Ventrículo (cardíaco)

Ventrículo, en anatomía animal, refírese a cada unha das cámaras inferiores do corazón. O corazón dos mamíferos, incluíndo os humanos, posúe dous ventrículos, mentres que o corazón doutros vertebrados, como os peixes e os anfibios, ten un só. Os ventrículos reciben sangue das cámaras superiores do mesmo lado do corazón, as aurículas. Cada ventrículo se contrae durante a sístole, que é o período do ciclo cardíaco en que o corazón bombea o sangue cara aos pulmóns e o resto do corpo. O sangue non pode pasar do ventrículo dereito ao esquerdo porque hai unha parede que os separa (tabique interventricular).

Esquema do corazón humano (cortado):
1 Vea cava superior.
2 Arteria pulmonar esquerda.
3 Veas pulmonares (superior e inferior) esquerdas.
4 Válvula mitral.
5 Válvula aórtica.
6 Ventrículo esquerdo.
7 Ventrículo dereito.
8 Aurícula esquerda.
9 Aurícula dereita.
10 Caxato da aorta (con: esquerda, tronco braquiocefálico; centro, arteria carótide común; dereita, arteria subclavia).
11 Válvula pulmonar.
12 Válvula tricúspide.
13 Vea cava inferior.

Anatomía editar

Artigo principal: Corazón.

O corazón no ser humano está dividido en catro cavidades: dúas superiores —a aurícula dereita e a aurícula esquerda— e dúas inferiores, o ventrículo dereito e o ventrículo esquerdo. A aurícula esquerda comunica co ventrículo esquerdo por medio da válvula mitral e a aurícula dereita comunica co ventrículo dereito por medio da válvula tricúspide. Cada ventrículo recibe sangue da aurícula do seu mesmo lado e a impulsa a unha arteria: as arterias pulmonares, no caso do ventrículo dereito, e a aorta, no caso do ventrículo esquerdo.

A parede do ventrículo esquerdo é máis grosa que a do dereito, debido a que este ventrículo ten que impulsar o sangue cara a toda a periferia do corpo, mentres que o ventrículo dereito só o fai cara aos pulmóns, permitindo así o intercambio de gases neles.

Fisioloxía editar

Artigo principal: Ciclo cardíaco.

Os ventrículos son as cámaras do corazón cuxa función é bombear o sangue para a circulación sistémica, a través da válvula aórtica, no caso do ventrículo esquerdo, e para a circulación pulmonar, a través da válvula pulmonar, no caso do ventrículo dereito.

A contracción ventricular chámase sístole ventricular e a contracción auricular ou atrial denomínase sístole atrial ou auricular, mentres que a relaxación para encher de sangue as catro cámaras denomínase diástole, tamén atrial e ventricular.

O sangue chega á aurícula dereita mediante as veas cavas —inferior e superior— encargadas de recoller o sangue do sistema venoso de todo o organismo. Así, o sangue entra na aurícula dereita polas veas cavas, e pasa a través da válvula tricúspide até o ventrículo dereito. De aí o sangue é impulsado cara aos pulmóns, atravesando a válvula pulmonar. Despois de pasar polos pulmóns, o sangue entra de novo no corazón por medio das veas pulmonares, cara á aurícula esquerda, desde onde se dirixe ao ventrículo esquerdo, atravesando a válvula mitral. Finalmente, o sangue impúlsase grazas á sístole ventricular cara á arteria aorta (pasando pola válvula aórtica), que se encargará de distribuílo ao resto do organismo.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar