Unha onna-bugeisha (en xaponés: 女武芸者) era un tipo de muller guerreira pertencente á nobreza xaponesa. Participaban en batallas, xeralmente a carón dos samurais homes, e formaban parte da clase bushi (samurai) na sociedade feudal xaponesa. Ao igual que eles, tamén eran adestradas no uso de armas para protexer o seu fogar, familia e honra en tempos de guerra. Algunhas onna-bugeisha coñecidas foron Tomoe Gozen, Nakano Takeko ou Hangaku Gozen.

Ishi-jo brandindo unha lanza naginata, por Utagawa Kuniyoshi.

Historia

editar

Moito tempo antes da emerxencia dos coñecidos samurais, os guerreiros xaponeses eran intensamente adestrados para brandir unha espada e unha lanza. As mulleres aprendían a usar a lanza naginata, a daga kaiken e a arte do tantōjutsu na batalla. Adestralas aseguraba a protección naquelas comunidades con falta de guerreiros homes. Unha destas mulleres, posteriormente coñecida como a Emperatriz Jingū (c. 169269), usou as súas habilidades para provocar un cambio económico e social. É recoñecida por ser a onna-bugeisha que liderou a invasión de Corea no ano 200 trala morte en batalla do seu marido, o Emperador Chūai (o décimo cuarto emperador do Xapón).

De acordo coa lenda, conquistou Corea milagrosamente sen verter unha soa pinga de sangue. A pesar das controversias arredor da súa existencia e as súas fazañas, foi un perfecto exemplo de onna-bugeisha.

Durante os períodos Heian e Kamakura, as mulleres que participaron no campo de batalla foron máis unha excepción que unha constante. Os ideais xaponeses da feminidade predispuxeron a moitas mulleres a adoptar un rol de submisión e impotencia, en conflito co papel dunha muller guerreira.[1]

Período Kamakura

editar

As guerras Genpei (11801185) marcaron o comezo do conflito entre os clans Taira e Minamoto; dous dos clans máis prominentes e poderosos cara á fin do período Heian. A epopea Heike monogatari foi escrita no século XIII para commemorar as historias dos valentes e devotos samurais.[2] Entre eles atópase Tomoe Gozen, serva de Minamoto no Yoshinaka, membro do clan Minamoto. Ela axudou a Yoshinaka a defenderse dos ataques do seu curmán, Minamoto no Yoritomo. Durante a batalla de Awazu (o 21 de febreiro de 1184) infiltrouse entre as forzas inimigas, arroxouse contra o seu guerreiro máis forte, descabalgouno, apresouno e decapitouno.[1]

En Heike monogatari descríbese a Tomoe Gozen como unha muller "particularmente bela, coa pel branca, pelo longo e faccións encantadoras". Tamén foi unha notábel arqueira e sempre que unha batalla era inminente, Yoshinaka enviábaa de primeira capitá, equipada cunha forte armadura, un escudo enorme e un poderoso arco. Aínda que non se demostrou que Tomoe Gozen fose unha figura histórica, tivo un grande impacto na clase guerreira e nas escolas tradicionais de naginata. As súas fazañas tamén formaron parte de obras de teatro como "Tomoe no Monogatari", así como en varias pinturas de estilo ukiyo-e.

En 1185, estabeleceuse o shogunato Kamakura baixo o mandato de Minamoto no Yoritomo, tras frustrar as intencións do clan Taira. Após a súa morte, a súa muller Hōjō Masako converteuse na primeira onna-bugeisha en xogar un papel prominente na política. Masako fíxose monxa budista, un destino habitual para as viúvas de samurais, pero continuou participando activamente na política. Influíu nas vidas dos seus fillos Minamoto no Yoriie e Minamoto no Sanetomo (segundo e terceiro shōgun respectivamente) e nas decisións da facción do clan Hōjō na corte do shōgun.[3]

A través dos esforzos colectivos de Masako e uns poucos monicreques políticos, as leis de goberno da corte do shōgun de comezos do século XIII, permitiron que as mulleres tivesen os mesmos dereitos de herdanza que os seus parentes fraternos. Aínda que o papel principal da muller no Xapón seguía a ser o de coidar da familia e dos seus maridos, adquiriron un maior status dentro do fogar. Estas leis tamén permitiron ás mulleres xaponesas controlar as finanzas, o legado de propiedades, o mantemento das casas, contratar servos e criar os seus fillos de acordo cunha boa educación samurai. Tamén se esperaba delas que defendesen os seus fogares en tempos de guerra.

Período Edo

editar

Por mor da influencia da filosofía neoconfucianista e o estabelecemento dun mercado matrimonial no período Edo (16001868), o status das onna-bugeisha diminuíu significativamente. A súa función cambiou así como a dos seus maridos. Os samurais deixaron de implicarse nas batallas e nas guerras, pasando a ter un rol máis burocrático. As mulleres, e especialmente as fillas de clase alta, axiña se converteron en peóns nos plans de éxito e poder das súas familias. Os ideais de devoción valente e autosacrificio foron gradualmente substituídos por unha obediencia silenciosa e pasiva.

Viaxar durante o período Edo era moi esixente e inseguro para moitas mulleres debido ás duras restriccións. Sempre tiñan que estar acompañadas por un home, xa que non se lles permitía viaxar por si mesmas. Amais, tiñan que posuír permisos específicos argumentando os seus motivos ou negocios. As mulleres samurais tamén foron duramente acosadas polos oficiais que controlaban os puntos de inspección.

O comezo do século XVII supuxo unha transformación moi significativa da aceptación social das mulleres no Xapón. Moitos samurais víanas como meras criadoras de nenos e o concepto dunha muller como compañeira de batalla xa non seguiu sendo concibíbel. A relación entre un marido e a súa dona era moi próxima a dun señor e o seu vasalo.

Porén, durante a batalla de Aizu da guerra Boshin en 1868, Nakano Takeko, unha muller membro do clan Aizu, foi recrutada para liderar un corpo de combate feminino e facer fronte ao embate dos 20 000 guerreiros das tropas do Exército Imperial Xaponés do dominio Ōgaki. Takeko era moi hábil coa lanza naginata e, xunto co seu grupo de 20 mulleres, uniuse a outros 3 000 samurais na batalla. Mentres lideraba unha carga,[4] recibiu un disparo mortal no peito. No canto de deixar que o inimigo capturase a súa testa como un trofeo, pediulle á súa irmá, Yūko, que lla cortase e a enterrase. Foi levada ó templo Hōkai (na actual Aizubange, Fukushima) e enterrada debaixo dun piñeiro.[5]

Un monumento dedicado a ela foi erixido a carón da súa tumba no templo Hōkai; e o almirante da Mariña Xaponesa Dewa Shigetō estivo involucrado na súa construción.[5]

A súa arma de elección máis popular era a lanza naginata. Grazas á súa longura e a súa coitela curvada, compensaba a maior forza e tamaño corporal dos opoñentes masculinos.[6] Debido a que esta arma foi usada por moitas mulleres guerreiras lendarias, chegou a se converter nunha imaxe icónica das onna-bugeisha. Durante o período Edo, creáronse moitas escolas que se centraron no seu ensino a mulleres, polo que se perpetuou aínda máis a súa asociación feminina.

Por outra parte, como a maior parte do tempo a función das onna-bugeisha era protexer o seu fogar de intrusos, deuse maior énfase ao uso de armas de longo alcance para ser disparadas dende estruturas defensivas.[6]

  1. 1,0 1,1 "Women Warriors of Japan: Early History". Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2012. Consultado o 30 de xuño de 2018. 
  2. McCullough, Helen (1988). Standford UP, ed. The Tale of the Heike. Standford, CA. p. 6. 
  3. "Hōjō Masako". Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2018. Consultado o 30 de xuño de 2018. 
  4. Yamakawa Kenjirō; Munekawa Toraji (1926). Hoshū Aizu Byakkotai jūkyūshi-den. Wakamatsu: Aizu Chōrei Gikai. p. 69.
  5. 5,0 5,1 Yamakawa Kenjirō; Munekawa Toraji (1926). Hoshū Aizu Byakkotai jūkyūshi-den. Wakamatsu: Aizu Chōrei Gikai. pp. 63–64.
  6. 6,0 6,1 "Women Warriors of Japan: The Edo Period, an Enforced Peace". Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2012. Consultado o 30 de xuño de 2018. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar