Pericardite
A pericardite é a inflamación do pericardio, a capa máis externa do corazón. As causas máis frecuentes son as infeccións, as doenzas inflamatorias ou o cancro, aínda que en moitas ocasións e causa segue a ser descoñecida após realizar diferentes probas diagnósticas. Este último caso coñécese coma pericardite idiopática. En función da duración dos síntomas, diferénciase entre pericarditis aguda e pericarditis crónica[1].
Nos países occidentais, esta patoloxía afecta a entre 25 e 30 persoas por cada 100.000 habitantes cada ano, aínda que o número de persoas que chegan a ingresar nun hospital por esta condición é significativamente menor, sendo arredor de 3.32 casos por cada 100.000 persoas cada ano[2].
O principal síntoma é a dor torácica, aínda que tamén pode cursar con febre, tose ou astenia.
Habitualmente o tratamento consiste en medicación antiinflamatoria, ben con antiinflamatorios non esteroideos, coma o ibuprofeno ou o naproxeno, e tamén colchicina.
Introdución
editarO pericardio
editarVer: Pericardio
O pericardio é a estrutura anatómica que recobre e protexe o corazón. Consta de dúas capas: o pericardio parietal e o pericardio visceral. O pericardio parietal recibe ese nome por estar en contacto coa parede costal, mentres que o pericardio visceral chámase así por estar en contacto coa víscera, isto é, o corazón.
Entre o pericardio visceral e o pericardio parietal non existe separación: son dúas capas pegadas, que en anatomía denomínanse espazo virtual. Só unha pequena cantidade de líquido, entre 15 e 50 mililitros, separa ambas capas do pericardio, permitindo o deslizamento de ambas. Este líquido coñécese coma líquido pericárdico.
Nos casos de pericardite, esta cantidade de líquido pode aumentar de xeito anómalo, nun proceso que se denomina derramamento pericárdico. O derramamento pericárdico, que pode existir ou non na pericardite, pode chegar a comprimir as cavidades do corazón (aurículas e ventrículos), e poñer en serio risco a vida do paciente.
Historia
editarO termo "pericardite" deriva de tres raíces gregas: o prefixo "peri" (arredor de), "kardia" (corazón) e o sufixo "-ite" (inflamación).
Descoñécese a primeira descrición da doenza con claridade, aínda que sábese que a pericardite estivo asociada na antigüidade aos "herois" ou guerreiros[3]. A primeira resección pericárdica foi realizada por Galeno, aínda que probablemente de xeito accidental, ao trepanar o esterno dun paciente afectado probablemente de mediastinite. Posteriormente, no século XVII, o médico Richard Lower realizou exames de anatomía patolóxica que describiron alteracións do pericardio como causa dun tipo determinado de enfermidades[4].
Causas e factores de risco
editarCausas infecciosas
editarAs infeccións, tanto víricas, coma bacterianas ou fúnxicas, son as causas máis frecuentes de pericardite.
No primeiro mundo establécese a etioloxía vírica en case o 85% dos casos[5]. En países en vías de desenvolvemento, porén, a causa é a tuberculose, moi rara en países desenvolvidos. Os virus que causan pericardite son, sobre todo, virus cocksackie, virus do herpes, virus do VIH, adenovirus, virus da COVID-19 e o virus da parotidite, aínda que existen outros virus que máis raramente producen inflamación do pericardio.
En canto ás pericardites bacterianas, as bacterias que máis adoitan causar esta patoloxía son os pneumococos e a tuberculose.
As pericardites causadas por fungos son extremadamente raras e prodúcense en doentes inmunodeprimidos. Entre os fungos que poden producir pericardite atópanse a Histoplasma capsulatum, o Aspergillus, a Candida ou os Coccidioides.
Outras causas
editarAdemais dos axentes infecciosos, existen multitud de causas que, en menor medida, poden causar pericardite[6].
- Idiopática: tras diferentes probas e análises de rutina, non se atopa unha causa específica.
- Autoinmune: diferentes doenzas autoinmunes poden atacar o pericardio, entre elas o lupus eritematoso sistémico, a febre reumática ou o déficit de IgG4.
- Infarto de miocardio
- Pericardite peri-infarto de miocardio
- Síndrome de Dressler
- Pericardite urémica: os altos niveis sanguíneos de urea, sobre todo en pacientes con enfermedades renais e sometidos a diálise, poden ser unha causa de pericardite.
- Traumatismos
- Cancro
- Farmacolóxica: diversos medicamentos poden ter como efecto adverso a pericardite. Entre os descritos, atópanse a isoniazida (un medicamento empregado para tratar a tuberculose), a warfarina e a heparina (ambos anticoagulantes), a hidralacina ou a ciclosporina.
- Rádica: a pericardite rádica é a que se produce despois de que o corazón estivese en contacto con radiación, especialmente en pacientes sometidos a radioterapia.
- Disección aórtica
- Secundario a vacinas: en casos raros describíronse pacientes afectados após da vacinación, sobre todo das vacinas da varíola e do COVID-19.
- Secundario á cirurxía de revascularización cardíaca (bypass coronario).
Síntomas
editarA dor no tórax é o síntoma principal da pericardite. A localización preesternal ou precordial, e a irradiación ás costas, entre ambos omóplatas, é característica desta condición. É típico que a dor empeore ao deitarse (posición de decúbito supino) ou ao coller aire profundamente, mentres que se alivia ao incinarse cara a adiante ou sentar. A dor torácica na pericardite pode lembrar á dor torácica da anxina ou do infarto de miocardio nas súas características, aínda que nestes dous últimos casos a dor non varía coa posición corporal.
Nos casos de pericardite orixinada pola tuberculose, por un cancro, post-radioterapia ou na pericardite urémica, pode non existir dor torácica, xa que a súa instauración é lenta e progresiva.
Outros síntomas, coma a tose seca, o cansancio extremo, a febre ou o malestar xeral son máis inespecíficos, e dependen máis da orixe da pericardite que da patoloxía en si.
Diagnóstico
editarO diagnóstico da pericardite implica dous ámbitos: a demostración clínica e mediante probas complementarias da presenza de inflamación do pericardio, e o diagnóstico etiolóxico da propia pericardite, isto é, da causa que a produciu.
O dianóstico da pericardite inclúe a combinación dunha seria de síntomas e signos con probas complementarias que o confirmen.
Signos
editarO signo clínico máis específico da pericardite é o frote pericárdico, un ruído cardíaco que pode ser escoitado mediante unha auscultación cardíaca cun fonendoscopio. O frote pericárdico escóitase no 85% dos doentes con pericardite.
Electrocardiograma
editarO electrocardiograma pode axudar ao dianóstico da pericardite. Ao se tratar dunha inflamación subepicárdica, os cambios electrocardiográficos son similares, aínda que non equivalentes, aos producidos por un Infarto agudo de miocardio. Nunha primeira etapa da doenza prodúcese unha elevación do segmento ST. A morfoloxía da elevación é diferente, e no caso da pericardite afecta a case que todas as derivacións (de V2 a V6 e a varias precordiais), mentres que no infarto a elevación do segmento ST afecta só a área con isquemia. Nunha fase tardía prodúcese a inversión da onda T. O complexo QRS non adoita verse afectado. Co paso das semanas, tras a recuperación da enfermidade, o electrocardiograma torna a ser o que o paciente tiña antes da doenza.
Ecocardiografía
editarO ecocardiograma é o método diagnóstico máis eficaz para diagnosticar a pericardite cando esta trae consigo un derramamento pericárdico. A ultrosonografía é capaz de detectar de xeito rápido e inocuo a presenza de líquido entre as paredes do pericardio. Porén, no caso de non existir derramamento pericárdico, a ecografía cardíaca ten pouco valor á hora de diagnosticar a pericardite.
A ecografía pode tamén diagnosticar o taponamento cardíaco, unha complicación da pericardite. Cando o líquido pericárdico é secretado demasiado rápido ou en demasiada cantidade, pode chegar a compromir as cavidades do corazón, impedindo que este traballe con normalidade. Considérase unha complicación grave e urxente, que nalgúns casos cómpre a intervención cirúrxica para evacuar o líquido. Dita intervención pode realizarse mediante técnicas percutáneas (pericardiotomía), ou mediante a apertura do esterno (ventá pericárdica).
Tratamento
editarHabitualmente a causa máis frecuente é benigna, polo que non cómpre realizar tratamento específico. O tratamento adoita consistir en repouso e antiinflamatorios a doses elevadas (ibuprofeno, ácido acetilsalicílico etc) e colchicina, que reduce o risco de recurrencia.
Notas
editar- ↑ J. Larry Jameson, Anthony S. Fauci, Dennis L. Kasper, Stephen L. Hauser, Dan L. Longo, Joseph Loscalzo. (2020). "CAPÍTULO 239: Enfermedades del pericardio.". Harrison. Principios de Medicina Interna. McGraw-Hill. ISBN 978-1-4562-6310-2.
- ↑ Clinical profile and influences on outcomes in patients hospitalized for acute pericarditis. (2014.). "Clinical profile and influences on outcomes in patients hospitalized for acute pericarditis.". Circulation. 130: 1601–6. doi:10.1161/114.010376.
- ↑ Zylberman, Marcelo (1 de outubro de 2010). "La enfermedad pericárdica: de la antigüedad al ultrasonido.". Gac Med Méx 146 (5): 348–353.
- ↑ Crónica de Medicina. Plaza y Janés Editores. 1993. ISBN 9788401616761.
- ↑ Adler Y, Charron P, Imazio M; et al. (2015.). "ESC guidelines for the diagnosis and management of pericardial diseases: the Task Force for the Diagnosis and Management of Pericardial Diseases of the European Society of Cardiology.". Eur Heart J 36: 2921–64.
- ↑ Lazarou, Emilia (2 de maio de 2022). "Acute Pericarditis: Update". Current Cardiology Reports. doi:10.1007/s11886-022-01710-8.