macaronesia, unhas 70 especies.
  • Persea alpigena Spreng.
  • Persea borbonia Spreng., denominada en Cuba e Porto Rico chamado de redbay en inglés ou de aguacatillo en español[4]
  • Persea caerulea (Ruiz & Pav.) Mez
  • Persea cinerascens Blake
  • Persea donnell-smithii Mez
  • Persea indica
  • Persea lingue
  • Persea longipes
  • Persea palustris
  • Persea skutchii
Subxénero Machilus - Asia, unhas 80 especies
  • Persea edulis
  • Persea ichangensis
  • Persea japonica
  • Persea macrantha
  • Persea nanmu
  • Persea thunbergii
  • Persea yunnanensis

Notas editar

  1. Persea
  2. Persea
  3. Persea
  4. Lexicón de Fauna e Flora.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar