Abrir o menú principal

Palabras de víspera

Obra dramática de Álvaro Cunqueiro

Palabras de víspera é unha obra dramática de Álvaro Cunqueiro publicada en 1974 (e 2003[1]) por Galaxia[2] e reeditada pola mesma editorial na Obra en galego Completa I (1980)[3]. Foi escrita en 1968.

Palabras de víspera
Autor/aÁlvaro Cunqueiro
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Teatro
EditorialEditorial Galaxia
Data de pub.1974
Páxinas170-195
ISBNISBN 84-7154-214-5

En 2017 Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda representou Palabras de víspera e outras pezas, de Álvaro Cunqueiro, baixo a dirección de Xoán Carlos Mejuto.[4]

Introdución do autorEditar

"Esta pequena peza iba ser unha longa peza, en tres actos, con muitos cadros. O tema eran dous: primeiro, a infanta Urraca, namorada de seu irmán Afonso que agasalla a este coa cidade que ten de seu, ben herdada, Zamora, e buscando quen mate ao outro irmán, Sancho, rei de Castela, tamén lle dá de gracia un novo reino; segundo, Afonso ten que xurar que non tivo parte na morte do irmán Sancho, como é sabido. Pro, pode alguén xurar que non tivo parte na morte de seu irmán? Tamén aparecería algún pantasma, coma o de outro irmán, aquel García, morto en Luna, no reino de León. Quizaves Belvis, a doncela da infanta Urraca houbese sido a amante de don García. A matinada peza pasou de ser este borrador. Quizaves apenas se poida ver nela a calidade da alma da infanta Urraca, o home Belido, nin as dúbidas de Afonso, quen puido ser, nun intre dado, un personaxe hamletián, que levaba as mortes dos irmáns, do rei de Galicia, do rei de Castela, no pensamento, pro non ousaba levalas nas mans. Que fixo, que dixo, coma sorriu ou pechou os ollos, pra lograr que outros ousasen e o servisen? Nese caso, xurar verdade ou xurar en falso, é un nonsense. Santa Gadea foi pra todos un mero formulismo xurídico. Afonso xura, e os casteláns baixan a cabeza. O Cid, no desterro, soio pensa en volver á amistade de Afonso, namentras gana o pan facéndolle a súa guerra ós mouros, e nunca máis se lembra de Sancho, asasinado no campo, a carón das murallas de Zamora. Pro Afonso, nas vísperas da xura, tivo que ter consigo mesmo algunha verba. Era o menos. Verbas de si pra si. [5]"

CaracterísticasEditar

A fonte argumental é historia me­dieval española, dela recolle Cunqueiro personaxes colaterais á xura de Sta. Gadea e ofrece a súa particu­lar versión (Dona Urraca e o rei Afonso son os personaxes escollidos como obxecto de análise, o Cid fica fora da atención do dramaturgo).

Estes feitos e época están tamén recollidos nas novelas Morte de Rei de Darío Xohán Cabana e Magog (1997) de María Gándara.

ContidoEditar

 
A protagonista da historia, Urraca de Zamora, segundo un gravado da revista Zamora Ilustrada de 1882.

Función en dous cadros cun epílogo.

Cadro primeiroEditar

Dona Urraca está soa no castelo (de Zamora). Laméntase da súa situación de sitiada polo rei Sancho e de como ama en segredo o seu irmán Afonso. Entra a súa doncela Belvís e logo o Encuberto ao que ela lle promete o seu amor, entregarse a el fuxir a Ultramar a cambio de que mate o rei Sancho. E el descobre o seu nome, Belido.

Cadro segundoEditar

Campamento do rei Afonso próximo a Santa Gadea.

Dialogan o Bispo de León e o conselleiro Maldonado:

"Xa. Pro supoñamos que mandaba un aviso ao irmán, contando con que o soupese de certo. O irmán meditaría o aviso dende as comenencias da súa política. El que quererá este, a quen convén a miña morte, avisándome desta treición? Si o creo, terei que matar o treidor, pero o treidor é meu amigo, meu compañeiro, meu confidente... Mato un amigo verdadeiro, e xa non terei endexamais amigos... Co asesino de seu irmán! Parez un caso de historia romana.[6]"

Chega Belvís con recado de dona Urraca dicindo que se é preciso ela virá con salvoconduto dos casteláns declarar que o rei Afonso non tivo parte na morte do seu irmán. Foi ela, e en lexítima defensa. E tamén trae recado privado para o rei Afonso, que Belido non entrou na súa cama, que puxo a escusa de que non o deixará mentres Afonso non sexa rei de Castela. Que logo buscará outra escusa e mentres quere que a saque de Zamora. O rei Afonso acepta que Urraca vaia a Luna e Belido escape de Zamora antes de chegar a xustiza. Tamén fala Belvís dos últimos días de Don García, o outro irmán, do que estaba namorada.

E remata o bispo:

"En poridade, un neno, un inocente, non pode ter culpa. Pro pra que non teñades remorsos, eu poido absolbervos dunha sombra soia de pensamento maligno...[7]"

NotasEditar

  1. "Don Hamlet". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-08-03. 
  2. Cunqueiro, Álvaro (1974). Don Hamlet e tres pezas máis. Galaxia. ISBN 84-7154-214-5. 
  3. Cunqueiro, Álvaro (1980). Obra en galego completa. Poesía.teatro I. Galaxia. ISBN 84-7154-358-3. 
  4. "Palabras de víspera. Axenda cultural AELG". Consultado o 2019-08-03. 
  5. Cunqueiro 1974, p. introdución.
  6. Cunqueiro 1974, p. 184.
  7. Cunqueiro 1974, p. 195.