Pancratium maritimum

especie de planta

Pancratium maritimum, a cebola do mar ou cebola das gaivotas, é unha planta bulbosa da familia das amarilidáceas. Atópase nos areais e nas dunas fixas das costas do Atlántico e nas costas do Mediterráneo, a pleno sol e tolera ben períodos prolongados de seca.

Descrición editar

A cebola do mar é unha planta herbácea; as follas ergueitas sobresaen do chan, formando un denso ramallete; teñen entre 5 e 20 mm de ancho e son de cor verde azulada. Teñen un bulbo alongado, branco, con múltiples capas membranosas. Inxerido, resulta de gran toxicidade, debido a que contén heterósidos cardiotónicos. As raíces están situadas a unha profundidade de até 80 cm baixo a superficie.

 
Pancratium maritimum, planta enteira.

As flores son pediceladas, grandes e rechamantes, de cor branca, con gran parecido aos narcisos e moi aromáticas, cun tamaño de até 15 cm de lonxitude. A flor presenta seis tépalos lanceolados abertos na periferia e cun nervio dorsal verdoso que nace na base da umbela. A corola con forma de trompeta, tamén branca, ten doce dentes de forma triangular. O seis estames son de cor branca, cunhas anteras de cor amarela con forma de ril.

O ovario é trilocular e sobresae sobre o cáliz espatoide de dúas brácteas caedizas. O seu froito é unha cápsula grande e ovoidea, coas sementes no seu interior, negras, angulosas, brillantes, con forma subtriangular, de placentación axial e amontoadas en cada un do tres lóculos.

 
Pancratium maritimum, froitos con sementes in situ.
 
Ilustración
 
Flores
 
No seu hábitat

Floración editar

Florece desde finais de xuño, en xullo e agosto, até setembro, cando a maioría das plantas xa pasaron a súa floración.

Hábitat editar

Vive nas dunas costeiras. Require chan ben drenado aínda que sexa pobre, seco, árido, e exposición a pleno sol. A planta ten a particularidade de poderse enterrar máis profundamente para evitar o desecamento, ou ben de alongar os seus talos en caso de quedar moi cuberta de area.

 
Pancratium maritimum, hábitat en Italia.

Ecoloxía editar

A planta é polinizada por unha couza chamada Agrius convolvuli. Estes insectos visitan a flor cando a velocidade do vento é de dous metros por segundo. Cando é maior, as couzas non visitan a planta. Aínda que a especie é polinizada dalgunha maneira durante o tempo ventoso, a polinización non é eficaz. Outro dato específico desta planta é que non é receptiva á súa propia polinización e a planta recoñece o seu propio pole. Esta flor só pode ser fértil con polinización cruzada.

Pragas editar

As follas son devoradas pola eiruga do lepidóptero Brithys crini, asociado exclusivamente a esta planta.

Cultivo editar

Crece ben en terreos areosos, perfectamente drenados e en lugares cálidos e asollados. Para que os bulbos maduren totalmente é imprescindible, logo da floración, un período cálido e seco. Os bulbos plántanse no outono a unha profundidade duns 15 cm. Multiplícase mediante bulbilos, os cales deben separarse do bulbo orixinal no outono.

Propiedades editar

Os bulbos da cebola do mar conteñen un inhibidor da acetilcolinesterase, chamado ungeremine que pode ser adecuado como tratamento do alzhéimer. Ungeremina tamén se illou de Nerine bowdenii, Ungernia spiralis, Zephyranthes flava, Ungernia minor, Crinum augustum, Crinum asiaticum e Hippeastrum solandriflorum.[1]

4'-Hydroxy-5,7-dimethoxy-8-methylflavan é un flavano que tamén se atopa na planta P. maritimum.[2]

Taxonomía editar

Pancratium maritimum foi descrita por Carl Linnaeus e publicado en Species Plantarum, 1: 290, 1753.[3]

Etimoloxía

Pancratium: nome xenérico que provén do grego παν (pan, "todo") e κρατυς (cratys, "potente") en alusión ás súas supostas virtudes medicinais.

maritimum: epíteto latino proveniente do latín "mar", polo seu hábitat costeiro.

Sinonimia
  • Hymenocallis maritima (L.) M.Roem., 1847
  • Pancratium carolinianum L., 1753
  • Scilla parva Garsault, 1764
  • Hymenocallis lacera Salisb., 1812, nom. illeg.
  • Hymenocallis caroliniana (L.) Herb., 1821
  • Hymenocallis ruizii M.Roem., 1847
  • Pancratium aegyptiacum M.Roem., 1847
  • Pancratium angustifolium M.Roem., 1847
  • Pancratium abchasicum Regel, 1860
  • Pancratium angustifolium Lojac., 1909, nom. illeg.
  • Pancratium barcinonense Sennen, 1928
  • Pancratium mirennae Mattei, 1928
  • Pancratium linosae Soldano et F.Conti, 2005[4]

Notas editar

  1. [Ligazón morta]
  2. A. A. Ali, M. A. Makboul, A. A. Attia & D. T. Ali (1990). "Chromones and flavans from Pancratium maritimum" 29 (2): 625–627. doi:10.1016/0031-9422(90)85130-8. 
  3. "Pancratium maritimum". Tropicos.org. Jardín Botánico de Misuri. Consultado o 13 de junio de 2013. 
  4. Sinónimos en Pancratium maritimum en PlantList

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar