Os insectos na cultura popular galega


As avelaíñas editar

En Galicia crese que as avelaíñas son as almas dos nosos devanceiros que toman esta forma -dun xeito circunstancial e momentáneo, segundo Risco [1].- para aparecerse ante os mortais. Crese que as de alas brancas son almas redimidas que veñen agradecer as oracións ou esmolas por elas ofrecidas, mentres que as avelaíñas de alas negras son almas que aínda están no purgatorio e veñen implorar máis oracións.

Tamén está estendida a crenza de que as primeiras veñen traer boas noticias ou a próxima chegada dunha carta dalgún familiar ausente con novidades agradables. As segundas, polo contrario, considéranse de mal agoiro. En calquera caso, Eladio Rodríguez asegura que os campesiños galegos nunca maltratarán unha avelaíña, por temor ou respecto ós seus poderes [2].

Cantigueiro
  • Miña nai, do meu amor/ hoxe ou mañá terei carta/ que vin unha bolboreta/ na miña roca pousada [3].

Os escaravellos editar

Locucións
  • Ser coma/parecer o escaravello da bosta: ser unha persoa desagradable ou fea [4].
Cantigueiro
  • Miña comadre Pelonia,/ veño a que me preste un pan./ Meu compadre escaravello,/ ¿logo que fixo no vran?.
  • O chasco e mais o carrizo/ e mais o escaravello/ anduveron ôs moquetes/ no medio do aparello [5].

As formigas editar

Léxico
  • Cera das formigas: zume que deitan cerdeiras, ameixeiras ou pexegueiros no tronco; tamén recibe o nome popular de mel de cuco [6].
  • Pito formigueiro: peto carpinteiro [7].
Refraneiro
  • A formiga foi mexar ó mar e dixo que era unha axuda [8].
  • A formiga tamén quer a sua compañía.
  • Cada formiga ten a sua irra [9].
  • Cando a formiga se quer perder, aas novas lle queren nacer.
  • Coa lúa de xaneiro, vese a formiga no carreiro.
  • Dá Dios aas á formiga pra que morra máis axiña.
Cantigueiro
  • Foi a merla onde a formiga/ e pedíulle un pan prestado;/ a formiga lle repuxo:/ Mentras andas na silveira,/ chirlo merlo, chirlo merlo,/ traballa de vrau/ pra comer de inverno [10].
  • Indo para Santa Baia,/ formigueiro de formigas,/ vindo para San Martiño/ ¡ai que lindas raparigas! [11].
  • Miña comadre formiga,/ meu compadre sandediós,/ temos os santos na casa/ encomendarnos a Dios [12].

Os grilos editar

  • Anda tu, pernas de grilo,/ pantorrillas de carneiro;/ pra contestares conmigo/ busca fianza pirmeiro [13].
  • Chamáchesme trangalleira, fouciño de porco chino,/ pernas de grilo retortas,/ anda conmigo con tino [14].
  • Eu vin, eu vin/ na casa da miña avó/ un grilo miudiño/ xogar ó dominó [15].
  • Vai de eí, pernas de grilo,/ pantorrillas de carneiro;/ se queres falar conmigo/ busca fianza pirmeiro [16].

A libélula editar

  • Galo merendeiro, galo monteiro: libélula [17].

As moscas editar

Refraneiro
  • A quen se fai de mel, cómeno as moscas.
  • As moscas no verau comen o mel e comen o gando.
  • Con mel cóllense as moscas [18].
  • Facédevos mel, e comeranvos as moscas [18].
  • Máis moscas se pillan con mel ca con fel.
  • Máis moscas xunta covo de mel que ola de vinagre [18].
  • Máis moscas xunta entena de mel que ola de vinagre.
  • Moscas comen o mel i o gando.
  • O día de san Sebastián ceiba as moscas Satanás.
  • Ó que se fai mel cómeno as moscas.
  • Ó que se volve mel, cómeno as moscas [18].
  • Quen se fai de mel, cómeno as moscas [18].
  • San Fernando, pulgas á xente e moscas ó gando [19].
  • San Sebastián, vinte de xaneiro, cando ceiba a mosca do demo.
  • San Simón, se me pillas unha mosca, douche un millón.
  • Trae as moscas san Fernando e lévaas san Cipriano [20].
Cantigueiro
  • Das alas de unha mosca/ hei de faguer un vestido/ e do que de il me sobre/ unha capa ao meu marido [21].
  • Voume por eiquí embaixo/ pillando moscas cun pondón/ e veu meu pai a correr/ e deume cun terrón nas costas [22].

Os piollos editar

  • Cando a semana está de piollos, no val mudar a camisa [23].
  • Cando o ano é de piollos, non vale mudar camisa.
  • Cando se pon a pardela a espiollar non tarda un día o vendaval.
  • Díxolle o peite ó tiñoso: tírate alá, piolloso.

As pulgas editar

Refraneiro
  • Día de santa Lucía, o salto dunha pulga ó día [24].
  • No mes de san Xoán, pícanlle as pulgas no rabo ó can.
  • Ó can fraco todo se lle volven pulgas [25].
  • O que se deita con cás, érguese con pulgas [25].
  • San Fernando, pulgas á xente e moscas ó gando [19]
Cantigueiro
  • Ao subir as escaleiras/ unha pulga me picou,/ collina polas orellas,/ que man de piñas levou [26].
  • As tellas do teu tellado/ botan auga sen chover;/ as pulgas da túa cama/ xa me poden coñecer [27].
  • Caséime cunha señora/ coidando que tiña don:/ tiña piollos da libra/ e pulgas da cuarterón.
  • Creste que eres moi rica/ porque teñas catro vacas/ e ti o que tes son pulgas,/ unhas gordas i outras flacas [28].
  • Estando na miña cama/ deitado co meu rapaz/ unha pulga deulle un couce/ e tirouno tras do arcaz [29].
  • Na camisa teño pulgas/ no xibón teño piollos,/ ¡e téñenme moita invidia!/ ¡inda lles caian os ollos!
  • O curazón dunha pulga/ quen o soubera guisar!/ daba xantar e merenda/ e cea para cear [30].
  • O piollo e maila pulga/ andan no monte a rozar;/ alá vai o carrapato/ derreado co xantar [31].
  • O piollo e maila pulga/ andan no monte a rozar;/ alá vai o carrapato/ derreado co xantar.
  • O piollo estaba malo,/ a pulga estaba parida;/ o ladrón do escarrapacho/ tiña a espenilla caída.

O saltón editar

  • Ano de saltón, ano de perdigón [32][33].

A traza editar

  • Tes mañas de zorro vello,/ pero eu téñoas de ardilla;/ son lista, pois non te quero/ e has de criar polilla [34].
  • Ventana de pau de bido,/ mala polilla te coma:/ por causa de ti, ventana,/ perdín a miña señora [35].

A xoaniña editar

Sinonimia: avelaira, avelairiña, boíña, buíña, cascarrubia, costureiriña, cuco-rei, maruxiña, mosca de deus, papasol, papasolín, penoniña, polboretiña de deus, rei, rei-rei, rinchín, xoana, xoano, xuaniña, xuano [36].

As mozas que queren casar colocan este insecto na palma da man e recitan estes versos: "Cuco-rei, cuco-rei, ¿por onde amores terei?". Cando a xoaniña levante o vo, a dirección que colla indica de onde virá o noivo desexado. Cunha fórmula semellante, os rapaces pregúntanlle cantos anos vivirán: "Cuco-rei, cuco-rei, ¿cántos anos vivirei?"; e tantos números como lles dea tempo a contar antes de que alce o vo, tantos anos se supón que vivirán [37].

  • Papasolín, cúntame os dedos, marcha pal cielo, e volve pa min [38].
  • Xoaniña de Dios, cóntame os dedos e vaite con Dios [39].
  • Xoaniña, voa, voa, que che dou pan con sebola [39].
  • Xoaniña, voa, voa,/ que teu pai está en Lisboa/ e túa nai está na cama/ a comer pan e cebola [39].

Notas editar

  1. Vicente Risco, 419. Risco lembra que xa os gregos consideraban que a alma saía do corpo en forma de bolboreta.
  2. Eladio Rodríguez González, s. v. avelaíña.
  3. Xaquín Lorenzo Fernández, 99. No orixinal: volvoreta. Cantiga baseada na crenza de que as bolboretas son mensaxeiras dos ausentes (e dos defuntos).
  4. Cerviño Ferrín.
  5. Fermín Bouza Brey, 162.
  6. Aníbal Otero, s. v. cera.
  7. Eligio Rivas Quintas 2001, s. v. pito.
  8. Clodio González Pérez, 141.
  9. Irra é variante local de ira, cólera.
  10. Eligio Rivas Quintas 1978.
  11. Refírese a Santa Baia de Ribadumia e San Martiño de Meis, parroquias estremeiras. Fermín Bouza-Brey, 172.
  12. Fermín Bouza-Brey, 162.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández, 39.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 62.
  15. Xaquín Lorenzo Fernández, 84. No orixinal: abó.
  16. Xaquín Lorenzo Fernández, 160. No orixinal: ehí.
  17. Rivas Quintas 2001, s. v. galo.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 Eladio Rodríguez González, s. v. mel.
  19. 19,0 19,1 San Fernando, 30 de maio.
  20. San Fernando, 30 de maio; San Cibrao, 16 de setembro.
  21. Xaquín Lorenzo Fernández, 66.
  22. Xaquín Lorenzo Fernández, 163. O pondón, ou pendón, é a flor masculina do millo.
  23. Eladio Rodríguez González, s. v. semana.
  24. En Santa Lucía, 13 de decembro, comezan a medrar os días, aínda que moi lentamente.
  25. 25,0 25,1 Eladio Rodríguez González, s. v. can.
  26. Álvaro das Casas, 216. No orixinal: pol-as.
  27. Xaquín Lorenzo Fernández, 50.
  28. Xaquín Lorenzo Fernández, 65. No orixinal: créste, tí.
  29. Xaquín Lorenzo Fernández, 77.
  30. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. No orixinal: de unha.
  31. Xaquín Lorenzo Fernández, 122.
  32. Real Academia Galega 1913, s. v. ano.
  33. Eladio Rodríguez González, s. v. ano.
  34. Xaquín Lorenzo Fernández, 154). Xaquín Lorenzo supón que se trata dunha cantiga importada.
  35. Xaquín Lorenzo Fernández, 161.
  36. Leandro Carré Alvarellos, Xosé Luís Franco Grande, Constantino García González, Elixio Rivas Quintas, Eladio Rodríguez González.
  37. Eladio Rodríguez González, s. v. cuco.
  38. Elixio Rivas Quintas 1978, s. v. papasolín.
  39. 39,0 39,1 39,2 Elixio Rivas Quintas 1978, s. v. xoaniña.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar