Orcavella

personaxe mitolóxico galego

Orcavella, tamén escrito Orcabella ou Orca Vella, é unha personaxe fantástica da mitoloxía galega con forma de muller con poderes extraordinarios e gran crueldade.[1]

Orcavella asaltando uns pícaros.
Orcavella antes de cubrir o seu propio sartego cunha laxe.

Características editar

Un viaxeiro navarro do século XVI chamado Julián Íñiguez de Medrano, escribiu na súa Silva curiosa (publicada en París por Nicolas Chesneau, en 1583)[2] o relato que lle contou un pastor mentres peregrinaba a Fisterra, quen a describe como "unha muller bárbara, vella e fea, que chegou a Galicia en tempos de guerra cos mouros e os pagáns".[1] Dise que podía matar só coa ollada ou rozando coa man a calquera ser vivo. Devoraba nenos e tamén se podía facer invisible.[1] Viviu 176 anos e deixou medio reino de Galicia despoboado pola súa voracidade.[2]

Cansa de vivir, retirouse a unhas penas (preto de Fisterra) nas que escavou a súa sepultura coa axuda dun pastor que tiña encantado. Antes de cubrir o sartego cunha enorme laxe, espiuse e abrazando o pastor, meteuse na sepultura deitada enriba del. Despois fixo caer a laxe sobre os dous corpos. O pastor pediu con grandes berros que o viñesen valer, pero os seus compañeiros nada puideron cando viron que o sepulcro estaba cuberto coa laxe e arrodeado de serpes.[2]

Etimoloxía editar

Hai varias hipóteses sobre o nome de Orcavella. Podería ser que o seu nome derive de arca, "tumba" ou que faga referencia ao seu carácter caníbal, ou sexa unha ogra ou unha orca.[1]

Mitos relacionados editar

É común a outros mitos europeos como a Cailleach Bheur das Highlands de Escocia (unha bruxa horrible que representa o inverno), a Cailleach Bear de Irlanda e a Caillagh ny Groamagh da illa de Man. Todas elas son chamadas tamén "vellas".[1]

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar