Oración (gramática)

A oración é a mínima unidade comunicacional, con significado completo. Isto significa que é o fragmento máis pequeno do enunciado que comunica unha idea total, e posúe independencia (é dicir, podería sacarse do contexto e seguir comunicando, non o mesmo, pero algo). As oracións están delimitadas prosodicamente por pausas e graficamente por comas ou puntos. Nas escolas formalistas, é a unidade de análise fundamental.

Árbore sintáctica, para unha oración composta (el niño que me saludó me odia) na que a oración subordinada é unha oración de relativo.

Categorización estrutural

editar

Estruturalmente, pode separarse segundo a cantidade de sintagmas que posúa:

Oración unimembre

editar

As oracións unimembres son tamén chamados "predicados directos" e están compostas por unha palabra ou un grupo reducido de palabras. Estas considéranse oracións en virtude da definición dada antes: satisfán as necesidades comunicativas do falante, é dicir, comunican.

Por razóns obvias, non se poden analizar mediante o paradigma suxeito-predicado, senón que teñen a súa propia categorización segundo o tipo de información que comunican. Así a todo, normalmente a análise morfosintáctica non lles presta máis atención ca esta, pois ao ser grupos tan estreitamente vinculados, é difícil seccionalos.

As oracións unimembres poden entón ser:

  • Interxeccións: están compostas polo xeral dunha soa palabra, divídense tamén en propias e impropias.
  • Frases Admirativas: estes son grupos de palabras que están completamente estereotipadas. Entre estas, as que seguen a forma "Que adxectivo" son extremadamente produtivas e comúns.
  • Vocativos: son aquelas que serven para apelar a outra persoa, como "Meu!", ou "Ti!".
  • Fórmulas estereotipadas: Son aquelas formas que co pasar dos anos fóronse fosilizando, por así dicilo, e pasaron converterse en grupos que se din como tales, sen reparar nas distintas partes dos mesmos, que deixaron de importar.
  • Condensacións: neste grupo cae unha gran cantidade de oracións unimembres, pois poden ser
  • preguntas ("que?", "quen?", "con que?", ...)
  • respostas ("non", "si", "si tal", ...)
  • desexos ("felicitacións", "parabéns", ...)
  • ordes ("silencio!", "fóra!", ...)
  • exclamacións ("o meu ombro!", ...)
  • e a aínda máis laxa categoría de "información condensada", na que caben tódalas que non caben en ningunha outra.

Como calquera se pode dar conta, as categorías das unimembres son a miúdo contraditorias e confunden os seis límites con facilidade. Isto probablemente reflicte o pouco coidado co que foron tratadas dende a perspectiva funcional, e coa imposibilidade de darlles un trato máis coidadoso dende unha estrutural. Cabe dicir ademais que son extremadamente dependentes do contexto para a súa correcta interpretación (sobre todo as condensacións).

Oración bimembre

editar

As oracións bimembres son aquelas que posúen dous ou máis membros (ou sintagmas) e poden, polo tanto, ser analizadas estruturalmente segundo as súas partes. Recoñécense dous grandes grupos: as averbais e as verbais.

Oración bimembre averbal

editar

As oracións bimembres averbais non posúen verbos conxugados (os verboides, ou "tempos non persoais do verbo" - xerundio, participio e infinitivo - non son parte do paradigma de conxugación) e compóñense de dúas partes: o soporte e a achega. A relación entre estas dúas achegas é de interdependencia. Son extremadamente comúns en titulares de diarios e contextos polo estilo.

O soporte é a parte da oración de carácter nominal que senta o tópico da oración, sobre o que esta versará.

A achega, pola contra, pode ser tanto nominal, como adxectivo, adverbial ou ata estar formado por un complemento. Hai ata algúns que se compoñen de palabras ou frases soltas. Constitúe o versado sobre o tema que presenta o soporte. Algúns exemplos:

  • Novak Đoković, número un do mundo.
  • Meryl Streep, premiada pola Academia.
  • A selección de fútbol, moi preto do triunfo.
  • En perigo vítimas de choque.

Nos exemplos vense achegas de carácter nominal, adxectivo, adverbial e constituído por un complemento respectivamente. O cuarto exemplo serve para ilustrar que a orde soporte-achega non é estática e ten que ver máis co matiz que o enunciante lle quere dar á oración.

Oración bimembre verbal

editar

A oración bimembre verbal é a oración "típica", por así dicilo, que se forma con dous sintagmas (un de carácter nominal que constitúe o suxeito e outro de carácter verbal que forma o predicado). A principal diferenza que ten coa oración averbal antes vista é que naquela considérase que a información que outorga o verbo é omitible, pois o importante é o que se quere dicir do tema que sexa, mentres que nesta considérase esencial. Isto xeralmente porque os verbos omitidos nas averbais son verbos copulativos (como "ser", ou "estar"), mentres que os das verbais son verbos que comunican accións máis específicas (como "prometer", "asasinar", ou "derrogar"). Por isto, a oración bimembre verbal é a que menos depende do contexto no que se encontra, e polo mesmo, a máis autónoma.

A oración bimembre verbal pode, ademais, ser clasificada segundo as propiedades dos seus sintagmas, é dicir, analizando as propiedades do sintagma nominal (separando entre oracións persoais e oracións impersoais e as súas clasificacións) e as do sintagma verbal (separando entre oracións complexas e oracións simples).

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar